Incapacidade e falla de vontade de Feijóo para reformar o sistema xudicial

Incapacidade e falla de vontade de Feijóo para reformar o sistema xudicial

XustizaA portavoz de Xustiza do Grupo Socialista, Patricia Vilán, criticou hoxe a “incapacidade e falla de vontade” demostrada por Feijóo para afrontar o sistema xudicial de Galicia, cuns orzamentos para o ano 2016 un 91 por cento máis baixos que no ano 2009. Vilán presentou unha batería de iniciativas parlamentarias nas que evidencia que “en oito anos de goberno non se moveu nada”.

A responsable socialista sinala neste sentido que a Lei de Dereito Civil continúa arrastrando problemas dende 2006 en canto ao seu desenvolvemento para as parellas de feito, os últimos datos do uso do galego se remontan a 2005, non existe oficina xudicial, que suporía un investimento de apenas 200.000 euros, nin oficina fiscal, o sistema de xustiza gratuíta está igual que en 2009 e os edificios xudiciais continúan sen as imprescindibles reformas.

Vilán reclamoulle ao presidente da Xunta e ao conselleiro responsable, o vicepresidente Rueda, que “baixen á vida real” e vexan cómo malia os seus anuncios de oficina xudicial e dixitalización da xustiza a través do LexNet, a semana pasada o sistema informático estivo caído durante toda unha xornada na que se paralizou todo o sistema xudicial galego.

Un sistema xudicial que se ofrece unicamente en castelán, dixo, por unha decisión de Rajoy que ten sido asumida en silencio polo presidente galego. A día de hoxe as aplicacións informáticas Minerva e Fortuny non admiten o galego, o proxecto de Lei de Asistencia Xurídica da Comunidade Autónoma non di nada da atención nesta lingua.

Vilán reclámalle así á Xunta o cumprimento da Lei de Normalización de 1983, que responsabiliza ao goberno galego da promoción da “progresiva normalización do uso do galego na Administración de Xustiza”.

Quenda de Oficio

A parlamentaria socialista reclamoulle tamén ao goberno galego que atenda ás demandas as asociacións de avogados, que reclaman o recoñecemento dos letrados que teñen que atender á Quenda de Oficio, a día de hoxe nas mesmas condicións que en 2009, para actualizar así a suba do IPC entre 2010 e 2015.

Tamén reclaman o recoñecemento no baremo de concursos, conciliacións, vía administrativa ou medidas cautelares, que xa existen pero non constan, que poidan ser remunerados por atender aos requirimentos dos xulgados penais ou a designación de procuradores de oficio tamén na orde contencioso – administrativa.

Ademais solicita actualizar a Lei de Dereito Civil de Galicia para recoñecer a non existencia de réxime económico nas parellas de feito. A situación actual establece de oficio réxime de gananciais nas parellas de feito, en contra da doutrina do Tribunal Constitucional, e da Axencia Tributaria, que impide a declaración conxunta, obrigando a pagar unha escritura pública para establecer a separación de bens.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar