Inaceptable clientelismo nas partidas da Xunta para saneamento e depuración de augas

Inaceptable clientelismo nas partidas da Xunta para saneamento e depuración de augas

Inaceptable clientelismo nas partidas da Xunta para saneamento e depuración de augas

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, denunciou hoxe o “clientelismo inaceptable nunha sociedade democrática” que reflicten os Orzamentos da Xunta, que circunscriben as obras de saneamento e depuración de augas “só aos concellos do PP” na comarca de Santiago. Así o dixo en Ames, un concello de 30.000 habitantes que “non está nos orzamentos da Xunta”.

O responsable socialista acompañou ao alcalde de Ames, o socialista José Miñones, nunha visita á depuradora de augas de Seixalde, pendente dunha ampliación imprescindible comprometida dende hai 5 anos polo goberno galego. Fernández Leiceaga aproveitou esta visita para sinalar que “está moi ben” que a Xunta proxecte obras específicas de saneamento e depuración, pero “non só aos concellos nos que goberna o PP”.

Puntualizou que “está ben que os cidadáns que viven en concellos do PP teñan unha solución por parte da Xunta, pero o goberno galego debera transcender isto e dar un tratamento adecuado ao conxunto da poboación”. Considerou “imprescindible” que o presidente da Xunta “vaia máis alá da retórica e acepte a lo menos unha parte das emendas que lle plantexamos aos orzamentos, ou do contrario quedaría na retórica”.

Advertiu que o Concello, o segundo en poboación da comarca de Compostela, e o que ten máis crecemento e a poboación máis nova de Galicia, estea “desaparecido” dos orzamentos dun goberno que fai caso omiso das necesidades de sanidade, educación ou coidado dos camiños de Santiago que o percorren.

Debate demográfico

Ademais, engadiu que o Concello constitúe “o contraexemplo” da situación de crise demográfica de Galicia. Conta coa poboación máis nova, o maior número de nenos de Galicia e “un problema que afortunadamente hai que resolver con máis servizos e dotación”, pero carece de resposta da Xunta a esta situación.

Sinalou que “o alcalde ten toda a razón cando reclama unha dotación específica para concellos que están a ter máis habitantes que antes, e que se concentran especialmente no entorno das cidades, como é o caso de Ames e os cinturóns urbanos de Vigo ou A Coruña, “onde a Xunta debe privilexiar un esforzo de mellora na dotación de servizos”.

Fernández Leiceaga deu a réplica así ao alcalde do Concello, o socialista José Miñones, quen relatou as peticións que teñen trasladado ao Grupo Socialista e que este converterá en emendas aos orzamentos da Xunta para 2017. O Concello reclama así a ampliación da dita depuradora que da servizo a Bertamiráns e Brión, ou a nova canalización da potabilizadora de Lens para que dea servizo a Milladoiro e toda a parroquia de Biduído.

Tamén reclaman a ampliación dos centros educativos do Concello, en resposta ao incremento da demanda polo seu forte crecemento demográfico, así como as obras do novo Centro de Saúde, logo de que o Concello fixera “tódolos deberes” entregando a parcela, aprobando o plan parcial e notificando o proxecto de urbanización dunha obra á que a Xunta debera responder antes do 31 de decembro e da que aínda non se sabe nada.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar