Incumprimento do "Contrato con Galicia" de Feijóo

Incumprimento do “Contrato con Galicia” de Feijóo

Os galegos e galegas teñen sete anos despois a proba de que a palabra de Feijoo non vale nada .Tras analizar en detalle o seu “Contrato con Galicia” asinado en 2009 con 14 compromisos de Goberno, os socialistas denuncian que éste foi escrupulosamente incumprido na súa meirande parte (12 de 14 puntos). Feijoo só cumpriu co “austericidio” e coa baixada de impostos en periodo electoral tras subilos durante os anos anteriores.

O candidato do PP só pode presumir de ter levado ata as últimas consecuencias o seu compromiso coa austeridade, un subterfuxio para dinamitar o Estado do Benestar e impoñer a privatización de servizos públicos, acabando coa universalidade e a equidade na atención pública.

O presidente da Xunta en funcións só pode defender ter liquidado os servizos sociais convertendo os seus compromisos na destrución da sanidade pública, a derrogación pola vía dos feitos da Lei de Dependencia e ofrecendo aparentes políticas de conciliación, con propostas como a “cesta nórdica” que fican nun mal chiste.

Poderá falar de ter reformado a administración por ter reducido o número de consellerías e supostamente o persoal de gabinete e os organismos autónomos, pero a realidade é que ten 150 asesores nomeados a dedo, 50 deles forman parte do seu gabinete particular.

Feijóo fracasou estrepitosamente no seu compromiso de acabar co desemprego en 45 días, cando a realidade é que chegou á Xunta cun 12,88 por cento de desemprego e a deixa no 17,7 por cento –logo de ter acadado o récord histórico do 24,44 por cento de desemprego-, con 231.800 persoas que queren traballar e non poden.

De feito, o compromiso coa xuventude cristalizou no regalo dunha maleta aos mellores expedientes, antesala da expulsión da xeneración mellor preparada nunha segunda diáspora. A súa estratexia económica é un fracaso clamoroso, coa maior crise da historia nos sectores primarios e o sector industrial afrontando a súa peor reconversión.

E así, un tras outro, o candidato do PP foi “laminando” os seus compromisos co equilibro territorial, o medio ambiente, a innovación, a identidade, ata chegar á rexeneración democrática, o principal motivo de orgullo para quen se mantén apoiado na saga dos Baltar a cambio de tolerar os seus desmáns dende a Deputación de Ourense, motivo de chanza e indignación en todo o Estado.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar