Importantes retrasos nos pagos do Fondo Galego de Garantía Agraria

Importantes retrasos nos pagos do Fondo Galego de Garantía Agraria

Importantes retrasos nos pagos do Fondo Galego de Garantía Agraria

O portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, José Quiroga, alertou de importantes retrasos de entre o 20 e o 30 por cento nos pagos do Fondo Galego de Garantía Agraria por parte da Xunta. Así o dixo na comparecencia da conselleira para presentar os orzamentos deste departamento en Comisión parlamentaria.

O responsable socialista sinala que a día de hoxe a Xunta aínda retén parte das axudas agroambientais correspondentes ao ano 2015, e mesmo ten sen comunicar o resultado das solicitudes aos posibles beneficiarios das do ano 2016. Criticou a “xestión desastrosa” deste servizo polo goberno galego, que reduciu á metade ao persoal do Fogga, cunha tramitación lenta, farragosa e descoordinada.

Quiroga criticou ademais o slogan da conselleira, que anunciou unha “Lexislatura do rural” que “ninguén que viva no rural pode crer”, malia a importancia dun medio que supón o 80 por cento do territorio de Galicia.

Engadiu ademais que “a suposta realidade expansiva dos orzamentos da Xunta queda desmentida pola realidade” cando, lonxe do incremento de 15,1 millóns de euros que anuncian nos orzamentos de Medio Rural, estes teñen aínda hoxe 140 millóns de euros menos que en 2010.

Advertiu que a Consellería confunde deliberadamente o significado de “expansivo” dos seus orzamentos, mais preto da definición de “difundir ou propagar unha idea”, e explicou que “ese é o seu significado real: a propaganda”. Deste xeito queren agochar, dixo, as altas cifras de abandono do rural, que rematará 2016 co abandono de en torno de outras 600 explotacións polo desleixo e a falta de servizos no rural galega por parte da Xunta.

Incendios

O portavoz socialista advertiu que a Xunta destina un de cada cinco euros do seu orzamento á prevención e extinción de incendios, que “non valen para nada en canto salta a vaga de lume”, evidenciando un modelo fracasado centrado na extinción en lugar de prever os lumes forestais, que asolagan Galicia en canto se dan as condicións climatolóxicas.

Criticou así a falla de profesionalización das cuadrillas de extinción, utilizadas “en servizo de redes clientelares e non da eficacia na súa tarefa”, e reclamou un maior esforzo na coordinación coas forzas de seguridade para deter aos incendiarios.

Finalmente, alertou das consecuencias do impulso á Axencia Galega de Industria Forestal, “dirixida a un cambio de modelo e a facer realidade unha reserva forestal monocultivo desligada das necesidades do país, do medio ambiente e da sociedade galega”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar