Intolerable pasividade do Valedor con relación á Mina de Corcoesto

Intolerable pasividade do Valedor con relación á Mina de Corcoesto

Intolerable pasividade do Valedor con relación á Mina de Corcoesto

O Secretario Xeral Provincial do PSdeG-PSOE da Coruña e parlamentario autonómico, Francisco Caamaño, e a portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, presentaron en rolda de prensa dúas iniciativas relativas á explotación proxectada da mina de ouro de Corcoesto, en Cabana de Bergantiños.

Segundo explicou o responsable provincial dos socialistas galegos, a explotación a ceo aberto que pretende implantarse aproveitando a vella mina de ouro de Corcoesto suporá, como moito, “outro para hoxe e arsénico para sempre” na comarca. Os socialistas, que rexeitan a explotación da mina por unha compañía canadiana, denuncian o risco ambiental e económico para a comarca.

Caamaño, que salientou a feble consistencia da declaración de impacto ambiental, “que non supera o mínimo rigor científico” e condenou que se estean ofrecend postos de traballo cando a empresa aínda non ten as licencias administrativas para poder comezar a explotación.

O Secretario Xeral do PSdeG da provincia da Coruña esgrimiu en contra da implantación desta explotación aurífera o último estudo do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Facultade de Farmacia da USC, e que pon de manifesto que os niveis de arsénico acumulados no río Anllóns, que discorre pola zona afectada, supera en 12 veces os niveis aceptables de arsénico dos índices de tolerancia recomendados. “Se isto sucede logo de 83 anos, cando cesou a explotación da vella mina, que non sucederá cunha explotación a ceo aberto como a que pretenden na actualidade”, dixo o tamén parlamentario socialista.

Ademais, este informe, publicado pola Sociedade Galega de Historia Natural, aportou tamén proxeccións sobre as consecuencias sobre a zona en caso de rebentar as balsas da explotación mineira e que advirten de danos superiores aos de Aznalcóllar, en Sevilla, e que afectara ao Parque de Doñana.

Os socialistas coruñeses decidiron acudir ao Grupo Socialista para canalizar as súas demandas ao respecto da mina de Corcoesto a través dunha iniciativa ante a Cámarae outra ante o Valedor do Pobo.

A deputada Patricia Vilán anunciou a presentación hoxe ante o rexistro do Valedor dunha queixa para que este organismo proceda a realizar a oportuna investigación en relación ao trámite e validez administrativa realizada pola Xunta de Galicia en todo o concernente á mina proxectada en Corcoesto.

Os socialistas manifestaron a súa disconformidade coa actuación do Valedor, José Julio Fernández Rodríguez, que despachou no seu Informe este asunto con “sete liñas” dicindo que tiña recibido queixas e que a xestión dos residuos estaba “pendente de aclaración definitiva”. Por iso, insisten os socialistas en “que sexa o Valedor o que inste á Xunta a clarexalo”.

Sobre todo tendo en conta que a súa homóloga a nivel do Estado, a Defensora del Pueblo, xa decidiu a apertura de oficio dun expediente sobre a mina de Corcoesto ao ter coñecemento Soledad Becerril dos estudos sobre os niveis de arsénico existentes e a proxección dos que se poderían acadar en caso de concederse a explotación a ceo aberto.

O Grupo Socialista tamén presentou unha Proposición non Lei para que se anule o informe favorable á declaración de impacto ambiental e se proceda á emisión dun novo informe que teña en conta os estudos científicos elaborados ata o de agora. Taén esixen que, de xeito inmediato se anule o permiso de investigación Julia 2, a Mineira de Corcoesto SL, nunhas 600 Ha de Cabanas de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso, que xa apareceu recollido no DOG do 8 de maio.

Patricia Vilán advertiu que finalmente poderían verse afectados polo cianuro e o arsénico empregados na extracción do ouro ata 7.500 hectáreas da comarca de Bergantiños. Unha comarca que, de xeito tradicional vive da agricultura, a gandería e o marisqueo. Actividades que, a xuízo da deputada socialista, “son as que debera potenciar a Xunta”, en lugar de actividades alleas as xentes da comarca e cuxa rendibilidade ponse en dúbida.

Neste senso, Caamaño e Vilán fixeron fincapé no engano que se agocha tras a oferta de emprego que acompaña á presenza da mina de ouro. Mentres Feijóo falaba de miles de postos en campaña, a empresa rebaixou estas espectativas a uns 130 empregos, que serían, advirten, “moi especializados e relacionados co manexo de explosivos e maquinaria específica da minería”, man de obra que non existe na comarca de Bergantiños. Os socialistas acusan á empresa e á Xunta de “xogar coa precariedade laboral existente na comarca” para acadar apoio social á mina de Corcoesto.

zp8497586rq

32641281A

Artigos relacionados

Pechar