Intervención íntegra de Gómez Besteiro no Comité Nacional

Intervención íntegra de Gómez Besteiro no Comité Nacional

Intervención íntegra de Gómez Besteiro no Comité Nacional

Bos días compañeiros e compañeiras.
Grazas por achegarvos ao Comité Nacional Galego.
Sei que o voso compromiso con este proxecto é grande así como o interese en escoitar o que hoxe falaremos aquí.
Creo que nunca en tan pouco tempo vivimos no partido unha sucesión de oportunidades e dificultades tan intensa. Diría incluso que tan casualmente seguidas no tempo.
Cómpre por iso deterse a reflexionar sobre todo o que está pasando para non perder a perspectiva:
Nin de cales foron os resultados electorais en Galicia nin do escenario que se nos presenta aos socialistas coas Eleccións Xerais ás portas.
Sempre, sen obviar as inesperadas dificultades que xurdiron á hora de plasmar resultados en poder institucional nalgúns lugares -estou a falar obviamente da perda contra prognóstico da Deputación de Lugo-; nin tampouco da situación persoal deste Secretario Xeral logo de que hai dúas semanas se me involucrara como imputado nunha instrución xudicial por un asunto de hai 10 anos.
De todo isto, quérovos trasladar a miña impresión e no seu caso, o meu compromiso de solucionar certas situacións naquelas que dependan da miña responsabilidade como Secretario Xeral así como o meu compromiso de ser coherente poñendo ao proxecto socialista por riba de todo se así chegara a ser necesario, naquelas situacións que dependan da vontade de terceiros.
Intentarei, non obstante, ser sintético nesta intervención inicial.
O proxecto colectivo do partido socialista para acadar o cambio en Galicia ten que estar por riba de todas as cousas.
De situacións persoais, de diferenzas de criterio, de xuízos do pasado a ollos do presente... incluso das circunstancias do seu Secretario Xeral.
Este episodio xudicial afecta á miña vida persoal e á miña vida familiar, poñendo en cuestión incluso como paguei o único piso que teño a medias coa miña muller.
Son unha persoa honrada que non ten nada que ocultar, cunha vida normal e un soño extraordinario, que é levar a este partido ao lugar que lle corresponde pola súa defensa firme e continua do benestar dos galegos.
Tal vez por iso xusto agora se me cuestione deste xeito.
Pero tende por seguro que non penso deixar que este episodio afecte nin á imaxe do partido nin ás posibilidades claras que temos de acadar o Goberno da Xunta.
A experiencia dinos que é en momentos difíciles cando os liderados e os proxectos serios amosan a súa fortaleza.
Nos próximos meses estas situacións complexas pódense suceder, pero é nestes momentos nos que o partido se debe mostrar forte, unido e capaz de centrarnos no noso principal obxectivo: derrotar á dereita e alcanzar o Goberno de Galicia.
É agora cando debemos demostrar aos galegos que os Socialistas estamos preparados para seguir incrementando a confianza que comezou a medrar de novo nas eleccións europeas e que volveu a facelo nestas municipais.
Que somos un partido capaz de dirixir Galicia, coas prioridades e as ideas claras. Non podemos caer nos erros doutros tempos.
É dicir, todos debemos antepor os intereses do partido aos desexos persoais. Todos.
Cómpre ter a cabeza fría e non poñer freo ao que estamos construíndo.
Porque os primeiros que saberán actuar con coherencia no momento no que unha situación persoal afecte o Partido, será esta executiva.
Do mesmo xeito, quero trasladar que no plano persoal mostrarei, tal e como fixen durante toda a miña vida política, total transparencia e as explicacións que sexan necesarias para aclarar esta situación.
Tal e como comuniquei á saída da pasada Executiva, nas próximas semanas irei informando con claridade dos detalles do proceso, sen que iso afecte á actividade de oposición política ao Partido Popular.
É o meu compromiso coa rendición de contas e a transparencia que asinei coa cidadanía desde que ostento un cargo público.
A min non me gustaría que un procedemento xudicial substituíse as decisións desta executiva, da militancia. Mesmo a dos cidadáns.
Pero tamén son plenamente consciente de que os tempos xudiciais non están suxeitos a ningún límite dese tipo.
Lamentablemente, neste partido xa temos sonadas experiencias de compañeiros que a pesares de ser imputados nun proceso xudicial, logo elixidos pola cidadanía e posteriormente exonerados de toda sospeita, quedaron danados na súa honra e imaxe pública.
Agardo que o caso non se repita.
En consecuencia, pido a comprensión que eu din neses casos e que todos demos neses momentos.
Eu non esquezo o apoio maioritario que me deu a militancia co seu voto para ocupar o lugar que ocupo.
Por iso non podo máis que correspondervos con responsabilidade, traballo e forza para superar todas as dificultades.
Síntome plenamente motivado para liderar e seguir construíndo este proxecto e ademais comprométome a facelo dende o lugar que se me permita que, de momento e agardo que por moito, será dende a primeira liña.
Estou disposto, por tanto, a seguir liderando este proxecto mentres conte co voso apoio, e mentres este desexo colectivo non choque cos intereses electorais do meu partido.
Esa confianza que me destes dende a militancia como Secretario Xeral tamén a estamos a recoller como partido no conxunto de Galicia por parte da cidadanía.
Hai moitas mensaxes que interpretar e leccións que aprender despois do 24 de maio.
Cousas que celebrar e sen dúbida autocrítica que facer.
Pero non debemos afastarnos da visión xeral que se corresponde cunha dereita que se derrubou como nunca lle pasara en Galicia e a dun Partido Socialista que segue a recuperar espazo.
Somos a única forza do Parlamento galego que recupera porcentaxe de voto de xeito ininterrompido dende as autonómicas de 2012. Isto hai que deixalo moi claro.
E así, a recuperación de poder institucional queda patente no incremento de 58 a 94 Alcaldías, moitas delas por maioría absoluta.
Por iso quero darvos as grazas a todas e cada un das persoas que configurastes as listas, aos concelleiros electos e non electos que traballastes á reo nas vosas candidaturas.
Quero felicitar aos Alcaldes e Alcaldesas, especialmente a aqueles que sodes elixidos por primeira vez.
E tamén temos que felicitar a Valentín e a Carmela porque van a rexenerar as Deputacións de A Coruña e Pontevedra, demostrando que hai outro xeito de facer as cousas.
Tal e como fixeramos durante oito anos na Deputación de Lugo, por moito que a algúns lles doa ou agora se afanen en terxiversar con mala intención todo o feito durante estes anos.
Falo por suposto do único que demostrou ser capaz de facer o PP durante estes días.
E aquí quero determe para destacar o grave prexuízo para o partido que supuxo a situación vivida na Deputación de Lugo.
Tal é como nos comprometimos na Executiva Galega, priorizaremos a recuperación da institución máis pronto que tarde para volver a plasmar o voto que expresaron os cidadáns o 24 de xuño, cos mellores resultados dos socialistas na provincia de Lugo na nosa historia.
Nunha situación de fragmentación política, o PSdeG sobrepúxose como o único partido capaz de liderar as maiorías de progreso nos concellos.
O PSdeG somos a forza determinante para que o cambio sexa posible porque ocupamos a centralidade da vida política.
Os acordos que os Socialistas establecemos tras as eleccións municipais tiveron como obxectivo conducir, colaborar e liderar o goberno do cambio que demandaron os cidadáns.
Son acordos que se axustaron ao rigor do noso programa, mantendo a esencia socialista das nosas propostas, mostrándonos coherentes coas ideas que defendemos.
Ao PSdeG tocaranos xestionar a diversidade política con toda a coherencia e madurez, e coa vontade de garantir a gobernabilidade e estabilidade nas institucións.
Neste feito, en saber xestionar a diversidade política, radicará parte do éxito da nosa solvencia á hora de gobernar.
Aos resultados contribuíu que a cidadanía vira no noso partido un proxecto municipalista solvente, que garante os servizos públicos, capaz de reforzar o sistema de protección ante as inxustizas e de conservar como sinal de identidade a participación dos veciños e a transparencia no uso dos recursos públicos.
Pero tamén foi grazas ao traballo continuado, a perseveranza, e bo facer dos nosos alcaldes e alcaldesas, concelleiros e membros das agrupacións locais que souberon gañarse a confianza dos seus veciños e transmitir de forma eficiente os valores que encarnamos os socialistas.
Por iso reitero o agradecemento en nome desta executiva, ao traballo desempeñado por todos os candidatos e militantes que participaron nas eleccións locais, polo seu compromiso, polo seu esforzo e por levar a bandeira do socialismo até o último recuncho do seu municipio.
Agora debemos traballar para que ningún concellos quede sen representación socialista.
As eleccións municipais son os comicios que mellor miden a forza e apoio social dun partido, e é así como estes resultados déixannos claro que o PSdeG está nunha posición máis positiva de cara a enfrontar os próximos retos.
Con todo, como sabedes, non en todos os lugares obtivemos os resultados esperados.
Especialmente significativos foron os colleitados nalgúns ámbitos urbanos. Aquí radica algo importante.
Non se trata tanto da perda de votos como da evidente perda de relación directa cos sectores sociais urbanos o que realmente ten que ser obxecto do noso estudo e reflexión.
Non debemos quedarnos na análise dos resultados, e si no proceso que nos levou a ter eses resultados.
Os proxectos políticos cos que nos presentabamos nas cidades eran bos proxectos.
Temos que avaliar por que nalgunhas delas non fomos quen de trasladalos, e mellorar como facelo.
Asumo por suposto a parte de responsabilidade que como Secretario Xeral tiven neses resultados e agora teño no traballo de recuperación deses lugares.
Se ben é certo, que dunha posición de protesta na oposición ante maiorías absolutas do PP pasamos a outra ben distinta:
- Estamos en posición de condicionar ao goberno e incluso participar nel nas cidades.
- Estamos en posición de facer de contraforte a través das Deputación Provinciais.
Baixamos a nivel cuantitativo, pero melloramos cualitativamente a nosa posición.
Que significa isto? Que temos unha oportunidade única para recuperar a confianza dos cidadáns a través de traballo institucional
Porque detrás das cifras globais que nos levaron a incrementar o goberno en tantas vilas e a gañar as deputacións de A Coruña e Pontevedra, se atopa o aval da cidadanía a outra forma de gobernar que significa un cambio do proposto pola dereita ata o de agora.
E por iso non debemos perder un intre á hora de poñer a traballar este poder institucional ao servizo da cidadanía, transformando especialmente aqueles lugares nos que nunca houbo algo distinto á dereita, como sucede na Deputación de Pontevedra.

Feijóo demostrou nesta campaña que non coñece en absoluto o país que goberna.
É difícil atopar na historia de Galicia un goberno tan pouco comprometido cos intereses do noso país.
E demostrouno tanto por auspiciar o medo aos radicalismos obviando os problemas reais do que el é responsable tales como o desemprego, a precariedade e a falta de oportunidades, como por intentar colocar a dedo amigos afines a modo de delegados locais da Xunta que asumiran as súas políticas de recortes e empobrecemento.
Para mostra, o sucedido en Vigo.
Descoñece por completo a potencia da Administración Local para mellorar a vida das persoas e que os socialistas levamos poñendo en práctica dende hai anos.
Pero o erro da dereita non se percibe só nos resultados, percíbese irremediablemente nas consecuencias que as súas políticas teñen sobre a vida dos galegos.
Por iso non debemos deixar de lembrar a realidade que Feijóo tratará todos os días que esquezamos.
A realidade que se corresponde cun país de eivas para facer a vida nel e cunha terra cada vez máis erma de oportunidades.
Cunha Galicia cada vez máis afastada de España e incapaz de subirse a ningunha onda de recuperación posible, por mínima que esta sexa.

Sempre que facemos a mesma radiografía o escenario nunca vai a mellor:
Segundo os datos do primeiro trimestre do ano, Galicia foi a segunda CCAA que menor crecemento do PIB obtivo de toda España, un 0,9% fronte ao 2,7% do conxunto do estado.

Se nos detemos nos datos por sectores de actividade, en todos menos no sector primario, Galicia está por baixo do resto de España.
No caso da industria, o PIB de Galicia sitúase no -0,4, mentres no resto de España sitúase no 2,7%.
Mentres que na produción industrial, Galicia volve estar en índices negativos, un -0,4% no primeiro trimestre de 2015, fronte ao 1,3% da media estatal.
Só cinco CCAA están en datos negativos en Produción Industrial e unha delas é Galicia.
Segue habendo unha redución da participación laboral da poboación galega, descendendo a poboación activa nun 1,3%, 16.600 persoas menos que o ano anterior.
Se nos detemos na poboación activa de 25 a 39 anos, o dato é aínda máis grave, xa que a caída é dun 4,3% ou, o que é o mesmo, 21.300 persoas novas menos.
Aumenta o número de fogares que non contan con ningún tipo de ingreso.
A taxa de paro segue manténdose como a máis elevada das CCAA do norte de España.
Galicia é unhas das comunidades que menos emprego crea, e na que menos caída do paro hai.
Resumo: cada vez máis lentos, cada vez máis pobres, cada vez máis desiguais, cada vez menos galegos.
É triste que un Presidente da Xunta non poida alegrarse porque as cousas vaian a mellor en Galicia.
Feijóo non pode alegrarse por nada do que lle pasa aos galegos baixo o seu mandato.
Tan só demostrou que se alegra polo que lle poida pasar ao líder da oposición.
Non agardan que nada bo lle pase aos galegos, tan só agardan que algo malo lle suceda ao Secretario Xeral do PSdeG.
Non lles imos dar ese gusto.
E quero dicirlle á dereita que o proxecto colectivo deste partido pesa moito máis que as súas gañas de que a oposición lle aparezan atrancos no camiño.
Que as siglas do PSdeG levan moito máis consigo que calquera recorte e inxustiza da Xunta de Galicia.
E que as persoas que sustentan o socialismo cos seus votos non teñen medo e esixirán un entendemento que traerá o cambio a este país.

Está ao noso alcance conseguir arrebatarlle á dereita a Xunta de Galicia.
E non por un cambio de ciclo, senón polo esforzo de todos nós.
Feijóo sabe que o seu tempo se acaba, e que todo depende da forza que nós teñamos.
Un presidente que fai oposición, que fai de analista político e non de xestor público, un presidente que pasa máis tempo fóra de Galicia que dentro, non merece seguir tendo a honra de presidir este país.
Un presidente que só cumpre co que lle ordenan desde Madrid, que buscou todas as fórmulas para manterse no poder, desde cambiar a lei electoral antes dunhas eleccións, até tratar de pactar á desesperada con partidos nas súas antípodas ideolóxicas e programáticas, non merece seguir tendo a honra de presidir este país.
Seguro que moitos dos que estamos aquí coñecemos do que é capaz o PP por manterse no poder.
Ou polo menos por arrebatarllo ao PSdeG, como sucedeu aos nosos compañeiros de Miño, onde hai un alcalde cun só concelleiro apoiado polo Partido Popular.
Este feito e outros moitos, demostran que o PP é un partido desesperado.
Porque a dereita cando perde o poder, perde o que realmente ansía, o que única e exclusivamente lle importa: o poder, non gobernar.
O PSdeG somos o partido colaborador, inclusivo e coordinador deste momento político actual; un partido que amosa respecto fronte á arrogancia e soberbia das outras forzas.
Hai algo que tamén deixaron moi claro as pasadas eleccións municipais.
A cidadanía dixo non á dereita, dixo non aos seus recortes, dixo non á súa arrogancia, dixo non a Rajoy e a Feijóo.
A cidadanía dixo sí ao o cambio, e a un cambio impulsado polo PSdeG.
Viron no noso partido o verdadeiro referente para liderar este tempo de cambio, un tempo cheo de desafíos que debemos afrontar manténdonos firmes nos nosos valores e no noso proxecto de progreso, de solidariedade, e de xustiza social.
Somos os protagonistas do cambio, porque a cidadanía recuperou a confianza en nós, volveu a ver que o cambio efectivo, responsable e solvente, tanto nos parlamentos como nos concellos, só o podemos liderar os Socialistas.
O proxecto que desenvolveremos desde Galicia sustentarase na igualdade, porque non haberá recuperación se non chega de forma igualitaria e equitativa a todos os estratos da sociedade, e sobre todo a aquelas persoas que máis sufriron a crueldade e a inxustiza da crise económica.
Porque é tamén sobre a igualdade sobre a que ten que erixirse o crecemento económico. Porque non haberá dato macroeconómico positivo que non se vexa traducido nunha mellora da situación económica da cidadanía.
Da crise sairemos todos xuntos, ou definitivamente non sairemos.
Para iso, teremos que mostrarnos en todo momento firmes no noso compromiso co público, como fórmula para garantir uns servizos de calidade e que cheguen a todos os cidadáns por igual, independentemente do lugar no que vivan ou a súa capacidade económica.
Do mesmo xeito, non haberá dato macroeconómico que substitúa ao principal dato negativo que temos en España, que é o paro.
Aínda así non debemos permitir que a dereita faga elixir á cidadanía entre un traballo precario ou non traballar.
Existe outro modelo, e nós defendemos ese outro modelo. É necesario camiñar cara a un modelo produtivo máis xusto, equilibrado e máis sustentable.
É imprescindible aprobar para Galicia un Plan Estratéxico de Reindustrialización que volva facer do noso país un territorio con forte presenza de industrias.
Na procura constante de emprego de calidade, debemos apoiar a innovación, incrementando as partidas destinadas a que se introduza en todos os sectores produtivos de Galicia.
Investir máis en políticas activas de emprego, e fomentar o traballo de mozos, mulleres e parados de longa duración.
Fomentar o emprendemento, sobre todo aquel que se sustente en sectores de alto valor engadido, e facer que os mozos que se viron obrigados a emigrar se apoien nun programa de retorno do talento que lles facilite a volta á súa terra.
Falabamos de levar até o último recuncho o noso proxecto socialdemócrata, sen esquecer que o outro piar que nos identifica como partido é a nosa defensa do galeguismo.
Dentro dunha semana celebraremos un ano máis o Día de Galicia, o que será unha nova oportunidade para transmitir a nosa paixón polo noso país, polo que significa, pero sobre todo para reivindicar o galeguismo útil que defenda a nosa lingua, o territorio e a cultura propias, valores estes que teñen que espertar do letargo ao que o sumiu a dereita.
Unha Galicia que loite polo seu futuro, que poña en valor a súa riqueza ambiental, social, cultural e económica, e que trate de loitar por un espazo que as políticas acomplexadas de Feijoo lle arrebataron.
Por iso compañeiros e compañeiras, agora, todas as miradas están postas no noso partido.
Debemos mostrarnos fortes ante os próximos retos que temos por diante.
O primeiro deles son unhas eleccións xerais, nas que dende Galicia debemos contribuír á vitoria de Pedro Sánchez.
Unhas eleccións xerais de vital importancia para o noso país, xa que pode significar a volta do Partido Socialista ao Goberno Central, un goberno con novas ideas e novos liderados.
Quero anunciar para a primeira semana de setembro a creación do Comité Electoral Galego que terá como tarefa inmediata a preparación da campaña das eleccións xerais, e nesa mesma semana poremos en marcha tamén a constitución da comisión redactora do programa electoral que levará o PSdeG nas eleccións, complementando o programa do PSOE.
Galicia xógase moito na vindeira lexislatura nas Cortes Xerais, no debate do modelo territorial e na posible reforma da Constitución, dende o modelo de financiamento autonómico, o modelo territorial ata o marco competencial, e aí temos moito que dicir como galegos e como socialistas.
Ese é o obxectivo que temos en fronte no curto prazo, traballar para que o cambio se dea no noso país dunha forma responsable, certeira e solvente, un cambio que traia novas oportunidades e abra un novo camiño co que recuperar estes últimos 4 anos perdidos.
E niso temos que centrarnos, porque o éxito de Pedro será positivo para todo o partido, e sobre todo será positivo para Galicia.
Nun tempo de confrontación e fragmentación, demostramos que somos o partido capaz de aglutinar as distintas sensibilidades políticas. Capaces de liderar o cambio cara á esquerda que necesita Galicia.
Temos que seguir adecuando o noso proxecto socialdemócrata e galeguista ás novas esixencias da sociedade.
Para que esta nova sociedade se sinta reflectida no noso partido, na esquerda que representamos, na esquerda que todos e cada un de nós queremos UN SOCIALISMO RENOVADO, ABERTO E DE PRESTIXIO. MOITAS GRAZAS.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar