Inconsistencia de Feijóo, de demonizar as coalicións a ofrecer pactos "a quen se deixe"

Inconsistencia de Feijóo, de demonizar as coalicións a ofrecer pactos "a quen se deixe"

Inconsistencia de Feijóo, de demonizar as coalicións a ofrecer pactos "a quen se deixe"

Méndez RomeuO portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, criticou hoxe a “inconsistencia” do presidente da Xunta, que pasou de estar 6 anos “demonizando as coalicións de goberno e os bipartitos” a ofrecer pactos “a quen se deixe”. Na sesión de control ao presidente celebrada no Parlamento, dixo que Feijóo é responsable da inestabilidade do goberno ao utilizalo “ao servizo do partido”.

Méndez Romeu ironizou coa “coherencia programática” de Feijóo, “no mais puro estilo Groucho Marx” –estes son os meus principios, se non lle gustan teño outros-, e criticou o xiro copernicano dende a censura ás coalicións a dicir que os pactos están “no ADN do PP”. Preguntoulle se “ía camiño de Damasco e caeu como Saulo do cabalo” para rematar de “decatarse de que viviu enganado e de que estaba enganando toda a súa vida”.

O responsable socialista sinalou que este “síndrome do converso” afecta a todo o PP, como demostrou o presidente saínte da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, “ofrecendo un pacto a quen ata a véspera era o representante das políticas cubanas ou venezolanas”.

O mesmo sucede con Aguirre, dixo, que mentres está “afogada pola corrupción” preséntase “erixida en centinela de occidente contra os bárbaros” reproducindo unha “pura escenografía franquista: absolutamente grotesco”. O tamén presidente saínte de Estremadura, José Antonio Monago, ofrecíase a pactar con Podemos “e vostede, que estaba diante, aplaudiu ese xesto gallardo”.

Rematou a radiogragfía do xiro do PP co propio Feijóo, que “en campaña ofreceu pactar un día con Cidadáns e ao seguinte co socialismo moderado”, para observar que “non atopan socios” porque están “recollendo o que sementaron”. Reprochoulle “anos de rexeitar calquera tipo de diálogo sobre políticas económicas en España e Galicia, cando lles advertíamos que eran profundamente reaccionarias e fundamentalmente inútiles”.

Advertiu que tanto Feijóo como Rajoy permanecen “instalados na soberbia” sen asumir que nas eleccións do pasado día 24 “se algo tiveron en común en toda España foi o rexeitamento a unha política económica destrutora contra a mínima igualdade de oportunidades”. Tamén coincidiron en que “están fartos da corrupción que se enseñorea das institucións nas que vostedes levan gobernando anos”.

Respectar o resultado das urnas

Méndez Romeu esixiulle ao presidente da Xunta que “sexa demócrata e respecte o resultados das urnas, deixe que os cidadáns tomen decisións e constitúan gobernos”. Sinalou que “para ser presidente ten que ter a maioría da Cámara e os alcaldes teñen que ser elixidos polos concelleiros”, como resposta a “15 días de campaña apocalíptica ameazando aos cidadáns”.

Esixiulle a Feijóo que “respecte a legalidade ou busque consensos para modificala, pero deixen de facer o ridículo ameazando aos cidadáns”, como resposta ás ameazas fronte a acordos entre forzas progresistas.

Preguntoulle directamente se “vai seguir demonizando ou vai empezar a gobernar, continuará coa autopropaganda en Madrid ou se vai ocupar por fin dos problemas tan graves que hai en Galicia e que con vostede é imposible abordalos”. Responsabilizou ao presidente da Xunta de “desestabilizar ás institucións cando está todo o día de campaña de autopromoción en Madrid mentres mantén á Xunta paralizada”.

Acusou a Feijóo de utilizar a Xunta “ao servizo do partido” forzando cambios nos equipos de goberno “non para cambiar políticas ou políticos fracasados, senón unicamente para tapar buratos nas listas electorais”. Mentres, persiste en “políticas sociais destrutoras” e políticas económicas erradas que “deixan un país arrasado, sen futuro nin horizonte”.

Criticou finalmente que o PP achaque a súa situación a “un problema de comunicación”, cando “non é que comuniquen mal, é que menten cando falan”. Puxo como exemplo que “dixeron austeridade e foi desigualdade, publicitaron a recuperación pero omitiron que era para a minoría, prometeron rigor e deixan corrupción”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar