Indignidade e desprezo contra a lingua dende o goberno galego

Indignidade e desprezo contra a lingua dende o goberno galego

O portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Francisco Caamaño, criticou hoxe a “indignidade e desprezo” das políticas da Xunta contra a lingua galega. Así o dixo no debate dunha moción socialista para reclamar a derrogación do Decreto do Plurilingüismo e actualizar o Plan de Normalización Lingüística recuperando o consenso en torno ao galego e que foi rexeitada polo PP.

O responsable socialista criticou as “políticas que atentan contra a dignidade da nosa lingua” exercidas polo goberno galego, polo que reclamou que “volva establecer a esixencia do coñecemento do galego como requisito para ocupar postos na Administración Pública de Galicia”.

Tamén criticou o Decreto do Plurilingüismo, co que o goberno galego “quere dar a imaxe de que o importante no ensino son o castelán e o inglés, mentres encaixa ao galego”. Advertiu que por facer “seguidismo do Estado” o goberno galego marxina á lingua propia e provoca que as asignaturas de ciencias non se dean neste idioma “dando a mensaxe de que se trata dunha lingua rural incapaz de dar estas materias”.

Os socialistas galegos propuxeron a derrogación deste Decreto, que Caamaño cualificou de “norma indigna para a lingua” e reclamou un Plan de urxencia co que a Xunta exerza as súas competencias propias e defenda á lingua propia de Galicia, tal e como lle asignan a Constitución e o Estatuto de Autonomía.

Tribunal Supremo

Francisco Caamaño aludiu ás declaracións do presidente do Consello da Cultura de Galicia, Ramón Villares, que logo de coñecer a sentenza do Tribunal Supremo desestimando o recurso contra o decreto do plurilingüismo, dixo que o conflito “non se arranxa con sentenzas senón con actitudes”.

Caamaño advertiu do “enfoque dislocado” da cuestión por parte do PP e do goberno galego, que pretenden resolver a discriminación da lingua galega con “políticas redistributivas, como si foran políticas de igualdade”. Advertiu que “se trata dun problema de recoñecemento e de dignidade, que é o que o chamado bilingüismo cordial de Feijóo ignora completamente”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar