Instan ao Goberno a impulsar a contratación dos proxectos de obra da autovía A-76

Instan ao Goberno a impulsar a contratación dos proxectos de obra da autovía A-76

Os deputados Laura Seara e José Blanco censuran a falta de orzamento nos Presupostos Xerais do Estado, o que constata o abandono deste proxecto por parte do actual Goberno

Os deputados socialistas no Congreso Laura Seara e José Blanco veñen de presentar unha proposición non de lei pola que instan o Goberno a impulsar a contratación dos proxectos de obra da Autovía A-76 Ponferrada-Monforte-Ourense, “a fin de acelerar o inicio das obras de execución desta infraestrutura vital para a vertebración do interior de Galicia e a comarca do Bierzo”.

A proposición non de lei dos deputados socialistas parte da constatación do abandono deste proxecto por parte do actual Goberno do Estado. De feito, tal e como sinalan na exposición de motivos da proposición non de lei, “a única realidade” desde o cambio de Goberno é que “a A-76 desapareceu dos Presupostos Xerais do Estado”. “Sirva como exemplo o proxecto de lei de PXE para o ano 2013, no que se consignan 17 mil euros na parte galega e 3 mil euros na parte leonesa, sen proxectarse partida ningunha para os anos seguintes”.

Seara e Blanco lembran que a Autovía A-76 entre Ponferrada, Monforte e Ourense foi deseñada polo anterior Goberno socialista como unha actuación de grande trascendencia para a vertebración das comarcas polas que discorre, “constituindo un terceiro acceso de grande capacidade desde Galicia cara a Castela e León”. Proba da súa importancia, abondan, son as cifras da autovía: uns 125 Km. e un investimento estimado en 1.100 millóns de euros.

Tal e como sinalan no texto da proposición, o estudo informativo desta nova autovía revestiu grande complexidade, non só desde un punto de vista técnico, senón tamén ambiental, ao discorrer por zonas de especial relevancia medioambiental, como os ríos Sil e Lor ou os parques naturais de Enciña da Lastra e As Médulas.

“A todo isto houbo que engadir a oposición da Xunta de Galicia ao trazado proposto, e o seu retraso en remitir todos os informes necesarios para poder completar o expediente e que o Ministerio de Medio Ambiente puidese emitir a declaración de impacto ambiental, motivos polos que o antedito expediente no puido remitirse ao Ministerio de Medio Ambiente ata o último trimestre do pasado ano”, sinalan os deputados, que constatan a falta de avances rexistrados nesta autovía desde entón.

Por todo iso, demandan que o Congreso inste ao Goberno a impulsar a contratación dos proxectos de obra da Autovía A-76 e posibilitar así que se acelere o inicio das obras de execución desta infraestrutura vital para o interior de Galicia.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar