Implicación da Xunta para a recuperación do marisqueo nos Lombos do Ulla

Implicación da Xunta para a recuperación do marisqueo nos Lombos do Ulla

Implicación da Xunta para a recuperación do marisqueo nos Lombos do Ulla

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamou hoxe a implicación da Xunta para acordar coas confrarías de Arousa o Plan de Xestión de Recursos marisqueiros. Así o dixo durante unha visita aos Lombos do Ulla xunto cos patróns maiores para analizar sobre o terreo a caída da produción nesta zona de libre marisqueo.

Dixo que a Xunta “debe implicarse para facer o Plan de Xestión de Recursos en boas condicións” e sinalou que “non pode mirar para outro lado e deixar que se empantane un proceso necesario” para unha Ría na que faenan ata 12 confrarías. Reivindicou “recursos sobre a mesa” para “que unhas das principais fontes de riqueza marisqueira de Galicia esta nas mellores condicións posibles xerando renda, riqueza e emprego para a comarca”.

Alertou das dificultades que vive unha das zonas marisqueiras de maior riqueza de Galicia e para reivindicar que “estremen os controis de contaminación, non só de augas que verten directamente, senón tamén daqueles que derivan aos ríos Sar e Ulla, que desembocan a contaminación industrial e urbana directamente na ría”. Reclamou tamén “avanzar no control de áridos” diante dos “indicios” do seu impacto na produtividade.

Novos estudos

O responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que actualice os estudos sobre a produtividade da Ría, xa que os que dispón contan xa con 15 anos, nos que “tiveron lugar cambios morfolóxicos importantes, entre eles a construción do viaduto do AVE”. Sinalou que “non pasaría nada por que se volvan facer tendo en conta as opinións das confrarías que están traballando tódolos días nisto”.

Fernández Leiceaga fixo hoxe unha visita aos Lombos do Ulla acompañado dos patróns maiores de Rianxo, Vilanova e Cabo de Cruz, Miguel Ángel Iglesias, María José Vales e Raquel Soto, respectivamente. Tamén participaron o portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, e a portavoz socialista no Concello de Rianxo, Mª Carmen Figueira.

Patrón maior

O patrón maior da confraría de Rianxo reclamou tamén a implicación do goberno galego para acordar o Plan de Xestión e sinalou a urxencia dunha actuación para mellorar a produtividade dos Lombos que, dixo, consiste nun “dragado moi sinxelo”. Sinalou que “onde hai calado hai produción” de bivalvos, e lamentou o “interese nulo” para aumentar a produtividade da zona cunha medida que “non é custosa”.

Iglesias lamentou que “a campaña está perdida” pola escasa produtividade para unha confraría que actualmente factura 4 millóns de euros, a metade do que rexistraba antigamente, cando chegaba ata os 8 millóns de euros. Advertiu que a situación chega ao estremo de que en torno a 40 socios da confraría vense obrigados a traballar na Ría de Noia no inverno.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar