O responsable de Política Institucional do Grupo Socialista, Juan Díaz Villoslada, lamentou hoxe que a fusión de Oza – Cesuras “non vai cambiar a dinámica de manifestos incumprimentos urbanísticos” polos alcaldes do PP nestes concellos. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Comisión sobre as obras irregulares promovidas pola Asociación de Veciños “As Peniñas” en Chousa de Medio – Vales.
Díaz Villoslada sinalou que o Concello decidiu asumir a titularidade das actuacións urbanísticas en solo rústico “sen autorización municipal ou autonómica nin plan especial” e contaban coa advertencia da arquitecta municipal, que “non son legalizables por seren incompatibles co ordenamento urbanístico”. Debido a esta decisión, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística ordenou a demolición das obras con cargo ao Concello.
Esta decisión da APLU, rubricada o 24 de maio, tiña un prazo de execución de 3 meses con risco de multa, e foi posta en coñecemento do Ministerio Fiscal “aos efectos de esixencia de posibles responsabilidades penais”.
Sinalou que “pode resultar chamativo que o Concello, cubrindo á Asociación de Veciños, non teña ningún tipo de consideración negativa á hora de acudir a instrumentos de fomento e mellora dos instrumentos de planeamento urbanístico dos concellos”.
Instou ao responsable da APLU a “controlar a execución deste expediente concreto” e informar á cidadanía do proceso de instrución logo de lembrar que tanto no concello de Oza dos Ríos como no de Cesuras “varios alcaldes do PP tiveron serios traspés urbanísticos”. Lamentou que a fusión manteña a mesma dinámica nun Concello que “nin sequera foi capaz de executar o 20 por cento dos seus orzamentos en 2017”.
Fisión
Díaz Villoslada ironizou cos procesos de unión de concellos sinalando tanto o exemplo urbanístico de Oza – Cesuras como a “desaparición” de 200 veciños do padrón de Cerdedo – Cotobade, ata o punto de que “non sei se se trata dun proceso de fusión ou de fisión, no que a consecuencia é o estoupido do núcleo”. Neste sentido amosou “serias dúbidas de que os procesos axuden a que a vida vaia mellor para os veciños ou a crear situacións peores”.
Sinalou que os procesos “están sendo aplicados de xeito improvisado, respondendo a necesidades de estratexia política concreta e conxuntural, máis que pensando en darlle resposta aos veciños dos concellos afectados”.