Incomprensible veto do PP á impermeabilización das VPO de Cerdido

Incomprensible veto do PP á impermeabilización das VPO de Cerdido

Incomprensible veto do PP á impermeabilización das VPO de Cerdido

A portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, María Pierres, amosou a súa sorpresa polo veto do PP a unha iniciativa socialista para impermeabilizar as vivendas de protección oficial de Folgosas e A Barqueira, no Concello de Cerdido, con graves problemas de humidades. A proposta foi debatida hoxe na Comisión de Vivenda e rexeitada cos votos do PP.

A parlamentaria socialista sinalou que foi precisamente o debate desta proposta o que suscitou o anuncio por parte da Xunta dunhas supostas actuacións nos inmobles de cara ao verán. “Sorprende –dixo ao remate do debate- que anuncien nos medios unhas actuacións coas que evitan comprometerse en sede parlamentaria” e anunciou unha actitude “vixilante” para “comprobar que non se trata dun anuncio sen contido”.

Alertou do risco de que finalmente non vaian executar unhas obras que os propios técnicos da Consellería rexeitaran nunha inspección realizada en marzo de 2016 achacando a existencia de humidades á “falla de ventilación e uso ineficaz da calefacción”. Pierres sinalou que daquela se apoiaran en que había vivendas sen humidades, obviando que os propietarios decidiran acometer as obras pola súa conta.

Ademais alerta de que o anuncio do Goberno “non aclara se van realizar tódalas obras necesarias ou tan só as referidas á mellora da eficiencia enerxética e illamento térmico e impermeabilización”.

María Pierres lembra que estas vivendas “deron problemas dende o momento da súa construción”, en 2003, por “deficiencias nas cubertas e outros problemas”, chegando ata o ano 2001, no que o IGVS realizou obras de impermeabilización e pintura que “non deron resultados satisfactorios”, como están denunciando os veciños.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar