Investigación do fiscal pola contaminación por amianto

Investigación do fiscal pola contaminación por amianto

Investigación do fiscal pola contaminación por amianto

O fiscal superior de Galicia iniciará unha investigación sobre posibles repercusións penais derivadas da contaminación por amianto. Así o explicaron a deputada autonómica Beatriz Sestayo e a parlamentaria no Congreso Paloma Rodríguez, xunto con representantes da asociación de afectados polo Amianto, logo dun encontro co fiscal, hoxe na Coruña.

 

Sestayo explicou que o fiscal recibiu hoxe un dosier sobre as posibles consecuencias penais da contaminación provocada por esta substancia nos traballadores galegos, nomeadamente no naval ferrolá, para que “estude as accións a tomar para defender aos afectados”.

 

A parlamentaria socialista salientou a receptividade do fiscal superior, que se comprometeu a “estudar a documentación e probablemente derivar a cuestión ás fiscalías oportunas”. As socialistas galegas subliñaron a existencia de casos de contaminación mesmo cando xa había lexislación que o prohibía e riscos laborais evidentes susceptibles de responsabilidade penal.

 

Sestayo sinala que Galicia, e dentro dela Ferrol, é o lugar de Europa con mais casos de persoas afectada polo amianto, logo dos anos de traballo nos estaleiros sen a protección acaída, debido á falla de compromiso dos sectores empresariais coas medidas de seguridade.

 

Sinala que esta cidade galega ten unha alta incidencia de casos de mesotelioma, enfermidade vencellada á exposición a esta substancia en mais do 90 por cento dos casos. Explica que moitos dos traballadores dos estaleiros, que entraron aos 14 anos na escola de aprendices da antiga Bazán, estiveron expostos ás partículas sen unha información “agochada conscientemente cando xa se coñecía o seu efecto canceríxeno”.

 

A incidencia é tal que o goberno presidido por Emilio Pérez Touriño puxo en funcionamento a unidade de atención aos doentes afectados polo amianto no hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. Na actualidade a dita unidade atende a 1.136 doentes, polo que se atopa desbordada e acumula listas de espera cunha demora de un ano “nunha patoloxía onde o atraso de atención conduce indefectible á morte”.

 

Lamenta que os afectados “vense abocados a pasar por un calvario de procesos xudiciais, nos que é frecuente ver aos demandantes profundamente diezmados pola patoloxía ou ben ás súas viúvas”, malia que hoxe está demostrada a súa relación con casos de cancro de pleura ou pulmón.

 

Por este motivo considera “de xustiza” que “quen non tomou as medidas para evitar a exposición dos traballadores ao amianto, quen ocultou torticeiramente os efectos letais, repare a vida das persoas na medida do posible”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar