Incompetencia e ineficiencia de Feijóo na xestión da sanidade pública

Incompetencia e ineficiencia de Feijóo na xestión da sanidade pública

Incompetencia e ineficiencia de Feijóo na xestión da sanidade pública

A portavoz do Grupo Socialista, Patricia Vilán, criticou a “incompetencia e ineficiencia” na xestión da sanidade pública por parte do goberno de Feijóo. A deputada socialista comparou a “herdanza” de Feijóo na sanidade pública coa que deixou logo de 9 anos como xestor do Insalud, “que o seu sucesor tivo que pechar”.

A responsable socialista utilizou a última sesión de control do período de sesións para facer balance do recorte orzamentario en sanidade, o peche de camas, a desatención ás mulleres que teñen que abortar, os falecementos pola falla de medicación contra a hepatite C, as listas de espera, o desabastecemento de vacinas pediátricas ou o fracaso na construción de novos centros de saúde.

Vilán partiu das mesmas palabras do hoxe presidente da Xunta cando en abril de 2008 criticaba a “ineficiencia” do goberno de Touriño para facer un balance, 7 anos despois de ser presidente, da redución do orzamento sanitario nun 18,3 por cento e unha conselleira cesada “tarde, mal e arrastro”.

Daquela Feijóo criticaba as listas de espera na sanidade, para hoxe afrontar as críticas da Valedora do Pobo reclamando transparencia e criterios máis complexos nas listas de espera. Unha situación, dixo Vilán, que non mellorará co peche do 13 por cento de media nas camas hospitalarias “porque así o decidiu o Sergas” ao, ironizou, entender que “os pacientes prefiren ir á praia e o persoal vaise de vacacións sen que contraten a ninguén”.

Criticou que o director xeral de Asistencia Sanitaria cualifique estes recortes de “redistribución de recursos”, que en realidade tradúcese na “desatención ás mulleres que teñen que abortar e as envían a Madrid con 80 euros para a viaxe, sen antibióticos non prescritos nin hotel”. A mesma redistribución, engadiu, que “provocou a morte de varios enfermos de hepatite C sen medicación” nunha decisión que custou a imputación de dous altos cargos do Sergas.

Acusou ao presidente da Xunta de deixar “en desamparo” aos colectivos máis desfavorecidos, “igual que deixaron aos nenos de seis anos sen a tripla vacina da difteria, o tétano e a tos ferina por desabastecemento, o mesmo que deixa aos bebés sen vacina contra a meninxite B”.

Engadiu lembrando o “fracaso” na súa política de construción de centros de saúde, cando dos 53 que prometera en 2009, sete anos despois “33 non existen” e dos 20 inaugurados 12 foron construídos polo anterior goberno presidido por Emilio Pérez Touriño”.

Hospital de Vigo

A portavoz socialista rematou sinalando que “a súa herdanza vai ser desgraciadamente unha severa hipoteca para os gobernos futuros” pola privatización do Hospital de Vigo, que pasou de ter un custe de 458 millóns de euros a unha hipoteca de 3.260 que haberá que pagar en 20 anos. A única razón, dixo, foi “beneficiar ás empresas privadas fronte á sanidade pública e a expensas dos cartos públicos”.

Aludiu así á concesión da obra a unha UTE que se declarou en bancarrota e que estaba participada pola Bankia de Rodrigo Rato e, segundo denuncia a Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública, a empresas relacionadas co ex conselleiro Agustín Hernández, aludindo á participación de Ocasa na UTE e de Puentes y Calzadas na construción da obra.

O centro privado, continuou, perdeu o mesmo número de camas que ten Povisa, e “perdeu tamén o laboratorio central que decidiu adxudicar a Capio, imputada polo proceso de privatización da sanidade madrileña”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar