INTERVENCIÓN DE LEICEAGA NO DEBATE DE INVESTIDURA

INTERVENCIÓN DE LEICEAGA NO DEBATE DE INVESTIDURA

INTERVENCIÓN DE LEICEAGA NO DEBATE DE INVESTIDURA

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamou hoxe que o futuro goberno galego busque o consenso cos grupos da oposición en cuestións centrais como a recuperación dos servizos públicos, a recuperación do emprego ou a recuperación demográfica. advertiu que "mal comezou cando recoñeceu que vai seguir facendo o mesmo que os oito anos anteriores: utilizar o rodillo da maioría absoluta".

Esixiu un balance de oito anos de goberno para cambiar as políticas fracasadas porque "logo de oito anos, a demografía é regresiva, a economía débil, a paisaxe social está devastada e a administración autonómica debilitada".

Intervención do portavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia,
Xoaquín Fernández Leiceaga

Señor Presidente, señorías, señor candidato:

I. AVALIACIÓN DE RESULTADOS

Interveño en representación dos e das socialistas de Galicia neste debate de investidura. Unha investidura especial porque o sr. Núñez Feijóo xa anunciou que será a última. Está comezando a despedirse. Unha oportunidade para desentenderse de Galicia e perderse no labirinto da política española. Ou unha ocasión única para non perseverar no error e superar os corsés partidarios. Convídoo a que entre por esta vía. Galicia é algo máis que o seu partido, non a reduza a el porque perderemos todos. Galicia é máis plural e diversa. Se quere contar cos que opinamos diferente, este hemiciclo é o lugar indicado.

Non é máis galego quen máis veces pronuncia a palabra Galicia, senón quen máis sinte a súa terra, máis defende a súa cultura e máis practica e espalla a súa lingua, sr. Feijóo. Amar e sentir Galicia vai na persoa, non no cargo.

Temos unha crise de representación política. Un crecente número de persoas non atopan unha razón para ir ás urnas, fraxilizando o sistema democrático. Máis de 1 millón non apoiaron ás forzas aquí sentadas. Só avalaron as súas políticas, sr. Candidato, tres de cada dez votantes potenciais en Galicia. Tivo maioría absoluta pero perdeu máis de 100.000 votos sobre 2009. Non lle retira lexitimidade e aproveito para felicitalo polos resultados. Pero obrígao a ser prudente e aberto. Porque, sr. Feijóo, mal comezou vostede cando despois dun cuarto de hora de retórica, recoñeceu que vai seguir facendo o mesmo que os oito anos anteriores: utilizar o rodillo da maioría absoluta.

II. UNHA CARACTERIZACIÓN DA ACTUAL CONXUNTURA

Dicía Torres Mora que hai no presente sobre todo “unha crise de diagnóstico”. O seu discurso foi unha proba palpable. Renunciar a un balance, despois de 8 anos de goberno é síntoma de cegueira voluntaria. Abramos a cortina e deixemos entrar algo de luz. En síntese apertada, o meu balance é o seguinte: Despois de oito anos a demografía é regresiva, a economía débil, a paisaxe social está devastada e a administración autonómica debilitada. Non todo está no debe dos seus gobernos. A situación global europea –por certo, Europa estivo ausente do seu discurso-, a adversa conxuntura española tamén importan, é certo. Pero as súas políticas agravaron as cousas, e deben ser cambiadas.

II.1 Unha demografía regresiva

Na demografía, Galicia leva décadas indo a menos. Estamos entre as áreas máis regresivas e avellentadas de Europa. A fecundidade cae desde os inicios do período democrático até niveis insólitos de 1 fillo por muller. Nós estabamos fondamente en desacordo co seu Plan de revitalización de 2011. Partía dun diagnóstico equivocado (o problema era de mentalidade) e propuña unha terapia ineficaz (campañas de publicidade). Fracasou e por iso renunciou a defendelo. Explíquenos a súa posición.
Doulle a miña: as familias desexan 2 fillos e teñen 1. É esta fenda entre desexos e decisións efectivas a que compre encher, actuando sobre as condicións laborais, a conciliación, o reparto das tarefas domésticas, a dispoñibilidade de servizos ou unha política de axuda á infancia. A caixa finlandesa é puro marketing electoral. Si realmente quere facer de Galicia o mellor lugar para fundar unha familia, substitúa a caixa finlandesa por unha política finlandesa.

O problema demográfico non se reduce á natalidade. Compre tamén falarmos de emigración. O espellismo da inmigración neta durou pouco. Desde 2008 tornamos a ser un país de emigrantes. Vostedes falan de mobilidade exterior voluntaria. Hai unha evidencia esmagadora do saldo neto negativo. Daniel en Londres, Teresa en París ou Manuel en Atlanta; Uxía en Canadá, Doha ou Australia. Captabamos 17.000 persoas do exterior en 2008 e agora perdemos uns cantos miles cada ano. Certo, é unha emigración diferente á clásica: con máis nivel de formación, con contactos e capital social. Mantendo a relación con Galicia. Pero é emigración.

Os efectos poden ser aínda peores. No capital humano que perdemos. Nas menores remesas. E na debilidade da expectativa de retorno. Señor Candidato: non debemos ignorar ou minimizar o fenómeno. A mobilidade exterior debe ser equilibrada, voluntaria e transitoria. Unha opción. Por iso, propuxemos na campaña un Programa de retorno, que facilitase a implantación en Galicia de experiencias exitosas desenvolvidas polos nosos emigrantes recentes noutros ámbitos. Por iso nos solidarizamos coas dificultades que atopan os emigrantes retornados, na fiscalidade ou no acceso a servizos sociais.

II.2 Unha economía moi por baixo do seu potencial

A crise tivo un fortísimo impacto negativo na produción de riqueza ou no emprego; a recuperación está en marcha, con lentitude e retraso.

A produción de riqueza

Houbo unha regresión económica entre 2008 e 2013 máis profunda que a media española; unha recuperación menos viva. Tardaremos así máis en recuperar o nivel previo. Entre 2008 e 2015 perdemos 10 puntos de PIBpc coa media das rexións europeas. En euros correntes teríamos o triste privilexio de retornar a ser unha rexión da converxencia.

Non negamos a recuperación: desde o ano 2013 prodúcese unha tímida expansión económica, alentada por factores permisivos do entorno internacional aínda que insuficiente para a recomposición do mercado laboral. Unha recuperación que compre reforzar e utilizar para construír unha Galicia para todos. Este debe ser xustamente un dos eixos da lexislatura.

A crise internacional provocou unha fonda reestruturación da economía de Galicia. A construción perde pé; o sector primario debilítase. A industria manufactureira cae duramente, así como as actividades financeiras e outras ramas dos servizos. Os EREs, os peches de empresas son tan numerosos que deixan de ser noticia.

Nin todo vai mal nin todas as políticas son un fracaso. Grupos de matriz familiar duplican dimensión cada catro anos, INDITEX é un referente mundial, no automóbil resistimos nunha conxuntura de extrema dificultade –coa incógnita da competencia portuguesa-. A acuicultura, a produción de conservas de carne e peixe, a fabricación de bebidas, a produción convencional de enerxía e algunhas actividades de servizos resisten. Nos últimos anos despega o turismo, impulsado polo éxito dos Camiños xacobeos.

As empresas internacionalizadas, as que tiñan vantaxes competitivas, un equipo directivo capaz e solidez financeira expándense. A internacionalización, con todas as dificultades, progresa adecuadamente. Pero cómprannos máis empresas das que adquirimos e perdemos capacidade de decisión en favor do capital chino, venezolano ou estadounidense. O balance global da industria é negativo.

O concurso eólico de 2008 foi ferido de morte polo seu goberno. Os intentos de impulsar novas concesións chocaron cos recursos xudiciais, a nova regulación do Ministro Soria e a caída dos prezos da enerxía. Ambicionar unha oferta enerxética renovable está ben, pero desde 2009 non foi instalado ningún megavatio en Galicia. Fago un esforzo para evitar converter este tema en instrumento de desgaste e dar solucións.

E así propoño crear unha comisión parlamentaria especial, non permanente, que promova un consenso suficiente para impulsar de novo o sector eólico en Galicia e recuperar o tempo perdido.

Hai sete anos e medio advertinlle sobre as dificultades do sector lácteo. O sector produtor fixo os deberes. Pero continúa o desequilibrio entre a oferta dun produto estandarizado, como o leite, e as posibilidades de transformación; é escasa a organización cooperativa, reforzando o poder de mercado dos compradores.

Nós apoiaremos todas as iniciativas, e singularmente as de base cooperativa, que impulsen a capacidade de transformación, xeren máis valor engadido e aumenten o poder de negociación dos produtores. Que camiñen cara a constitución dun grupo lácteo. Pero perdemos demasiados anos, e mentres afirma que esta ten que ser a lexislatura do sector primario, non fixo unha soa proposta para o sector lácteo no seu discurso.

Compre coidar aos habitantes do mundo rural e litoral, que se esforzan na procura dun futuro digno. A produción láctea ou cárnica, o viño e a froita, a pesca artesanal e a miticultura precisan atención e propostas específicas para gañar seguridade de futuro e incrementar a xeración de valor engadido. Como debemos coidar os Camiños de Santiago, para evitar que morran de éxito, mediante unha mellora continua que defenda os seus valores. Esqueceuse da súa protección nestes anos.

A Axenda de Competitividade 4.0 merecería unha discusión detallada. Pero as nosas diverxencias maiores non están nos obxectivos. Están na súa aplicación. Están na falla de diálogo social.

Insistimos moito na necesidade de refundar o IGAPE, porque non funciona. Insistimos na necesidade de xestionar con un criterio máis esixente a dotación e promoción de solo industrial (o exemplo da PLISAN funciona como un recordatorio necesario). Insistimos na axilización da burocracia.

Propomos crear unha unidade especializada que promova os cambios precisos na lexislación, en colaboración coas organizacións empresariais. Insistimos no reforzamento do I+D+I e da formación. Válelle un horizonte de duplicar o gasto na lexislatura? Porque os indicadores actuais son malos (0.86% PIB). Propoñemos impulsar un organismo que complete a consolidación da investigación universitaria, similar ao IKERBASQUE ou ao ICREA. Combatendo a precarización da investigación.

A metade dos fondos da Axenda destínanse en teoría a apoiar financeiramente o investimento. Estaremos vixiantes sobre a súa eficacia. Compre reforzar as decisións propias e atraer máis investimentos externos. Pese ás súas declaracións, non o fixemos suficientemente nestes anos. Apenas atraemos o 1% do IED de España. Cómo pensa mellorar estes indicadores?

Os factores tradicionais de crecemento están esgotados. Precisamos ser intensivos (centrarnos na produtividade) para podermos ser extensivos (recuperación demográfica e creación de emprego). Non queremos salarios máis baixos...pero entón temos que ser máis produtivos. Hoxe son os maiores (a través das pensións) os que sosteñen aos netos (e aos fillos). Sei que é unha simplificación. Pero que traduce un problema real. Debemos inverter a situación, tornar a ser un país normal. É un obxectivo revolucionario hoxe en Galicia. Que implica un cambio de modelo económico como o que estamos a propoñer.

Un mercado de traballo anémico

Os indicadores do mercado laboral son os que mellor resumen o fracaso da política económica dos seus gobernos (2008-2016). O comportamento dos indicadores en Galicia é peor que a media española. Ademais, as diferenzas agrávanse na última lexislatura.

En primeiro lugar, cae a actividade o triplo que en España. O axuste nas persoas activas está moi concentrada por baixo dos 35 anos, por motivos demográficos e económicos. Estamos avellentando considerablemente a poboación activa, estamos desperdiciando capacidades, talentos e coñecementos que enviamos ao exterior.

En segundo lugar, cae o emprego, pese á recuperación dos últimos trimestres (-149.000 empregados en 7 anos), o duplo que en España. Esta caída da ocupación é especialmente dramática por baixo dos 35 anos. Non é só a crise. É tamén a política económica e laboral seguida nestes anos. A súa continuidade é un lastre.

Hai un problema de calidade do emprego. Caen os contratos de carácter indefinido. Aumenta considerablemente a ocupación a tempo parcial -para non falarmos de salarios e condicións laborais-.

Por último, pese á redución dos activos, a cifra de desempregados increméntase (+66.900 parados) a un ritmo que duplica de novo ao español. Unha cuestión social de primeira magnitude, sobre todo pola crecente falla de cobertura do seguro de desemprego (máis do 70%). Imponse unha política específica para estes sectores sociais, evitando o incremento da desigualdade e a pobreza.

Nos últimos trimestres ten lugar unha redución do número de desempregados, pero só recuperamos o 30% dos postos de traballo destruídos durante a crise, fronte a un 50% en España.

Os parados de longa duración preocúpannos especialmente porque se desvalorizan e acaban desprotexidos. Son o 60% dos parados totais, cun incremento dun 300% nos últimos 7 anos. Hai 95.000 persoas que levan máis de dous anos completos en paro.
Está en xogo a sustentabilidade de Galicia como unha sociedade autónoma avanzada, con sistemas de benestar poderosos e dinamismo económico. Só traballa para vivir 1 de cada 3 galegos. O resto depende dos primeiros ou ben dun sistema público de redistribución, enfraquecido.

A prioridade é o emprego, coincidimos con vostede. Baixar o desemprego do 10% é un obxectivo aceptable sempre que se faga sobre a expansión da base laboral e non da expulsión de activos. Comprométese a crear 100.000 postos de traballo adicionais na lexislatura? Con qué instrumentos? Propoñémoslle catro:

• Reforma do sistema público de emprego converténdoo na Axencia galega de emprego.
• Programa de choque para a inserción laboral da mocidade e dos parados de longa duración, no que investiriamos 100 millóns de euros ao ano.
• Programa de retorno.
• A formación, con especial atención á FP dual.

Ademais, coincidimos en que é imprescindible atender ás necesidades de autónomos e emprendedores. Vostede presume dos seus éxitos, quere converter a Galicia no lugar máis favorable para ser autónomo pero hai unha caída notable no número de autónomos desde que é Presidente (case 15.000 menos). Unha nova estratexia? Parécenos ben. Tráiaa ao Parlamento, discutámola e corrixamos entre todos esta situación.

II.3 Unha paisaxe social devastada

As desigualdades sociais aumentaron moito en España, pola globalización, o cambio tecnolóxico, a crise e o axuste nas políticas sociais. En Galicia tamén. E vostede obviou este problema. As clases medias asalariadas e profesionais perden status e expectativas. Están desesperanzadas. Os traballadores/as menos cualificados son os máis directamente afectados pola competencia doutras áreas, pola mecanización de procesos, polo deterioro do mercado laboral e pola propia reforma. Das operadoras de telemarketing ou caixeiras dos supermercados aos traballadores da construción.

A mocidade parada ou precarizada e os adultos parados sen cobertura son os que máis padecen. Mentres non constrúamos un camiño para a mocidade, de traballo xustamente remunerado, con estabilidade, o seu desencanto estará presente.

Medio millón de persoas viven en fogares con carencia material e 136 mil padecen carencia material severa. O que afecta sobre todo aos menores de idade. Hai pobreza infantil significativa no país de INDITEX ou INVERAVANTE e non é tolerable. A súa política contra a precariedade social é moi insuficiente. A RISGA chega tan só a 9.000 persoas. Avancemos cara sistemas de garantías de ingresos mínimos facendo un esforzo adicional nas familias sen recursos e con fillos, encaixable financeiramente.

Propuxemos na campaña un programa especial contra a pobreza infantil ao que destinaríamos máis de 100 millóns de euros –que non poñería o límite das axudas nos nenos de 3 anos, como fai vostede-. Este programa atendería ás urxencias do presente e prepararía o futuro. Devolvendo o orgullo e a esperanza a moitas persoas. Reformar e ampliar a RISGA e impulsar un sistema de protección á infancia. Retome vostede estas ideas, fágaas súas: non deixemos a ninguén atrás, como vostede proclama sen extraer as consecuencias. Por qué non é máis ambicioso neste tema?

Os maiores perderon poder adquisitivo pero capean o temporal –coas pensións medias máis baixas de España-. Estamos esgotando o Fondo de Reserva. Con 800.000 pensionistas, non podemos ser indiferentes ou tímidos nas solucións. As súas propostas nesta materia non están á altura dos desafíos e compensarémolas coas nosas iniciativas.

A atención ás persoas discapacitadas esixiría un Pacto global, impulsando unha acción a medio prazo no ámbito laboral, sanitario, educativo ou de integración social. As persoas dependentes teñen que ser atendidas con maior celeridade. As residencias e centros de día xa construídas, abertas. Promovendo a dotación de equipamentos alí onde existan necesidades por cubrir.

II.4 O estado das finanzas públicas

O estrito cumprimento dos obxectivos de déficit foi a súa única política durante sete anos. Por necesidade e por cálculo. Pero de cada 3 euros de débeda da Xunta de Galicia máis de 2 foron producidos durante os seus mandatos.

O seu discurso é contraditorio. Vostede criticou a xestión das contas públicas de EPT, con superávit e axuste da débeda. E presume de control fiscal pechando con déficit e incrementando intensamente a débeda. Cando ao mesmo tempo suspendemos en crecemento e emprego; cando hai un axuste brutal no investimento que debería ser o resultado da débeda.

A XG decidiu quedarse á marxe do FLA. En principio, unha boa decisión. Pero o FLA ampliouse sen data, a condicionalidade non foi exercida, financiou todo o gasto en que incorrían as CCAA (incluído o déficit non autorizado) e fíxoo a custe 0. Temos o paradoxo de que aqueles que gastan en exceso son financiados pola AC en condicións preferenciais e sen ningún control real. Cánto nos custa estar fóra do FLA?

De cara ao futuro non nos clarexou a súa política fiscal. Non cuantificou as súas propostas. Pero non nos saen as contas: qué custe e qué calendario para a recuperación do poder adquisitivo dos funcionarios?, por exemplo. Vai proseguir o axuste do gasto? Con qué criterios e prioridades?Fiamos todo á intensidade da recuperación económica e aos seus efectos sobre os ingresos?

Fala de baixar impostos, sen concretar nada. Un sistema impositivo sólido, eficiente e xusto é a clave do estado do benestar. Revisemos os beneficios fiscais, avaliándoos en termos de eficacia e contribución á equidade. Importan máis, señor candidato, os tipos medios efectivos que os tipos marxinais formais. Se subimos aqueles e baixamos estes estaremos facendo un bo traballo. E combatamos a fraude fiscal, desenvolvendo a ATRIGA e fomentando a colaboración coa AEAT.

No ámbito do financiamento autonómico sitúanse as maiores incertezas e riscos. A situación é complexa. A idea de “ordinalidade”, impulsada desde Cataluña, non é un criterio aceptable, porque quebra a igualdade de trato. O criterio básico debe ser o de cobertura igualitaria das necesidades de gasto. Ponderando convenientemente os factores de custe, como a dispersión, e de demanda, como o avellentamento ou o sobreavellentamento, que tanto afecta ao gasto sanitario ou social. Nesta conxuntura Galicia só ten dúas fortalezas: a unidade social e política; a intelixencia na formulación e xestión das propostas. Preocúpame a escasa concreción e a ambición limitada das súas propostas.

Propoño a creación dunha Comisión Parlamentaria para definir nun tempo limitado unha posición unitaria de Galicia en relación coa reforma do sistema de financiamento autonómico e temas conexos. Comprométese a manter a posición relativa de Galicia no financiamento por habitante axustado?

III. CARA AO FUTURO

III.1 Unha nova fase na autonomía de Galicia

Estamos diante dunha nova fase na autonomía de Galicia. As transferencias pendentes, con ser importantes, non supoñen un cambio cualitativo. Pero hai que conseguilas. As dificultades financeiras da AXE obrigarannos a contar máis coas propias forzas. O clientelismo terá máis custes. O problema é que temos un corpo social e político que agora deberá funcionar nun contexto diferente. Non sei se vostede ten asumido este novo escenario.

Como as paixóns humanas están distribuídas aleatoriamente, que diría Malthus, temos que crear os marcos e instituír os incentivos que transformen os vicios privados en virtudes públicas. Vostede esqueceu a exemplaridade pública nas dúas horas de discurso. Desapareceron os problemas de corrupción?

Converta a transparencia nun principio eficaz de comportamento, cunha lei de acceso e transparencia de inspiración nórdica. Creando un Rexistro de intereses para os lobbies. Creando unha Oficina Antifraude e protexendo aos denunciantes internos para atallar a corrupción.

A avaliación dos proxectos importantes ex ante por entidades independentes debería permitir acertar máis nas decisións. Por iso nós queremos crear a Oficina Orzamentaria no Parlamento de Galicia, como existe no Congreso dos Estados Unidos, independente, técnica, útil.

En definitiva, Galicia está nunha encrucillada, política así como económica. Os tempos cambian, que diría Dylan. É imprescindible un cambio de cultura política que incorpore máis participación e responsabilidade. Até o de agora fixemos administración, agora precisamos facer autogoberno, con máis peso específico dos propios cidadáns. E, ao tempo, necesitamos un novo modelo económico para o progreso inclusivo que Galicia demanda. Non hai só que subirse á ola do crecemento económico español e europeo.

O obxectivo ten que ser facelo mellor que o resto das rexións competidoras. O nivel de esixencia é superior. Iso é o que significa para nós ter orgullo de Galicia.

III.2 Reforzar o Estado do Benestar

Preocupoume especialmente o seu esquecemento e desconsideración dos servizos públicos básicos.

A sanidade é a principal preocupación dos cidadáns e das cidadás (último barómetro CIS). Sei que aquí a nosa visión e a súa chocan. Tanto sobre o balance como sobre as perspectivas. Temos un magnífico sistema sanitario, comparativamente, pero debe recoñecer que cun notable empeoramento desde que vostede é Presidente. Son os profesionais, coa súa entrega, os que o sosteñen. Nós seguiremos defendendo un sistema público de acceso universal, de aseguramento único e financiamento público, con calidade asistencial. Vostede, co axuste cego, ten provocado o seu deterioro, fraxilizado o acceso e privatizado ámbitos relevantes do mesmo.

Houbo un dramático recorte no nivel de servizos, que afecta aos coidados á poboación. Reducíronse en 1.000 as camas hospitalarias e en algo máis os profesionais sanitarios entre 2008 e 2015. Como consecuencia, hai peores prestacións. Vostede esqueceu este problema. No tempo de agarda para as probas diagnósticas amosamos as peores estatísticas das CCAA españolas (coa excepción de Ceuta e Melilla), cun empeoramento nos últimos cinco anos (Barómetro Sanitario, CIS, 2015); na cita con especialistas, un 37% dos enfermos di agardar máis de 3 meses e un 15% máis de 6; a atención hospitalaria é insatisfactoria para máis dun 50% dos enfermos, por riba da media española.

Recuperar en 4 anos o número de profesionais sanitarios perdidos é imprescindible. Para reducir significativamente os tempos de agarda, a través da xeneralización das unidades asistenciais de alta resolución e dos circuítos rápidos para o tratamento do cancro. Para garantir en atención primaria –á que non dedicou unha frase- a asistencia en 24 horas en días laborábeis así como dedicar cando menos 10 minutos a cada doente.

Houbo maiores dificultades de acceso ao sistema. O goberno de Rajoy quebrou o principio de acceso universal á atención sanitaria (inmigrantes e retornados). Introduciu o copago dos pensionistas, que é unha barreira económica pesada para moitas familias (e imposible para algunhas). Con dificultades específicas de acceso a medicamentos e vacinas necesarias (meninxite B).

Por iso queremos garantir o acceso universal á sanidade pública, de novo; e aliviar a carga aos pensionistas de menores recursos. Xa sei que vostede propuxo eliminar o copagamento para as familias con risco de exclusión e menores a cargo. Parécenos insuficiente e burocrático. Terá pouco impacto. Hai que ser máis ambiciosos.

Impulsou unha estratexia de Privatización. O exemplo máis poderoso é o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que debería ser revertido mediante a negociación. Pero houbo exemplos felizmente falidos como o dos centros de saúde ou a ampliación do CHOU. Seguiremos opoñéndonos aos intentos de continuar por este camiño.

Tamén na educación os recortes implicaron menos profesores que dan máis horas de clase a máis alumnos. A calidade reséntese. Alí onde a demografía empuxa non houbo capacidade para atender esta demanda crecente e hai masificación. Sr. candidato, estamos cumprindo obxectivos? Os datos de PISA poden sintetizarse en que somos os mellores dos peores. Non chega. Por exemplo, hai moitos centros plurilingües: ten mellorado a aprendizaxe de lingua estranxeira ou simplemente limitámonos a cambiar o apelido ao centro para seguir facendo o mesmo, e impartindo en inglés ximnasia ou música?

Xa sei que non se trata só de recursos. Pero sen incrementar os cadros de persoal o éxito na reorganización é mais improbable. Cál é a súa proposta? Nós propuxemos volver en catro anos ao número de profesores de 2008. Como unha base para os cambios organizativos ou territoriais que o ensino público precisa. Para contratar profesores nativos, para impulsar as experiencias pedagóxicas que xa teñen lugar nos centros, para dotar ás aulas do persoal de apoio que a educación na diversidade require.

Queremos tamén universalizar e homoxeneizar o período preescolar. Impulsar a gratuidade dos libros de texto. Reforzar os centros integrados e a FP dual. Por en marcha medidas de redución do abandono escolar temperá. Facilitar o acceso de todos alumnos procedentes de familias con menos recursos aos comedores bonificados. Impulsar o uso dos centros fóra do horario escolar.

E aos problemas de fondo únese a Lei Wert. Vaiamos ao urxente. Non hai condicións para aplicar a reválida de Bacharelato. O nivel de preocupación da xente é moi alto. Cómo preparar unha proba decisiva que non se sabe cómo vai ser? Retornen ao modelo previo derrogando a LOMCE e traballemos nun pacto educativo en toda España que poida despois ser trasladado a Galicia.

E permítame algunha reflexión sobre as universidades. Vostede presume moito de ter as taxas máis baixas das comunidades autónomas españolas. Ben é certo que de xeito simultáneo o MEC reduciu as bolsas. Pero, qué fácil é disparar con pólvora do rei! Tería máis mérito se compensara ás universidades. Pois a Xunta de Galicia obtén o rédito político e as universidades menos recursos.

E compre facer algo máis cos cursos de mestrado. Non citou este nivel educativo. Os grados compiten razoablemente en España. E comeza a haber mestrados de calidade. Pero a un prezo alto e sen a xeneralización necesaria. Hoxe a igualdade de oportunidades depende deste último nivel educativo. Podemos facer máis, creando un sistema propio de bolsas que faciliten o acceso a todos os que o merezan e promovendo unha oferta ampla competitiva internacionalmente.

Brevemente outras cuestións: Cómo vai reforzar e racionalizar a administración? Vai iniciar un novo proceso de negociación colectiva na función pública? Cómo impulsar a aplicación das TICs na administración de xustiza? Qué pensa facer coa política no mundo do deporte?

III.3 Outras cuestións relevantes

O modelo territorial e as infraestruturas

No transporte, a sentenza do TSXG é á vez un desafío e unha grande oportunidade. As concesións precisan ser reordenadas en prazos esixentes. Precisamos avanzar con rapidez no deseño dun mapa eficiente de liñas, artellando unha estratexia administrativa ben definida. Nas áreas metropolitanas, poñendo en marcha Consorcios de Transporte, en colaboración coas entidades locais. Na mobilidade de media distancia, incorporando os novos centros tractores, como aeroportos ou estacións de ferrocarrís. Na mobilidade rural, garantindo o acceso da poboación aos servizos básicos. A estratexia administrativa debería estar ben perfilada para garantir a accesibilidade das persoas con independencia do lugar de residencia. Comprométese a trasladar ao Parlamento este desafío a través do art. 142 do Regulamento?

Non quero deixar este ámbito de atención sen unha referencia ao AVE. Nestes anos, con maioría absoluta do PP en Galicia e en Madrid, os retrasos sobre as previsións son evidentes. O grado de execución dos orzamentos iniciais situouse por baixo do 40%. E agora vostede acepta un AVE diminuído, con trazados provisorios: así, as obras non van estar rematadas até o 2022, sr. Feijóo. E atrévese a volver co AVE de Lugo a Ourense: en qué reviravolta deixou a súa promesa de 2009? Non faga o ridículo, ten a oportunidade de recuperar a coherencia, volvendo a ser o azote sistemático dos gobernos que retrasan o AVE e reducen os investimentos. Aínda que sexa un goberno do seu partido.

Esqueceuse dos incendios en novembro, e estará obrigado a apagalos no verán. Pero falemos da auga. Estamos condenados polo incumprimento da Directiva Marco da Auga en materia de saneamento e depuración, cun expediente aberto aos vertidos na ría de Pontevedra; e está vencido o Plan de Saneamento de Galicia. É o momento de priorizar absolutamente o saneamento integral das rías. Reflexionando sobre os modelos de xestión para acadar a colaboración de todas as administracións implicadas e dos axentes sociais relevantes. Nós propuxemos un organismo por ría. Pero pode haber outros modelos, sempre que se garanta a calidade do medio e a súa explotación sostible, así como unha acción integral dentro do ámbito territorial relevante.

Esqueceu tamén o ámbito local: sinteticamente, precisamos desenvolver completamente o Pacto Local, impulsar a constitución e desenvolvemento de áreas metropolitanas. Derrogar a LRSAL e impulsar un novo sistema de financiamento. Qué foi das fusións municipais? (É o seu método: cortinas de fume que se esvaecen no ar....)

Cultura, lingua e medios de comunicación públicos

En 2011 colaborei na redacción e aprobación da lei de medios públicos. Cinco anos despois observo que foi desenvolvida con parsimonia e parcialidade. Creen nos medios públicos independentes e plurais? Faltan por desenvolver os aspectos de gobernanza que garanten a independencia da compañía e protexen a calidade da información. Elixa ao director da corporación por maioría cualificada do Parlamento de Galicia; impulse o Estatuto profesional para a corporación RTVG; e cree o Consello de Informativos como órgano de representación dos profesionais.

Faltan por desenvolver os Contratos-programa que concreten o cumprimento da encomenda de servizo público. Compre construír unha televisión moderna, fusión da Galicia urbana e rural; rehabilitar a TVG 2, arriscando máis e tentando incorporar novas audiencias. O país vivo, innovador, creador, emerxente, ten que estar presente na CRTVG. E compre garantir o dereito de acceso e representación do pluralismo.

Entre os contidos do servizo público está o de garantir o futuro da lingua propia de Galicia. Eu dicíalle no 2009 que a nosa debería ser a xeración da concordia lingüística e do futuro do galego. Facendo posible o coñecemento universal de galego e castelán; establecendo unha política de protección e impulso da lingua propia, máis débil; e garantindo o máximo respecto á liberdade individual.

Baixou vostede o grado de confrontación política sobre a cuestión da lingua, pese a algunha recaída en período electoral. Pero sen contrición nin propósito de emenda. Sen unha política ambiciosa de apoio á lingua e á cultura. Vostede, sr. Candidato, está no su último mandato. Pense no legado que deixará para as xeracións futuras. Faga o posible por restablecer a concordia. Deseñemos entre todos un camiño de futuro, a partir dun ditame do Consello da Cultura Galega, dentro das súas funcións consultivas.

Igualdade/Violencia de xénero

A igualdade de xénero non lle preocupa excesivamente. Coa súa acción de goberno desactivou o entramado normativo en favor da igualdade que erguera o goberno de EPT. O balance en materia laboral é desolador: por vez primeira caeu a taxa de actividade feminina, a diferenza do que sucede en España; e sobre os niveis de desemprego feminino non paga a pena insistir. Ese está sendo o seu legado, sr. Candidato.

A política de igualdade de xéneros é transversal e afecta á sanidade, á educación ou á investigación. Pouco se fixo e pouco agardamos. Pero xa en 2009 fixo unha referencia á violencia de xénero. Supoñiamos unha especial atención pola súa parte. Pois ben, en 2015 houbo case 4.000 chamadas telefónicas, 60 casos acreditados e 8 mortes –o peor indicador relativo das CCAA-. Ese tamén é o seu legado. Corríxao, actuando no ámbito escolar, para educar ás novas xeracións no respecto e na igualdade, no ámbito da prevención, da atención ás denuncias, do seguimento dos casos máis graves. Dote de máis medios ao aparato xudicial e administrativo que debe ocuparse deste problema.

Autogoberno

Non pode existir orgullo de Galicia ou inspiración galeguista sen confianza no autogoberno. E vostede non confía nel. Nos últimos 8 anos non houbo traspasos de competencias para Galicia. Pode pasar á historia de Galicia como o único presidente da Xunta que non ampliou o autogoberno. Certo que o proceso vaise esgotando. Pero estamos por detrás do nivel competencial do País Vasco ou Cataluña. Existe unanimidade nesta cámara a favor da asunción de máis competencias. En tráfico e policía, por exemplo, que xa xestionan ambas nacionalidades, con plena normalidade.
Os intereses de Galicia precisan que erga a voz de cando en vez. Hoxe temos un goberno central en minoría que pode ser moito máis receptivo ás súas demandas. Amose que está á altura da súa función.

A AP-9 é un bo exemplo. Desde hai anos reclamou a titularidade, arrepentiuse e volveu á posición orixinal en varias ocasións. Temos unha proposición de lei orgánica suspendida na Mesa do Congreso. Desbloquéea e permita iniciar a tramitación. Amósenos a súa capacidade e influencia.

Fíxese que non lle pido que renove o Estatuto de Galicia. Non porque o considere innecesario. Non, é que estamos nunha conxuntura de confusión, de indeterminación, demasiado dominada pola resposta (de momento defensiva e roma) ao independentismo catalán como para que poida prosperar a reforma que precisamos. Só lle diría: esteamos preparados. Se hai unha solución negociada ao desafío catalán debemos ter lista a nosa proposta.

Eu confésolle os principios que me gustan: igualdade de trato para todos, respecto á diversidade. E Galicia, nin un centímetro por detrás da súa posición actual de nacionalidade histórica. Non somos partidarios da ruptura pero tampouco do inmobilismo que predica. O modelo autonómico ten neste país un apoio maioritario. Está ben que así sexa. Pero sen cambiar o modelo podemos melloralo significativamente. Esa é a tarefa de todos. Só cun modelo federal de igualdade na pluralidade pode pesar en España. Se está á defensiva non influirá.

Nós tamén temos orgullo de sermos galegos e un compromiso co país. Pero preferimos un país dinámico demograficamente, con oportunidades para as persoas mozas, sen pobreza, con menos desigualdades, cunha base produtiva sólida, cun sector primario forte, un sector industrial competitivo, con emprego de calidade, con servizos públicos básicos reforzados, no que a educación sexa un instrumento de igualdade de oportunidades, a sanidade unha garantía de atención rápida, con calidade institucional e sen corrupción, integrado territorialmente, con peso en España e en Europa. Con diálogo social e con diálogo político nun Parlamento vivo e participativo.

Estaríamos máis orgullosos dun país así. Por iso non vai ter o noso apoio na investidura. Estaremos onde nos situou a cidadanía. Seremos oposición: rigorosa e construtiva. Que discrepará e atreverase tamén a coincidir con vostede. Nos vindeiros catro anos perfilaremos os argumentos para aproximarnos mellor ás demandas sociais. Para entender os medos, desexos e aspiracións dos votantes. Para construírnos como alternativa.

Moitas grazas.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar