Intervención de José Ramón Gómez Besteiro no Comité Nacional Galego

Intervención de José Ramón Gómez Besteiro no Comité Nacional Galego

Intervención de José Ramón Gómez Besteiro no Comité Nacional Galego

INTERVENCIÓN SECRETARIO XERAL PSdeG JOSÉ RAMÓN GÓMEZ BESTEIRO

COMITÉ NACIONAL 22-03-14

Compañeiros e compañeiras, moitas grazas por estar hoxe aquí

1.- SITUACIÓN ACTUAL DO PARTIDO

Celebramos o primeiro Comité Nacional desta nova andaina. Como sabedes, vimos de facer unha avaliación económica e administrativa da organización, para saber en que momento nos atopamos e con que recursos contamos para reactivar o partido da forma máis dinámica e eficiente nesta nova etapa.

Toda reestruturación interna, todo proceso de cambio dunha organización, cando se quere facer ben e de xeito estable, resulta ser de gran complexidade. Como xa dixen no proceso de primarias a Secretario Xeral, os cambios que quero levar a cabo no partido son profundos, polo que no inicio desta nova viaxe, debemos saber con que podemos contar para alcanzar os nosos obxectivos.Non quixen por tanto, convocar a este Comité sen ter feita esa tarefa e contando con todos os datos na man.

O PSdeG atópase neste momento nunha situación económica crítica:

- Por un lado, pola diminución de ingresos debida aos resultados electorais adversos.

- E por outro, polo gasto, consecuencia dos diferentes procesos electorais que o partido afrontou nos últimos tempos.

De forma que a débeda acumulada a 31 de decembro do 2013 ascende a 2.107.740 €. Así, a esta executiva tócalle levar a cabo unha serie de medidas encamiñadas a abrirse paso nesta situación e garantir a viabilidade económica do PSdeG:

Medidas que van dende o refinanciamento da débeda acumulada ata a política extrema de control e axuste do gasto.

Esta situación ten unha trascendencia que vai moito máis alá dos números e moito máis alá das contas. Ten unha transcendencia humana que nos pon na obriga de afrontar unha reestruturación no cadro de persoal.

Unha decisión dolorosa como vos podedes imaxinar para todos os membros desta Executiva. Nesta situación tócanos facer máis con menos e xestionar a escaseza de recursos coa mira posta na recuperación dos resultados.

Un momento no que cómpre apelar ao noso compromiso como socialistas para volver a chegar á cidadanía a través dun partido forte, unido e renovado.

2. CLAVE INTERNA

Hai cinco meses que en Galicia comezamos a marcar un novo camiño non só para o noso partido, senón para o resto de formacións políticas do noso país. Durante todo este tempo non deixou de canalizarse o debate interno a través das diferentes resolucións que tiveron lugar nos distintos órganos que celebramos.

Especialmente no período que vai dende a Celebración da Conferencia Política en novembro do ano pasado, ata o Comité Federal de xaneiro, cando consensuamos as bases e o calendario para a celebración das primeiras primarias abertas neste partido.

Así que dende a celebración das primarias galegas ata a celebración deste Comité Nacional, dentro da reflexión común de todos os socialistas españois sobre o mellor xeito de artellar o noso futuro, asistimos a un proceso de reconstrución e renovación do partido a nivel federal.

É dicir, destes cinco meses, tres dedicámonos a sentar as bases de funcionamento e reorganización interna ao máximo nivel, tamén aquí en Galicia.

Traballamos todos estes meses dende a celebración das primarias, en ser un partido máis democrático, que elixa os mellores líderes para a sociedade e que estea a altura ética do que quere proxectar á cidadanía.

Tras o acordado no 38º Congreso Federal e refrendado na Conferencia Política, o pasado mes de xaneiro o Comité Federal elaborou, e aprobou, o regulamento polo cal se establecían as normas de todo o proceso para a celebración das eleccións primarias abertas.

Este regulamento, segundo di o artigo primeiro, será de aplicación a todos os procesos de elección de candidatos que se realicen mediante o procedemento de elección de primarias abertas.

E, nese mesmo artigo, reflíctese que este procedemento será aplicable en dous supostos: a elección do candidato/a á Presidencia do Goberno de España; e a elección do candidato/a á Presidencia de Comunidades Autónomas, cando así o aprobe o Comité Federal do PSOE, a petición das executivas nacionais. Isto votouse sen excepcións.

Votouse sen exceptuar nada por parte dos compañeiros que alí acudimos en representación do PSdeG. Polo tanto temos un marco regulador claro e ratificado para desenvolver os procesos de primarias para elixir os nosos candidatos, aprobado polo Comité Federal.

Un regulamento que dispón que no caso dos candidatos ás Alcaldías dos Municipios, aqueles de máis de 20.000 habitantes, o método de elección será o de primarias, segundo recollen os nosos Estatutos, e a celebración da mesmas será no mes de Setembro.

Este é o procedemento que aprobamos como partido para elixir os nosos candidatos nas seguintes eleccións, e son as regras coas que temos que actuar.

Existen debates na rúa máis importantes que temos que atender. Non somos unha organización máis preocupada de si mesma que dos problemas dos galegos. Creo que todos coincidimos nito.

Deixemos de falar de nós mesmos para falar dos que están a agardar por nós, que son os cidadáns que cada día sofren os embates da política da dereita e necesitan xa unha alternativa.

E esa alternativa temos que ser nós, o Partido Socialista.

Porque compañeiros, cal é o verdadeiro éxito das primarias? As primarias danlle unha nova lexitimidade democrática aos nosos liderados, é certo.

Pero o verdadeiro éxito das primarias ten que radicar en que cada vez haxa máis militantes do partido socialista que elixan os mellores candidatos para a sociedade.

Ademais, empoderar as nosas bases co voto directo aos seus candidatos e secretarios xerais, serve para que a militancia se converta en auditora da ética política e sexa a primeira garantía de prevención dos casos de corrupción.

É dicir, temos que traballar nunha forma de entender o partido, pero sobre todo temos que traballar en como trasladarllo á sociedade.

O que os militantes agardamos deste partido ten que ser un reflexo do que a sociedade espera de nós.

Todo o que imos a construír ata a elaboración do código ético federal é importante, por iso non temos que deixar de marcar unhas liñas vermellas.

O noso partido, como partido comprometido coa democracia e a transparencia no exercicio de servizo público, debe garantir a honestidade de todos os seus cargos públicos en prol dunha exemplaridade pública inherente á nosa condición de partido de esquerdas.

Este feito resulta aínda máis crucial, como consecuencia dos numerosos casos de corrupción que todas as semanas temos que ver e sufrir como sociedade.

Por este motivo, na Conferencia Política acordouse instar á Comisión Federal de Ética e Garantías a elaborar un código ético e de transparencia.

Estou convencido da necesidade deste Código Ético que sirva como compromiso institucional para previr e sancionar calquera acción irregular no seo do noso partido e nas institucións nas que teñamos representación, e premo ao partido para que o poida ter listo canto antes.

Nesta liña de actuación, o PSdeG propuxo no Parlamento unha serie de medidas para previr a corrupción nas nosas administracións.

Marcamos un límite claro ante o que calquera militante que sexa detido por un caso de corrupción e se lle impoñan medidas cautelares por parte da autoridade xudicial, será apartado inmediatamente do partido.

Ademais, as responsabilidades políticas anticípanse ás responsabilidades penais no caso da militancia socialista. De forma que tamén nos casos de corrupción un militante xa é apartado da organización no xuízo oral

Con firmeza e decisión esas serán as nosas liñas vermellas para esixir responsabilidades aos nosos compañeiros.

E ese será o límite ata que chegue o Código Ético Federal. Coa premisa da presunción de inocencia, pero a todos os compañeiros por igual, sen excepcións, aínda que esa situación sexa dolorosa para o noso partido.

Non imos actuar como o Partido Popular de España en Galicia, que se escuda en cualificar de asuntos privados procesos xudiciais que afectan os seus cargos públicos, aplicando un criterio ético ou outro, segundo lle conveña.

Non cremos na ética maleable da dereita, porque desgasta a credibilidade dos cidadáns e vulnera todo principio de acción política en democracia.

Para os socialistas, a credibilidade ten que emanar sempre dos nosos acertos, pero tamén do rigor e a firmeza nas decisións ante os fallos propios.

É necesario seguir afondando nun partido democrático, cada vez máis transparente, pero cada vez tamén máis dinámico e eficiente na forma de organizar o seu traballo.

Cómpre avanzar no reforzo das estruturas internas do partido e no diálogo continuo coas agrupacións que propuxen cando me presentei candidato ás primarias.

Hoxe podemos comezar a falar dunha estrutura nuclear do partido ao redor da militancia, porque o seu papel xa vai moito máis aló de pagar unha cota e participar eventualmente nos seus órganos.

Así, que para seguir a avanzar na transparencia e na eficiencia da estrutura do partido quero anunciarvos a miña decisión de que a Executiva non vai votar no Comité Nacional. A min elixiume a militancia, pero a este partido o controla o Comité Nacional.

Por iso considero coherente reforzar o papel de control do Comité por un lado e desvinculalo da influenza que as decisións da Executiva puideran ter nel á hora de votar nun sentido ou noutro.

Tamén, ademais da Conferencia Política Galega, que celebraremos no seu día e que nos impulsará con forza cara aos seguintes procesos electorais con maior peso galego, creo que temos que artellar un sistema que potencie a formación, a información e o diálogo continuo coas agrupacións e a militancia.

Tal e como pensei sempre, a miña corrente segue a ser o PSdeG e o meu equipo a militancia. Eu creo nun militante que decida, pero tamén que aporte.

Un militante que se sinta co-responsable da acción colectiva que leva a cabo o partido e que se involucre ademais de co seu voto, coa súa voz e as súas ideas.

Cómpre aproveitar todo o capital humano e a forza intelectual que aglutina o groso da militancia deste partido.

Por iso propóñovos participar nunha serie de Mesas de Traballo.

Mesas de traballo que baixo a coordinación da Executiva, sirvan como reforzo da estrutura sectorial do partido para involucrar a militantes, profesionais e académicos afíns con coñecementos específicos. Persoas que poidan enriquecer o acervo político da organización dun coñecemento útil para todos a nivel social, de discurso e de debate.

Quero ter un diálogo constante coas agrupacións e que elas poidan estar presentes tamén na vida do partido.Tamén, así como vos propoño un reforzo da nosa estrutura funcional e de traballo, a estrutura territorial ten que servir tamén para resolver problemas.

Todos somos parte na responsabilidade colectiva. Porque a cohesión interna comeza en cada unha das agrupacións, non só na rúa do Pino.

Cada unha das estruturas en que se divide o partido ten que ser coherente, porque senón se asumen responsabilidades, quedará en evidencia o sentido de manter ou non ditas estruturas.Debemos demostrar cohesión interna á cidadanía.

Unha das principais diferenzas que temos cos nosos rivais da esquerda é precisamente a fortaleza que podemos demostrar coa unión.

Un partido aberto pero cunha proposta e un camiño común, capaz de resolver os seus conflitos. Porque no momento en que todos rememos na mesma dirección, estaremos a pór a primeira pedra firme para o cambio.

Estou seguro de que non imos avivar máis o lume que nos impediu ser unha alternativa crible nos últimos catro anos.

Agora toca recuperar a ilusión e traballar para facer un partido forte, renovado e cada vez máis grande.

Elevar o nivel de compromiso para aumentar a nosa base social, non para minguala. Porque canto máis apoio academos e máis consciencia colectiva da nosa tarefa teñamos, máis preto estaremos da sociedade para volver a gañar a súa confianza.

3. EN CONTRA DA DEBILIDADE SOCIAL

Os galegos e os españois non podemos saír máis débiles e desiguais desta crise. Xa sabemos que a dereita non lles vai dar marxe e que vai estar máis preocupada por levantar as súas cortinas de fume que de atender os problemas reais. Unha dereita que se une en bloque para tomar calquera decisión que signifique unha involución social e un retroceso nos dereitos civís.

- Restar presenza e poder de decisión á muller na sociedade, coa reforma da Lei do Aborto

- Pechar filas sobre as mortes de inmigrantes en Ceuta

- Limitar o principio de xustiza universal e impedir aos tribunais investigar e xulgar crimes como o xenocidio

- Ata cambiar as regras do xogo democrático aquí en Galicia a pesar de ter menos dun cuarto dos votos do censo electoral.

Por iso compañeiros necesitamos un Partido Socialista forte, que evite que a dereita faga unha sociedade cada vez máis débil.

É un paradoxo que ata o propio FMI ou a propia OCDE, constaten nas dúas últimas semanas que España -e tamén Galicia- foi o país onde máis medrou a desigualdade durante a crise e onde máis aumentou a fenda social entre as persoas e a disparidade na distribución da riqueza.

Xa non o di só o PSOE. Por iso, sairemos da crise cando os cidadáns no seu conxunto así o perciban, non Rajoy e Feijóo se empeñen e repetilo sen cesar.

Sairemos todos xuntos ou non sairemos, e o faremos cando a dereita deixe de empequenecer á sociedade civil e consecuentemente á nosa democracia.

Para nós a recuperación económica, leva implícita a redución da desigualdade. Nós non somos un partido de trincheira, somos un partido de Goberno. Que defende o "canto mellor, mellor". Somos un partido responsable que quere que ao Estado lle vaia ben porque iso significará que lle vai ben ao conxunto dos españois.

Por iso estamos dispostos a sumar na recuperación económica, pero non a calquera prezo. Este partido está disposto a sumar e a apoiar medidas que permitan que a recuperación económica a note toda a poboación, non só un 10%. Por iso, no sentido de que a recuperación económica chegue ao conxunto da poboación, é polo que temos que xerar alternativas.

4. CONSTRUÍR ALTERNATIVAS DESDE O CONSENSO

Construímos alternativas ante a crise económica, política e social para resolver os problemas reais de Galicia.

Alternativas que podemos canalizar grazas os diferentes grupos de persoas que se ocupan con dedicación e valentía de exercer a representación política das nosas ideas.

Quero recoñecer o seu labor e darlles as grazas polo traballo e lealdade demostrados nesta nova andaina.Comezando polo Grupo no Parlamento de Galicia, nomeadamente a Xosé Luís Méndez Romeu por asumir responsabilidades con plena dedicación nunha situación de cambio.

Aos Deputados no Congreso e Senadores, grazas os que o PSdeG está presente no Estado e que coordina Guillermo Meijón. A todos os Alcaldes e concelleiros na oposición que cada día defenden o valor do municipalismo para o benestar social das persoas neste país.

E a cada militante que é o que nos empuxa a cada un de nós cada día a mover este partido. Grazas de verdade por establecer unha relación fértil e de lealdade con esta nova Executiva e o seu Secretario Xeral dende o primeiro momento.

Todos xuntos facemos cada día ao PSdeG un pouco máis grande. Como dicía, grazas a este traballo estamos a ser quen de facer política e xerar alternativas ante os retos sociais e de futuro.

Alternativas como as que lle presentamos ao Presidente da Xunta.

Compañeiras e compañeiros,

O que nos diferenza do resto de forzas políticas é, que nós temos a obriga e a responsabilidade de ofrecer propostas e alternativas de goberno.

Forma parte da nosa ideoloxía e da nosa historia como partido.

Sobre todo nun momento como este, no que nos atopamos cun goberno de Feijoo que non sabe xestionar, que non ten ideas.

Un goberno desaparecido e un Presidente da Xunta máis preocupado do que din del en Madrid ou da próxima viaxe polo Caribe que dos problemas dos galegos.

Esta dereita, a de Feijoo, só pode presumir dunha cousa: de ser os mellores, os máis rápidos e os máis eficientes... en aumentar a débeda da nosa comunidade, en aplicar as políticas de desmantelamento do sector público, e de levar a cabo de maneira flagrante a privatización dos nosos dereitos.

Ningunha maioría absoluta pode xustificar afastarse do consenso á hora de gobernar.

Pero isto é aínda menos tolerable cando, cunha maioría que significa menos dun cuarto do censo electoral, se toman decisións que hipotecan o futuro de Galicia como está a facer esta dereita.

Ante isto, non podemos resignarnos a protestar. Temos que actuar, situarnos á beira das persoas, e propor alternativas.

Demostrarlles que a política segue a ser o mellor medio para cambiar as cousas.

Por iso nestes seis meses propuxémoslle ao Presidente da Xunta a posibilidade de chegar a pactos sobre os temas fundamentais para sacar a Galicia da crise económica e social que está a sufrir. Entre eles:

Un pacto polo emprego no que propuxemos medidas para a creación de postos de traballo e reactivar o tecido produtivo de Galicia.

Un pacto polo sistema financeiro do noso país, que permitira que seguira a existir un sistema financeiro galego.

Un pacto pola mellora dos servizos públicos, o ensino, a sanidade e os servizos sociais en Galicia, trasladando as demandas duns traballadores públicos cada vez máis maltratados por este goberno.

Un pacto pola rexeneración democrática, en dúas vertentes:

- A primeira, unha proposta de reforma electoral moito máis ampla e ambiciosa que achegue a política aos cidadáns, e coa que o sistema gañe en representatividade.

- E en segundo lugar, un pacto pola transparencia do sistema no que ofrecemos unha serie de medidas preventivas para loitar e acabar coa corrupción política.

Un pacto pola PAC e a Política Pesqueira, para que Galicia dispoña de cotas dignas acorde á súa capacidade

Un pacto pola enerxía, para que Galicia sexa tratada no conxunto do Estado coa singularidade dun territorio enerxético

Un pacto por un prezo xusto no tratamento de residuos que evite a subida do canon de SOGAMA aos concellos e a suba de prezos para os veciños

E ata un pacto pola defensa dos intereses dos Concellos galegos en contra dunha Lei de Réxime Local recentralizadora e profundamente ideolóxica.

Precisamente no ataque aos concellos radica a estratexia do Partido Popular, porque sabe que é aí onde se establece a primeira barreira de protección para os más desfavorecidos e porque sabe que é aí onde os socialistas nos facemos fortes.

Vólvolle a pedir o Presidente da Xunta que rectifique a política de ataque aos concellos e evite a supresión de competencias que aprobou o seu partido en Madrid.

Se esta política non cambia, ímonos a replantexar tanto o noso papel como a nosa posición na FEGAMP.

Compañeiras, compañeiros, Todo o que lle ofrecemos no debate de Política Xeral e no debate de Orzamentos, deulle igual.A estas e a todas as propostas do PSdeG, Feijoo dixo NON.

E sabedes que temos que ter moi claro?

Que Cada vez que Feijoo di NON ás nosas propostas, queda en evidencia diante da sociedade galega. Por iso, temos que seguir a construír e a propor, porque esa é a mellor maneira de deixalo sen argumentos.

Eu só lle quero dicir que a pesar de esta actitude soberbia e pouco construtiva, cando en breve haxa que falar en serio de financiamento autonómico, o Presidente da Xunta poderá seguir contando co Partido Socialista para ir a Madrid cunha postura forte que defenda os intereses de Galicia.

5. SUPERAR A ESPIRAL DE EMPOBRECEMENTO

Feijóo poderá atoparnos sempre que fale dos problemas reais de Galicia, non dos que lle interesen ao PP de España en Galicia.

Os verdadeiros problemas de Galicia son o emprego, a débeda, a enorme caída demográfica e sobre todo a necesidade de levar a cabo unha reordenación económica do país.

Mentres o desemprego apenas varía e non logra baixar de 280.000 persoas, Galicia pechou 2013 destruíndo case 40.000 empregos, sendo a segunda comunidade na que máis caeu a taxa de ocupación.

Isto quere dicir, que en Galicia ademais da incapacidade para diminuír o paro, destrúese moito máis emprego que a media do resto de España.

Ademais, 2013 foi o cuarto ano consecutivo de descenso da poboación, con 16.000 galegos menos, tendo un dos índices de envellecemento máis altos de España e unha das taxas de fertilidade máis baixas de Europa.

Por outra banda, a débeda actual da Xunta xa supera todo o orzamento do 2014 e se sitúa en 9.131 millóns de euros, máis do dobre que cando Feijóo chegou ao poder.

Feijóo incumpriu o teito de débeda pública que lle marcou o seu propio goberno para 2013 e neste ano adicará tanto a pagala como o que destinará a Educación ou Sanidade.

É dicir, Feijóo fixo que a débeda sexa a terceira Consellería da Xunta de Galicia, algo que lastra por completo as expectativas de crecemento e de creación de emprego para todo o ano 2014.

A consecuencia da política da dereita en Galicia é unha espiral de empobrecemento na que:

- A falta de emprego e oportunidades provoca unha nova ola de emigración que agudiza os efectos negativos da espiral demográfica;

- Unha poboación cada vez máis envellecida e dependente incrementa o gasto público e a débeda;

En definitiva, a dereita está a configurar Galicia como un espazo onde non hai esperanza de futuro.

E Feijóo, baixo a política de austeridade, mantén a Galicia nesta espiral de empobrecemento da que non é capaz de saír.

Como saír desta espiral de empobrecemento?

- Levando a cabo unha reordenación económica dos recursos de futuro que aposte claramente pola produción e a reindustrialización.

- Investindo na creación de emprego de calidade que permita reter a todos os xoves formados que se ven na obriga de marchar cada mes de Galicia.

- Apostando pola igualdade e o equilibrio social como un valor económico de primeira orde.

- E asumindo que o investimento social e a educación son unha base de desenvolvemento socioeconómico moito máis efectiva que os recortes e a austeridade.

O benestar dun país non o reflicten indicadores económicos illados.

Para os socialistas, a prosperidade real dun país mídese na capacidade que este lle da aos seus habitantes para emprender un proxecto vital, para poder traballar e formar unha familia.

E hoxe, Mariano e Alberto só demostran ser un matrimonio de inconveniencia para todos os galegos e galegas.

Cómpre tomarse en serio os problemas das persoas.

E a mellor maneira de tomarse en serio os problemas das persoas, é tomarse en serio as vindeiras eleccións europeas.

6. EUROPA É O RETO MÁIS IMPORTANTE

Acudimos a Europa cunha lista forte.

Acudimos a Europa con candidatos fortes, en Galicia e en España.

Algo que non é capaz de facer a dereita a estas alturas.

Apostamos forte con Antolín, para o que pido agradecemento e recoñecemento polo magnífico traballo realizado nestes 10 anos.

E agora renovamos esa aposta con Pepe Blanco, que vai a seguir demostrando dende Europa o seu compromiso cos galegos.

Somos un partido capaz de defender os dereitos dos cidadáns dende o Salón de Plenos máis pequeno ata o Parlamento máis grande.

E facémolo conscientes de que se moitas das esixencias viñeron de Europa, o cambio na maneira de como afrontalas tamén ten que vir das institucións comunitarias.

A clave territorial é importante, porque Europa se constrúe dende a diversidade.

Pero non unha diversidade baseada en axiomas nacionais, senón unha diversidade que ten que entenderse sobre todo como a necesidade de dar respostas diversas a problemas que tamén son diversos.

Por exemplo, coa PAC e coa Política Pesqueira Común.

Estes días vimos como un desaxuste nesa política provoca a crise dun sector do que dependen miles de familias en Galicia.

Un problema ante o que o Partido Socialista reaccionou con diálogo e apoio situándose a carón do sector, non por riba del como fixeron a Xunta e o Goberno.

Tamén outros problemas como a crise demográfica ou as infraestruturas pendentes, teñen que ser un dos eixes da estratexia territorial galega ante Europa.

Para a materialización do programa galego en Europa, celebraremos unha xornada específica na que vos invito a participar e que terá lugar antes do inicio da campaña electoral.

Como dicía, a clave territorial é importante, pero aínda o é máis a clave político-ideolóxica.

Temos que afrontar estas eleccións dende unha perspectiva máis socialista que nunca.

E temos que facelo para afrontar aspectos tan determinantes como, o desemprego xuvenil, a protección da muller ou a defensa dos dereitos humanos.

Non paga a pena enrocarse en posturas nacionalistas galegas ou españolas, xa que a realidade da nosa verdadeira autonomía como país, como economía ou como sociedade a imos decidir en Europa.

Que vai facer a dereita?

Intentará desvirtuar estes comicios.

A dereita do PP tentará quitarlle importancia a estas eleccións porque sabe que o seu relato queda en evidencia unha vez se atravesan os Pirineos.

Porque para Europa, España adoece de problemas que o Partido Popular está a ser incapaz de resolver.

A dereita converteu a España -e a Galicia- en líder de paro xuvenil, en incremento da débeda e en aumento da desigualdade.

Problemas que non se poden tapar por moito que se subvencione a publicación da fin da crise.

A fenda entre acredores e endebedados é cada vez maior na Unión Europea.

Así que temos que traballar para que o noso país atope alianzas con outros con problemas similares e xuntos ter máis forza á hora de propoñer cambios nos Tratados que melloren a vida das persoas.

Rajoy seguirá a caer na trampa de Merkel e a competir por estar menos mal que os que están peor.

A Unión Europea naceu como un novo marco de convivencia humana, por iso non pode ficar nun mercado e os seus valores teñen que ir máis aló da austeridade.

Para os socialistas non se entende a recuperación económica senón é a través da igualdade. Non son termos antagónicos, son termos complementarios.

E Europa, da man dos socialistas, debe volver a ser un espazo inclusivo, de crecemento e igualdade social.

Para iso estamos nós, a esquerda que sabe e que pode.

Nin a dereita o quere, nin as forzas minoritarias poden entenderse para logralo.

Un triunfo dos socialistas significará a recuperación da esperanza na política para os cidadáns.

Os socialistas europeos aprobamos un manifesto o 1 de marzo no que a nosa prioridade para estas eleccións son a creación de emprego, o fin da austeridade e o maior investimento en políticas de crecemento.

As forzas europeas de progreso temos que pensar e actuar en común.

Eu non creo na impotencia democrática, sigo a crer, como este partido, na potencia da democracia para mudar as cousas.

Somos un partido que sabe que a realidade se cambia voto a voto. Por iso debemos estar fortes e unidos para loitar contra calquera síntoma de impotencia democrática do poder político fronte aos mercados.

E temos que estar unidos para afrontar estas eleccións baixo a firme convicción de renovar a conexión cos cidadáns que esixen que a crise económica non se converta nunha crise social.

Este ano ten que ser o da nosa recuperación como partido e polo tanto o ano da recuperación da esperanza de todos os españois.

Nestas eleccións poderemos demostrarlle aos cidadáns que está de volta o Partido Socialista no que sempre confiaron.

Imos a seguir a avanzar, imos a seguir a traballar, agora e despois das europeas, nun partido cada vez máis democrático, activo, unido, consciente e responsable do papel que ten que xogar nestes momentos de cambio.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar