A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, acusou hoxe ao PP e ao goberno galego de provocar “grande inseguridade xurídica” ao manter a letra pequena do decreto de axudas polos lumes ao caso dos incendios nos que exista intencionalidade. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei na que solicitaba a retirada desta cláusula e que foi rexeitado polo PP.
A responsable socialista alertou da que o presidente da Xunta definiu como “cláusula de estilo”, e que non estaba no decreto de 2006. Esta, dixo, abre a posibilidade a que “por moito que en decembro paguen as axudas, cando remate a instrución sen que se demostre intencionalidade, quen nos di que non van reclamar a devolución das axudas”.
Explicou que “a intencionalidade é dolosa, responde a unha actuación deliberada, a imprudencia non é deliberada”, e explicou que “non é verdade que o fiscal superior nin o fiscal especial de Medio Ambiente dixeran que os lumes son intencionados”. Os dous responsables amosaron “cautela á hora de sinalar a intencionalidade porque as investigacións acaban de comezar”.
Acusou á portavoz do PP de “intentar confundir” ao “mezclar” as axudas da PAC que supostamente estarían afectados pola declaración de intencionalidade cando en realidade, puntualizou, “a cláusula fala tan só de danos persoais, entre os que se inclúen as familias dos catro falecidos”.
Esixiu a máxima claridade e seguridade xurídica para “garantir que as familias dos falecidos e as persoas que sufriron danos persoais non teñan ningunha dificultade nin problema para cobrar as axudas anunciadas”.