Incapacidade e parálise do goberno galego

Incapacidade e parálise do goberno galego

Incapacidade e parálise do goberno galego

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, denunciou hoxe a “incapacidade e parálise” amosada polo goberno de Feijóo. O responsable socialista criticou a política de anuncios preelectorais iniciada polo presidente galego sen respaldo orzamentario catro meses despois de aprobar as contas públicas da Comunidade Autónoma.

Méndez Romeu dixo que a cascada de promesas evidencian “ou ben que os orzamentos son indicativos e non fiables ou que os anuncios van ser modificados no futuro” para incumprilos. Sinalou así ao “cheque – bebé”, unha medida “censurada ata a esaxeración” polo propio Feijóo, as modificacións do transporte metropolitano que “non son quen de explicar”, ou que Navantia “só traballe cando hai eleccións”.

O responsable socialista anunciou que centrará a pregunta ao presidente do próximo Pleno no “desinterese máis que evidente” de Feijóo pola acción de goberno, cun Executivo “ineficaz e inoperante”, como ten demostrado a liquidación do orzamento de 2015. O ano pasado só gastaron a metade dos orzamentos dirixidos a impulsar o mercado de traballo, o 60 por cento de vivenda ou o 80 por cento das políticas económicas.

Explicou que a suma dos recortes e das cifras non executadas ascenden a 1.000 millóns de euros en política social, 300 no mercado de traballo ou 1.400 millóns de euros dirixidos aos sectores produtivos.

Lamentou que o presidente da Xunta tan só se teña amosado interesado en promocionar “mocións de censura artificiais”, como nos casos de Oia, Pontecesuras, Sarria ou Santa Comba. Méndez Romeu explicou así a viaxe dunha delegación do Grupo Socialista ata este último concello para amosar o seu apoio ao alcalde socialista, José Antonio Ucha.

Lei do Solo

O portavoz do Grupo Socialista respondeu hoxe ao anuncio do Goberno central de impugnar a Lei do Solo de Galicia diante do Tribunal Constitucional por invadir competencias estatais. Méndez Romeu anunciou que o próximo Pleno do Parlamento incluirá unha proposición de Lei do Grupo Socialista para modificar unha norma estatal nacida entre advertencias polas súas “eivas importantes”.

Cualificou a dita norma de “chapuza incomprensible” por canto o goberno estaba a ser alertado dos problemas do seu texto tanto polo Grupo Socialista como polos expertos citados a intervir no proceso de redacción da norma. O goberno fixo caso omiso de tódalas advertencias co resultado dunha Lei que tivo que ser modificada mesmo antes da súa entrada en vigor e que arrastra importantes lagoas.

Así, a proposta socialista intentará resolver “cando menos dous problemas”, como é a falla dunha referencia ás normas subsidiarias vixentes nos concellos, e que deixa nun “baleiro legal” a preto de 200 municipios galegos. ademais, afronta o problema da edificación en solo rústico, xa que a norma desprotexe ás construcións en solo de medio rural.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar