Incomprensible veto do PP a reverter nos gandeiros a multa imposta ás industrias lácteas por prácticas ilegais

Incomprensible veto do PP a reverter nos gandeiros a multa imposta ás industrias lácteas por prácticas ilegais

O portavoz de Agricultura do Grupo socialista, Pablo García, criticou hoxe o veto do PP a unha moción socialista para reverter nos produtores de leite a multa de 88,2 millóns de euros imposta a algunhas industrias por pactar os prezos e “repartirse” aos gandeiros. O responsable socialista considera “incomprensible” a negativa do PP a apoiar aos produtores de leite galegos.

Sinalou que, de acordo coa Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia, as industrias lácteas incorreron en prácticas ilegais e, engadiu, “roubaron aos produtores, así que cando menos que devolvan os cartos” aos afectados. Criticou o desleixo do goberno galego fronte ao remate do sistema de cota láctea a nivel europeo, no que a Consellería do Medio Rural estase a demostrar “impasible e irrelevante”.

Advertiu da falla de iniciativa para aplicar o coñecido como “paquete lácteo” para adaptar o mercado á nova conxuntura de competencia aberta en Europa, polo que a sete días do seu remate “a maioría de gandeiros continúan sen contratos de venda de leite a un ano”. Mentres, a Consellería segue “facendo contas que lles acabarán estoupando nas narices porque son contas falsas”.

A falla de iniciativa chega ao punto de que mesmo tendo o informe da CNMC que revela estas prácticas e recomenda afondar na investigación destas actuacións irregulares tamén por parte das cadeas de distribución alimentaria, nin sequera mereceu “unha mínima análise” nin toma de decisións por parte da conselleira.

Os socialistas propuxeron ademais a constitución dun foro permanente a nivel galego de produtores, industria e distribuidores implicados no sector lácteo e liderado pola Consellería do Medio Rural.

A través desta iniciativa reclamoulle ao goberno galego que tome a iniciativa e defenda a uns produtores que “fan de Galicia unha potencia en produción de leite”, co 50 por cento da produción nacional. García reclamou así un plan específico de apoio ao sector “para paliar os posibles efectos negativos que terá que abordar no primeiro ano de desaparición do sistema de cota láctea”.

Finalmente, instou ao Consello Galego da Competencia a desenvolver un protocolo específico de actuacións para o sector en Galicia “dados os precedentes recollidos incluso nos seus propios informes”.

32641281A

Deixar a resposta

Pechar