Incomprensible bloqueo da Xunta á conversión do título de Criminoloxía da USC en Grao

Incomprensible bloqueo da Xunta á conversión do título de Criminoloxía da USC en Grao

Incomprensible bloqueo da Xunta á conversión do título de Criminoloxía da USC en Grao

A portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Concepción Burgo, esixiulle á Xunta que lle conceda á titulación de Criminoloxía da Universidade de Santiago de Compostela o estatus de grao. No debate dunha pregunta oral en Comisión, lamentou que o goberno galego “continúa negándose dende 2012” a conceder este cambio que agardan centos de alumnos de toda Galicia.

A responsable socialista amosou a súa sorpresa diante da tibieza demostrada hoxe polo goberno galego diante desta demanda “facilmente solucionable” e que resulta imprescindible para dotar a estes estudos dun nivel competitivo no conxunto do Estado. Actualmente os alumnos “ven que se queren facer os seus estudos con garantías teñen que marchar a outra Universidade”.

Considera inédito que a USC non poida dar este paso polo bloqueo do goberno galego a unha formación que “ten unha integración total e absoluta no Campus da Cidadanía que engloba os estudos de Ciencias Sociais da USC”. Engadiu que a titulación “cumpre con tódolos requisitos do acordo feito pola Xunta cos reitores e da Lei do Sistema Universitario de Galicia” para ser convertida en grao de Criminoloxía.

Viabilidade e demanda

O título vense impartindo nesta Universidade dende 1981, cunha longa traxectoria de 36 anos, sendo o terceiro de todo o Estado, ten os recursos docentes e académicos, clara viabilidade e forte demanda. O Instituto de Criminoloxía supera o mínimo de 50 alumnos cada ano que a Xunta establece como requisito e suma 400 alumnos en todo o ciclo formativo.

Acusou á Xunta de poñer escollos ás aspiracións de centos de alumnos e demostrar un “uso ineficiente de recursos” para que a USC puidera contar cun grao competitivo coas máis de 30 universidades públicas e privadas que xa o teñen implantado en todo o Estado. Acusou ao goberno galego de situarse “no estremo de tirar todo o prestixio gañado durante máis de 30 anos” de estudos de Criminoloxía en Galicia.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar