Intervención de Pachi Vázquez no Debate do Estado da Autonomía

Intervención de Pachi Vázquez no Debate do Estado da Autonomía

Intervención de Pachi Vázquez no Debate do Estado da Autonomía

Señora  Presidenta; Señoras  Señores Deputados.

Este Debate da política xeral de Galicia celébrase cando xa pasamos o ecuador da lexislatura. Xa restan menos días dos que van transcorridos. Polo que xa non son tempos de novas promesas, senón de analizar cal é a nosa realidade e de atopar fórmulas que saquen adiante ao noso país con realismo, compromiso e eficacia.

Quero realizar esta intervención pensando en Galicia, pensando nos seus homes e mulleres, nos seus problemas e no xeito de solucionalos, dende unha análise rigorosa e con propostas que se formulan dende, por e para Galicia.

Neste sentido, quero comezar expresando a miña profunda decepción polo discurso pronunciado esta mañá polo presidente da Xunta.

Señor Presidente, hoxe estamos aquí para falar de Galicia e do seu goberno. Pero vostede falou de España e o seu goberno.

Estamos aquí para falar do desemprego e dos seus efectos, pero vostede dedicoulle 15 segundos da súa intervención ao principal problema do país.

Tan só ofreceu un relatorio de cifras, que se as sumamos todas dan unha cantidade de 12.000 millóns de euros en investimentos, que é bastante máis do orzamento total do 2011.

A súa comparecencia, señor Feijóo, é a constatación da máis absoluta incapacidade para sacar a Galicia da crise.

Coas súas solucións políticas, pasa como coa liña do horizonte: canto mais andas, mais se afasta.

Señor Feijóo, agora si chegou o momento.

Chegou o momento de explicarlles aos galegos por qué Galicia estaba á cabeza da creación de emprego en España fai dous anos, e agora está á cabeza da destrución de emprego.

Chegou o momento de contarlles a 80.000 familias por qué se quedaron sen gratuidade dos libros de texto.

Chegou o momento de desculparse ante os 250.000 galegos que están nas listas de espera sanitarias.

Chegou o momento de explicarlle ao mundo agrario por qué se pecharon 1.700 explotacións gandeiras.

Chegou o momento de saber qué fixo vostede para dilapidar a herdanza dunha economía saudable, converténdoa nunha economía debilitada.

Señor Feijóo, hoxe é  o momento de explicarlles aos galegos por qué están peor que fai dous anos.

Celebramos este debate no marco do impacto dunha crise financeira internacional que abrangueu todos os eidos e afectou a todos os Estados e persoas nos países de occidente.

Así que, para falar hoxe de política, de sociedade, de economía, cómpre ter máis que nunca altura de miras.

Neste debate cómpre ter altura de miras no senso de ser conscientes de que vivimos nun mundo onde mercados, gobernos, institucións e persoas viven cada vez máis interconectados.

Circunstancias que fan deste un tempo no que cada administración debe ser responsable das súas decisións, dona das súas competencias e guía dos seus recursos.

E isto significa ter decisión, saber xestionar os recursos e ter capacidade de Goberno para que, dende as nosas obrigacións, podamos gañar o futuro sen lastrar nunca os nosos dereitos.

Estamos nun momento esixente. Hai que render ao máximo.

Pero, render ao máximo, non significa queixarse ao máximo, Señor Feijóo.

¿Alguén imaxina que un Goberno dun Estado Europeo, no canto de acometer todas as reformas necesarias, se quedara de brazos cruzados esixindo ás institucións financeiras ou aos mercados internacionais que viñeran a solucionar os seus problemas?

Seguro que non.

Do mesmo xeito, custa asumir que un Presidente de Comunidade Autónoma con autonomía lexislativa, competencias executivas e capacidade de dotarse dos seus propios recursos, poda manter tal postura ante os problemas de Galicia.

Neste debate, pídolle que asuma a súa responsabilidade. Que sexa sincero cos galegos e galegas e lles diga que vai a seguir recortando en sanidade e en educación porque é a súa decisión, porque vostede estableceu que non son unha prioridade, porque non confía na sanidade e na educación públicas.

É unha cuestión de prioridades, e os galegos levan dous anos comprobando cales son as súas.

Comezou a súa andaina como Presidente, intentando sentirse como “un galego máis”; pois señor Feijóo, a pesares de semellante esforzo, é triste que dous anos despois non o conseguiu.

Porque se fora un galego máis, sentiría de cerca que os resultados da súa xestión son un problema cada vez maior para a vida cotiá dos cidadáns.

Temos problemas complexos que vostede intenta disimular en cifras pero que son sinxelos de albiscar para calquera que viva hoxe en Galicia.

Unha das nosas obrigas neste debate é facer un repaso da situación do país no seu conxunto. Eu fareille unha síntese, concluirei un balance e farei un diagnóstico da situación na que nos atopamos tras dous anos do seu Goberno.

A síntese: un Goberno da Xunta perdido, intentando enmascarar o súa falta de ideas e competencia baixo a pancarta contra o Goberno de España e as institucións onde non gobernan.

O balance: Galicia está claramente peor que fai dous anos.

E o diagnóstico: Galicia, con vostede, perde sempre.

Nós, ante a inacción da Xunta de Galicia perante os grandes problemas do noso país, podemos alertar, trasladar propostas e instarlle a tomar decisións,  e farémolo sempre dende unha oposición construtiva.

Pero o que non podemos permitir de ningún modo é que os problemas do Presidente da Xunta se convertan nos problemas dos galegos. O revés, son os problemas dos galegos os que teñen que ser os do Presidente da Xunta, nunca ao contrario.

Leva vostede dous anos xirando “arredor de si”, só que no canto do que lle acontecía ao protagonista da novela de Otero Pedrayo, vostede cada vez está máis afastado da realidade, da identidade e dos problemas de Galicia.

Señorías:

Deberiamos centrarnos en que, ademais dun escenario complexo para todas as comunidades autónomas, Galicia, o seu presidente e o seu Goberno, teñen un alto grado de responsabilidade na nosa situación actual.

¿Por qué as grandes decisións que se toman nestes 2 anos teñen máis compoñentes partidistas, persoais e voluntaristas, que de interese xeral e de solucións para a cidadanía galega?

Porque cando se converte a retórica partidista e a ideoloxía propia en obxectivo de comunión diaria para todos os cidadáns, o que sucede é que se perde o respecto aos dereitos dos que pensan distinto, dos que teñen outras visións de país, tan lexítimos como os de quen goberna. (789.500 votos PP fronte a 795.200 votos PSdeG e BNG)

Cando se fai unha xestión voluntarista na procura de solucións fóra do marco constitucional e legal, só pode rematar en fiascos, confrontacións e conflitos constitucionais que desorientan aos cidadáns, e non resolven os problemas.

Dous anos convertendo a Cámara galega nunha rampla de lanzamento de soflamas contra o Goberno central e a oposición, non lle deixa tempo ao Goberno galego para falar dos problemas reais dos cidadáns: economía, desemprego, sanidade, educación, dependencia e sectores estratéxicos.

Dous anos onde, en vez dos problemas dos cidadáns, o eixe central da acción do Goberno é a “teoría da conspiración permanente contra Galicia” para xustificar os seus propios fracasos.

Ten vostede un goberno descoñecido para a maioría dos galegos e galegas, convertido máis en soporte do Partido Popular que en Goberno do todos os cidadáns galegos.

Dous anos facendo oposición á oposición, e a todos os que pensan distinto, provocando a fractura social en eidos tan importantes como a educación, a sanidade pública ou a lingua.

Non lle deixan tempo para falar do que tiña que falar: dos problemas de Galicia.

ECONOMÍA  E EMPREGO

É certo que a crise azorou a economía en todas as súas dimensións, pero si hai unha na que as consecuencias son especialmente dramáticas, esta é a do desemprego.

Sen dúbida, a maior preocupación das familias galegas.

Chegou vostede á Xunta de Galicia designando a loita contra o desemprego como o principal obxectivo da súa acción política.

O problema o tiña identificado, pero nunca soubo cómo facerlle fronte.

O seu descoñecemento o levou incluso a imbuírse de superpoderes: “esto del desempleo lo arreglo yo en 45 días”.

Nunha mostra de benevolencia política, os galegos tomamos esta declaración de boas intencións tan só como unha mostra dese carácter seu, onde o atrevemento e o descoñecemento ocupaba o lugar reservado para a reflexión, o traballo e as ideas. Mal comezabamos.

Chega a hora do balance no emprego.

Tras dous anos de goberno cabe preguntarse: ¿que medidas significativas ten posto en marcha?

Tranquilo, Sr. Feijóo, non fai falla que conte cos dedos, xa llo digo eu: ningunha. Nada.

Aplíquese o lema do Xacobeo para falar de emprego: Agora é cando, Galicia é onde, non dentro de dous meses, nin dous anos, non, é AQUÍ E AGORA.

Galicia necesita recuperar as políticas de emprego que se ten demostrado que funcionan.

Permítame que nos adentremos, sequera brevemente, polo desolador camiño que describe a realidade dos datos.

Galicia foi no 2009 a Comunidade Autónoma que menos emprego destruíu.

Paradóxicamente, ou quizais non tanto, o ano 2010 nos ofreceu a cara oposta da moeda: Galicia foi a  comunidade que máis emprego destruíu. ¿Casualidade?

¿A ver se nos vai dar por pensar aos galegos e ás galegas, que vostede e o seu goberno teñen algunha responsabilidade?

A día de hoxe é vostede o Presidente da Comunidade Autónoma coa peor evolución do desemprego. E de momento, parece que ninguén lle vai  a discutir ese liderado.

Non trate de emular ao mal entrenador, que recorre ao árbitro, ao estado do campo..., en definitiva, a calquera cousa que lle permita escorrer o vulto, como fai agora escudándose na falta de competencias.

Afronte a verdade dos feitos que xurdiron da vacuidade das súas políticas.

Coas mesmas competencias que o resto, Galicia ten sido, en todos os ámbitos do emprego, a Comunidade Autónoma con peores resultados no 2010, tal e como lle acabo de mostrar.

Sabe o que dicía vostede en 2008? Declarou entón que “a Xunta ten instrumentos para frear o desemprego, que non están sendo empregados con eficacia”.

Parece que agora que ten que gobernar eses mesmos instrumentos non só no lle alcanzan, senón que os utiliza con moita menos eficacia que os gobernos do resto de comunidades autónomas.

Creo que o Sr. Núñez Feijóo sinxelamente confunde a falla de competencias con incompetencia.

Ante o principal problema co que se enfronta Galicia eu pregúntome se vostede terá a gallardía política de recoñecer a súa responsabilidade ante os galegos e as galegas ou seguirá botando balóns fóra.

Qué queda do seu Contrato con Galicia, cuxo primeiro punto recollía “combater o paro coa máxima prioridade do Goberno e recuperar a senda de creación de emprego garantindo a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres”?.

Non cabe máis que concluír que, ou ben o problema do desemprego en Galicia non é unha prioridade para o seu goberno, ou recoñecer sinxelamente a súa incompetencia e a do seu goberno para resolver os problemas que preocupan aos galegos e ás galegas.

Falando de DATOS ECONÓMICOS, o desastroso comportamento do emprego non é máis que a outra cara da moeda da situación económica de Galicia. A súa política, ou máis ben, a súa falla dela, deixou a Galicia como a Comunidade Autónoma máis exposta á intemperie da crise.

Nin a súa política nin as súas previsións teñen credibilidade.

No último ano reduciu nun 75%, a case nada (2 décimas), o diferencial do crecemento do PIB con España, que  conseguíramos consolidar, e que no ano 2008 chegou a case 1 punto (8 décimas).

Galicia, con vostede de Presidente, está dicindo adeus á senda da converxencia económica.

Galicia é como un equipo de fútbol en crise, que en apenas dous anos  pasou de competir polo título de liga, a pensar unicamente en eludir o descenso.

E iso que esta temporada xogaba na casa, coa axuda do Xacobeo.

A pregunta clave do debate é: ¿Por qué Galicia, cos mesmos instrumentos, resiste peor a crise que outras comunidades?

A explicación, en opinión do meu grupo, ten que ver coa renuncia do seu goberno á modernización económica de Galicia.

¿Qué nos está pasando? ¿Cómo lles foi aos nosos principais sectores produtivos nestes dous anos?

A súa evolución non é precisamente esperanzadora.

INDUSTRIA

Miremos á industria. No último ano o crecemento do Índice de Produción Industrial a nivel nacional multiplica por sete o crecemento do IPI galego.

Señor Feijóo, a perda de emprego en Galicia non é froito da conxuntura do pinchazo da burbulla inmobiliaria, como está pasando no resto de España. Aquí en Galicia, o noso emprego está sangrando polo sector industrial. Son 40.000 os postos de traballo destruídos no sector.

E todo isto despois duns anos, nos que Galicia liderou en moitos momentos o crecemento da industria a nivel nacional.

Esta situación derívase da falla dun plan integral de política industrial que aposte por un aumento da produtividade. Dun abandono absoluto da inversión en I+D+i, cun recorte salvaxe do 40% e unha falla de orientación cara á internacionalización das nosas empresas industriais.

INTERNACIONALIZACIÓN

Os mercados internacionais son un dos principais elementos de tracción para saír da crise.

Somos hoxe unha economía menos competitiva que fai dous anos. O crecemento das nosas exportacións foi a metade do rexistrado a nivel nacional.

TURISMO

O turismo é outro dos sectores con potencial para axudarnos a saír da crise e crear emprego. Nin sequera era necesario inventar nada novo. A celebración do Xacobeo no 2010, xunto coa visita do Papa, era, como lle dixen, xogar co campo a favor.

Sen embargo, o resultado en Galicia foi desolador. O grao  medio de ocupación hoteleira no 2010 foi do 34%, 15 puntos por debaixo da media nacional.

Pero é que ademais do baixo grao de ocupación, resulta que o ingreso medio por habitación dispoñible foi un 80% inferior ao nivel nacional.

SECTORES ESTRATÉXICOS

A análise da situación dos sectores estratéxicos galegos é de grave dificultade: A pesca e a agricultura están en horas baixas por mor dunha política pesqueira e agraria totalmente pasivas.

A perda constante de traballadores no sector pesqueiro, cunha diminución significativa de afiliados ao réxime especial do mar no último ano (de 1.400 de 24.960), é un bo exemplo da perda de emprego neste sector.

E cómpre salientar, unha vez máis, o retraso do Plan Galego de Acuicultura, sen ofrecer ningún tipo de alternativa. Estase a perder a oportunidade de crear 3.000 postos de traballo e un investimento superior aos 350 millóns de euros.

Pero, acaso, o máis rexeitable é o xeito co que se deixou a 30.000 mariñeiros e mariscadoras sen Seguro Colectivo do Mar. Ou a rescisión das axudas para as mariscadoras que non poden xubilarse por non ter a cotización precisa.

Señorías:

No tocante ao sector agrícola, é preciso chamar a atención sobre o abandono do sector lácteo.

O peche de mais de 1.700 explotacións e a caída de ingresos en 195 millóns de euros (Informe do CES), colocan ao sector á cola de Europa.

Co prezo do leite acadando mínimos históricos, a única saída era implantar e garantir o cumprimento dos contratos homologados, coa intervención do Goberno central, sen que a Xunta fixese absolutamente nada.

Como tampouco o fixo para crear un gran grupo lácteo galego, que segue a ser a asignatura pendente do sector.

CLESA. A situación da fábrica de Clesa, en Caldas, é unha boa oportunidade que non debemos deixar pasar.

O medio rural galego esmorece. A día de hoxe, Galicia ten 1.407 núcleos de poboación sen habitantes, e outros 827 se sumarán a eles en pouco tempo, pois só teñen un veciño. Hai  8.000 núcleos de poboación con menos de dez veciños.

Como si se quixera contribuír a este despoboamento, desmantélase o Banco de Terras e se reducen drasticamente os orzamentos para a ordenación forestal e de prevención e defensa contra incendios.

Vostedes incrementan o desequilibrio territorial e degradan o patrimonio natural de Galicia a pasos axigantados. Como a política medioambiental, que desapareceu das prioridades da Xunta.

Hai  decisións no eido medioambiental que merecen comentarse:

  • O Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos, que aposta claramente por máis incineración e máis vertedoiros, en dirección contraria á UE.
  • A paralización da revisión do Plan Sectorial Hidroeléctrico da Bacía Galicia-Costa, coa ameaza de outorgar as 33 minicentrais paralizadas polo anterior goberno.
  • A falta de consenso na nova Lei de Augas, que incumpre os obxectivos medioambientais que fixa a Directiva Marco da Auga e que ten unicamente unha finalidade recadatoria, cun claro prexuízo para os veciños e veciñas do rural que teñen traídas veciñais e captacións propias. Incrementando o prezo da auga nun 140%.
  • O retraso e paralización de proxectos do Plan de Saneamento das rías galegas,posto en marcha polo anterior goberno. Especialmente, as edares de Ribeira e Sanxenxo.

    A política medioambiental, ademais de ser unha necesidade para a conservación do noso patrimonio natural, tamén é unha oportunidade para promover a creación de emprego.

    Señorías:

    Presente e futuro. Estas son as claves que estamos analizando hoxe.

    Dous anos de ausencia de políticas e de ideas, reflicten unha situación preocupante na que Galicia perde postos no concerto económico nacional e europeo.

    E quizais o máis grave non é que a nosa situación sexa peor en case todos os parámetros respecto ao resto de comunidades autónomas. As perspectivas de futuro engaden aínda máis preocupación ao escenario.

    As previsións de Funcas (Fundación das Caixas de Aforros) van na mesma dirección. Para o 2011 prevén:

    • Que Galicia seguirá destruíndo emprego;
    • Que a nosa produtividade crecerá por debaixo da media nacional;
    • Que Galicia será unha das comunidades con menor aforro familiar e que a renda familiar caerá un 1,2%, cifras estas que reflicten cómo o deterioro da nosa economía se traslada ás familias;
    • Que a Xunta de Galicia será un dos gobernos económicos máis endebedados, cunha débeda pública do 10,5% do PIB, o que pon en dúbida a efectividade de toda a política de austeridade coa que veu enchéndose a boca nestes dous anos.

      Para máis abondamento, o Servizo de Estudos do BBVA, prognostica que a economía galega lastrará o crecemento do PIB de España durante este ano e o próximo, porque se situará á cola do desenvolvemento no conxunto das autonomías durante o bienio 2011-2012.

      Para 2012, o BBVA prevé que Galicia ocupará a última posición.

      Este é, Sr. Feijóo, o panorama ao que nos enfrontamos. ¿Cal é o seu plan de acción para reverter esta situación? ¿vai continuar o seu goberno de brazos cruzados? ¿vai seguir recorrendo ao lamento e ao discurso da aldraxe ou de verdade se vai  poñer a gobernar?

      É tempo de apostar polo aproveitamento das sinerxías non só nas ordes social e económica, senón tamén no ámbito político.

      É o tempo de sumar vontades, de coordinar esforzos, de abrir as miras, de superar os enfrontamentos mesquiños que buscan a rendibilidade partidista de curto prazo.

      Ante o colosal desafío ao que nos enfrontamos, é doloroso constatar que algúns aos que lles corresponde gobernar declinan tal responsabilidade e tratan de agochar o seu fracaso transferindo tal responsabilidade a outros, no que supón un exercicio paradigmático de deslealdade institucional, pero sobre todo un exercicio de deslealdade para con Galicia.

      Porque, Sr. Presidente, todo o tempo que perde vostede botando balóns fóra, tamén o perden os galegos e as galegas.

      Galicia merece uns gobernantes que en lugar do verbo enfrontar, conxuguen o verbo afrontar; que cando a sociedade lles demanda accións e explicacións non torzan a mirada, como está a suceder no sistema financeiro.

      CAIXAS

      ¿Qué sucede co sistema financeiro galego?

      Vostedes confunden liderar con enredar. Isto é que se fixo durante a fusión das caixas galegas. Mentres vostede estivo preocupado polo control político do noso sistema financeiro -un control político que vostede quere disfrazar de galeguidade- o resto de Galicia estabamos preocupados pola solvencia e a capitalización.

      Unha solvencia que garanta o aforro que os galegos depositamos nas nosas caixas. Unha capitalización que garanta que o noso sistema financeiro é capaz de dotar de liquidez ás familias e ás empresas e permita reactivar a economía.

      Perdeu meses e sigue aferrándose a un modelo vitimista co único obxectivo da confrontación política co goberno de España. Mentres os gobernos do resto de comunidades estiveron  traballando para garantir a viabilidade das súas caixas de aforro o seu  goberno dedicouse aos aspaventos.

      O novo escenario financeiro é horizontal para toda España. É un marco xeral no que van xogar todas as caixas e bancos. Si é bo para garantir a solvencia dos impositores e favorece que flúa o circulante e o acceso aos créditos, entón e bo para os galegos e galegas.

      Ante a nova situación de Novacaixagalicia, o compromiso do socialismo galego é total para traballar conxuntamente co Goberno galego, coas forzas políticas, coa entidade e os sindicatos, a fin de conseguir que este novo escenario redunde nunha maior solvencia de NCG, mantendo no noso territorio a toma de decisións.

      Para buscar novos inversores e capital, a palabra fundamental é confianza. E esta non se consigue con confrontacións estériles. Conséguese despolitizando e profesionalizando a entidade.

      Señor Feijóo, a miña posición crítica fronte ao seu goberno está acreditada polos datos.

      Pero a miña posición non culmina coa crítica, senón que teño a vocación de construír políticas que de verdade axuden a Galicia a saír da crise.

      E para isto debemos aproveitar os nosos  recursos e as competencias para o autogoberno que o Estatuto de Autonomía de Galicia nos outorga, e aumentar os nosos dereitos procedendo á reforma do Estatuto.

      MODELO ECONÓMICO

      O modelo económico que propoñemos para Galicia pasa pola definición de políticas que nos leven de novo á senda do crecemento, a converxencia e a creación de emprego.

      Unha  política que impulse unha economía máis competitiva, capaz de enfrontar os retos do futuro, construída sobre bases máis sólidas.

      Bases como as que sosteñen os países europeos que están saíndo da crise, e que nós tamén propoñemos.

      A Estratexia Europea 2020, aprobada o pasado ano polos Estados membros da UE, establece tres prioridades e cinco obxectivos.

      As prioridades son:

      • Crecemento intelixente
      • Crecemento sostible
      • Crecemento integrador.

        E outra prioridade inmediata: unha estratexia de saída crible da crise proseguindo a reforma do sistema financeiro.

        Os obxectivos son:

        • Emprego
        • I+D
        • Enerxía
        • Educación
        • Loita contra a exclusión social.

          Temos que ser capaces de aproveitar todo o potencial que Galicia ofrece.

          Ser capaces de aproveitar a xeración de mozos máis preparada da nosa historia.

          A xuventude, os nosos mozos e mozas, son unha das maiores oportunidades que ten Galicia para o seu futuro, Sr. Feijóo, non a estrague.

          É duro comprobar que coa súa política, Galicia ten 57.000 mozos e mozas desempregados,  180.000 que xa non se poden desprazar no Noitebús, 19.000  que quedaron sen os 100€ da Renda Básica de Emancipación e 3.000 investigadores  sen bolsa.

          Pedímoslle que se esforce en crear as condicións para que os mozos poidan vivir, estudar e traballar na súa terra, con políticas de vivenda efectivas, abrindo máis opcións de formación, e facilitando a súa entrada no mercado laboral.

          Un mercado laboral que ten que sustentarse na formación e na educación como motor da sociedade do coñecemento.

          Nós apostamos polo coñecemento e a educación non só como elementos de xustiza social senón tamén como elementos competitivos.

          Pasamos dunha política ambiciosa en termos de innovación, a que esta se converta nun mero recurso retórico.

          Non podemos permitir a paralización dos esforzos en I+D, en formación e capital humano, e no impulso da iniciativa empresarial como elementos cruciais para o fortalecemento da nosa competitividade.

          SERVIZOS PÚBLICOS

          Señor Feijoo, se a súa política durante estes dous últimos anos tivo efectos negativos para a economía e o emprego, os fogares de Galicia tamén están a sufrir as consecuencias da súa xestión na prestación dos servizos públicos esenciais.

          Tanto na educación, como na aplicación da Lei de Dependencia, como nas condicións de prestacións da asistencia sanitaria.

          Vostede está aumentando a preocupación das familias galegas en todos os seus ámbitos.

          A Sanidade, lamentablemente, non é unha excepción.

          Non é doado entender como en dous anos acadou a cifra récord de 250.000 pacientes agardando por unha primeira consulta cun especialista e 120.000 por una proba diagnóstica.

          Produciuse un incremento xeneralizado das listas de espera dos hospitais galegos tanto cirúrxicas como de consultas.

          O peor é a hipoteca futura da Sanidade Pública coa privatización da xestión dos novos hospitais de Vigo e Pontevedra e dos futuros Centros de Saúde por períodos de concesión de 30 anos,  ocasionando: maior gasto, menor calidade e máis complexidade de xestión.

          Nesto, unha vez mais, o Grupo Socialista quéreo deixar ben claro: a sanidade, pública, universal, gratuíta e de calidade.

          O modelo de financiamento público-privado pode ser válido para as infraestruturas, pero non para os servizos públicos esenciais.

          E teño que referirme, dende logo, ao gasto farmacéutico. Somos unha das comunidades co peor control da evolución do gasto farmacéutico. Erámolo antes do novo Catálogo Galego de Medicamentos, e o fomos no curto tempo no que se aplicou.

          De feito, nese período, varias comunidades aforraron tanto ou máis que nós, sen restrinxir o acceso a ningún medicamento.

          O modelo non é conculcar os dereitos constitucionais dos galegos e galegas. O modelo é promover o uso de medicamentos xenéricos sen discriminar aos galegos con respecto ao resto dos cidadáns españois.

          Hai unha necesidade imperiosa de ser mais efectivos no aforro do gasto farmacéutico. Estamos totalmente de acordo nesto. E lle recordo as iniciativas que presentamos ao respecto nesta mesma Cámara. Pero non conten con nós para suprimir o acceso a 427 medicamentos, que non se poden receitar en Galicia, pero que si se poden receitar nas 16 comunidades españolas restantes.

          Non podo concluír este capítulo sen manifestar a preocupación do Grupo Socialista pola aplicación do novo modelo de financiamento que se promove dende a Consellería de Facenda para os plans e programas que se vaian poñer en marcha no futuro.

          A posibilidade de que se poidan financiar os novos proxectos con fórmulas como o  copago, abre a porta a un modelo que pode ser a sentencia de modelo do sistema de políticas sociais.

          Non vaia ser que se estean sentando as bases da definitiva privatización da sanidade e dos servizos sociais.

          Sras. e Sres. Deputados:

          Galicia perde peso e capacidade económica. Isto lastra completamente o presente, pero, sobre todo, compromete o futuro.

          Un futuro que pasa necesariamente polo fortalecemento e a mellora do sistema educativo público galego.

          A Educación, xunto coa Sanidade, é unha das mostras máis evidentes do cambio do modelo social que se nos quere implantar.

          Xa non se trata só de recortes ou de supresións, senón de que se está optando claramente por outro modelo educativo.

          Os pasos dados camiñan nesa dirección. E para corroboralo voume referir a cuestións que ilustran perfectamente esta afirmación.

          • Supresión do dereito á gratuidade dos libros de texto, que deixa fora da gratuidade a seis de cada dez alumnos/as.
          • Ruptura do consenso lingüístico e aprobación unilateral dun novo decreto para a lingua galega no ensino non universitario de Galicia, que impón un novo marco normativo cun claro desprezo e desdén aos innumerables informes e ditames das principais institucións do pais, dos distintos sectores da sociedade e da comunidade educativa.
          • Abandono da Formación Profesional, unha das eivas máis importantes do noso sistema educativo.
          • Redución de setecentos docentes e diminución dos orzamentos do 2010 e 2011,que pasan a ser negativos, por primeira vez, rachando a dinámica de aumentos anuais sostibles.
          • Redución nun 25 % do programa de I+D+i para as universidades, que levan a cabo o 80% da investigación en Galicia coa consolidación nos últimos anos de grupos de investigación de excelencia, cortando a carreira a miles de investigadores.

            Deste xeito os contratos de investigación se reduciron de 230 a 15, poñendo en perigo as posibilidades de crecemento económico, científico e social de Galicia.

            DEPENDENCIA

            Transgrídese o  modelo educativo e transgrídese o modelo social, cuxo piar básico é a aplicación da Lei da Dependencia.

            Polas características da nosa poboación, esta prestación en Galicia é esencial.

            Pero resulta que estamos no pelotón de cola na atención ás persoas dependentes.

            Temos máis de 41.000 persoas dependentes en espera e a lista vaise incrementando, porque somos unha das comunidades que menos crecemos nesta prestación.

            Entre xaneiro e febreiro pasados, o aumento de prestacións foi unicamente de 75 novas prestacións, cunha variación do 0,17%.

            A nivel nacional, o aumento foi máis de 20 veces superior a Galicia.

            No último ano, Galicia creceu a metade que o resto de España en canto a novas prestacións pola Lei de Dependencia.

            Representamos unha porcentaxe no conxunto de España, que non chega nin ao 3%, que é menos da metade do que nos correspondería por poboación afectada.

            Aquí, señor Núñez Feijoo, sucede o mesmo que coa taxa do paro e as competencias das comunidades autónomas nas políticas activas de emprego.

            Temos as mesmas competencias e os mesmos problemas de financiamento que as demais comunidades. Pero mentres unhas o resolven, outras como Galicia, o deixan ser resolver e lle botan as culpas a outros.

            Sras. e Sres. Deputados:

            O futuro de Galicia pasa pola reactivación económica, pola preservación dos servizos públicos, e pasa pola mellora das infraestruturas.

            Mentres o Goberno central está a ser o verdadeiro impulsor da modernización das infraestruturas en Galicia, sobre todo, no proxecto emblemático da liña de alta velocidade, a Xunta segue sen comprometerse o máis mínimo coas principais infraestruturas que son da súa competencia.

            Abonda con citar o denominado Plan MOVE. Foi anunciado con gran alboroto. E incluso coñecemos as dotacións orzamentarias correspondentes: 2.715 millóns de euros ata o ano 2015.

            Pero a día de hoxe, este Plan aínda non está aprobado. E o que é peor: pasou o 2010, estamos no 2011, e estes orzamentos xa se incumpriron.

            O que eu lle quero dicir, señor Feijóo, é que o mesmo compromiso que lle esixe vostede ao ministro de Fomento para o cumprimento dos prazos do AVE -e que por certo se están cumprindo-, llelo esiximos os galegos a vostede coas infraestruturas autonómicas.

            O feito de que asistan as inauguracións das obras que financia Fomento (que me parece moi ben), pode dar a falsa sensación de que vostedes executan moitos proxectos, cando non é así en absoluto.

            Claro que para incidir nesta idea contan vostedes coa inestimable colaboración da TVG, que parece máis o gabinete de comunicación da Xunta e do PP, que un medio de comunicación público sufragado cos fondos de todos os galegos e as galegas.

            A preponderancia da súa presenza e a do seu partido nos servizos informativos da TVG e da Radio Galega, é absoluta.

            Non é só que acapare o 75% do tempo dedicado aos líderes políticos galegos, senón que o fai en sentido positivo. As informacións negativas son sempre para a oposición.

            Instrumentalízase a Xunta e instrumentalízanse os medios públicos de comunicación. Non están para servir aos galegos e ás galegas con transparencia e equidade. Están para exercer o control político e informativo do PP.

            Non quero concluír a miña comparecencia sen referirme brevemente a tres cuestións que creo marcan a actitude deste goberno fronte á igualdade, á cultura e á emigración, e unha cuarta, que considero esencial, como é a política local.

            Con respecto ás políticas de igualdade, só quero dicir unha cousa: camiñan cara á desaparición. O mellor exemplo é a supresión do Servizo Galego de Igualdade, así como redución das partidas orzamentarias dedicadas á igualdade en case un 80%.

            Con respecto á cultura, permítanme dicirlles que non existe máis alá do Gaiás, que ninguén sabe o que é nin para que sirve.

            É un soño megalómano que leva hipotecando a cultura galega case unha década e que o fará moitas décadas máis.

            Con respecto á emigración, só lles quero dicir unha cousa: non abandonen o Hospital do Centro Galego de Bos Aires. Intentaron privatizalo e fracasaron. Intentaron dirixir o proceso electoral do Centro Galego e fracasaron. Agora queren deixar ao Hospital sen axuda financeira para asfixialo.

            POLÍTICA LOCAL

            Sras. e Sres. Deputados:

            Os concellos galegos están padecendo unha dobre crise: a provocada pola situación económica xeral e a provocada pola Xunta de Galicia.

            Hai varias cuestións que corroboran esta afirmación:

            • Incúmprese o Pacto Local.
            • Recórtanse os fondos incondicionados do Fondo de Cooperación Local.
            • Reducións xeneralizadasnos programas e fondos dirixidos ós gobernos locais: atención á drogodependencia, comedores escolares, actividades culturais, obras hidráulicas  comprometidas, etc...
            • Discriminación partidista dos fondos para os concellos das políticas activas de emprego,  dos fondos do Plan de Cooperación Local e  do Plan Hurbe.

              RESUMO FINAL

              En resumo, señor Feijoo:

              Galicia precisa dun goberno que afronte os problemas, non un Goberno que se agoche.

              Precisa dunha política que una aos galegos, non que os divida.

              Galicia precisa dun goberno que faga da educación un motor de oportunidades, e non unha fonte de conflito.

              Un goberno que entenda a Sanidade como un servizo público, e non como unha unidade de negocio.

              Galicia precisa, Señoría, dun presidente que ademais de ser galego, exerza como galego.

              Un presidente que atope solucións en lugar de buscar escusas.

              Nos, non lle esiximos que acerte sempre, so lle pedimos que se faga responsable do seu deber.

              Podo perdoar que se equivoque, que cometa erros de xestión.

              Pero o que Galicia non pode perdoar é que peche as súas vías de futuro.

              O que non podemos perdoar e que toque órganos vitais da nosa economía, do noso sistema de benestar e da nosa convivencia:

              • Estoume referindo ao recorte das becas, que poden deixar desconectada de oportunidades a toda unha xeración de mozos e mozas galegas.
              • Estoume referindo á súa renuncia a impulsar a modernización económica de Galicia.
              • Estoume referindo aos nosos servizos públicos. Servizos que son froito dunha conquista social irrenunciable e que con vostede estanse a quedar na mínima expresión: saúde, dependencia, educación.

                Señor Feijóo, non quero ser alarmista, pero a situación é grave.

                E esta situación non a podemos deixar na loita partidista.

                Xa pasamos o ecuador da lexislatura. E temos que darlle a volta a esta situación.

                Remato esta intervención, plenamente convencido da transcendencia e das posibilidades que se derivarían dun debate dende a diversidade das opinións, mesmo dende as visións distintas, pero sempre na busca dun obxectivo común.

                Non teño máis compromiso que pensar en Galicia, nas súas mulleres, nos seus homes, antepoñendo o interese de país a calquera intención ou posibilidade de crer nunha visión fatalista, ou mesmo de confrontación estéril que non fose máis alá dun diálogo de xordos.

                Créame. As solucións exceden as posibilidades dun partido e mesmo dun goberno, e precisan acordos que cree un lugar común nos grandes temas que atenazan  cronicamente a Galicia.

                Temas hoxe multiplicados, por mor dunha crise que golpea cada día con mais forza aos nosos piares sociais e económicos.

                Na miña intervención fixen unha radiografía e un diagnóstico da nosa realidade.

                E se compartimos ese diagnóstico, teremos ganado moito para contar co pleno apoio do meu grupo para reverter esta situación.

                Galicia está hoxe moito peor que hai dous anos. As perspectivas tampouco son mellores. Despexemos o futuro de Galicia apostando por unha economía máis produtiva e competitiva e por uns servizos públicos de calidade.

                32641281A

                Artigos relacionados

                Deixar a resposta

                Pechar