"Haberá sorpresa" polo bo resultado socialista fronte ao "sorpasso"

"Haberá sorpresa" polo bo resultado socialista fronte ao "sorpasso"

“Haberá sorpresa” polo bo resultado socialista fronte ao “sorpasso”

O candidato socialista á presidencia da Xunta de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, dixo hoxe en Salceda de Caselas –Pontevedra- que fronte á ameaza de sorpasso, nas próximas eleccións “haberá sorpresa” polo bo resultado socialista. Así o dixo antes da visita ao instituto de Salceda de Caselas e a explanada da Plisan, unha obra “fundamental” pero paralizada dende a chegada de Feijóo á Xunta.

Fernández Leiceaga sinalou que “cando se abran as urnas haberá unha gran sorpresa” co resultado socialista que “vai indicar con claridade que a trampa na que nos intentan meter a todos non terá éxito e que representamos unha alternativa seria e sensata ao PP”. Respondeu así a unha campaña electoral “deseñada para presentar só dúas alternativas e forzar aos votantes a escoller a menos arriscada”.

Explicou que “hai outra alternativa de cambio seria, con propostas realistas, sensatas e posibles de cambio profundo” en torno aos socialistas que “estamos presentes, con moita forza e capaces de dar a sorpresa”, remachou. Apelou directamente a unha resposta cidadá fronte aos “grandes poderes económicos e políticos que nos queren sacar da campaña, para situala entre o inmobilismo de Rajoy e a aventura de Iglesias”.

En resposta a preguntas dos xornalistas, o candidato socialista explicou hoxe que a súa proposta para resolver o grave problema xerado por Rajoy e Feijóo cunha débeda por enriba do PIB é “reforzar as capacidades de investimento da nosa economía e en definitiva crecer máis para reducir o impacto da débeda sobre o PIB”.

Apostou ademais por “reforzar a política fiscal combatendo a fraude e poñendo en marcha medidas correctoras de bonificacións, deducións e outros favores fiscais para conseguir recadación”.

Salceda de Caselas

O candidato socialista comezou a xornada facendo un percorrido por Salceda de Caselas, un dos concellos con maior natalidade de Galicia, onde visitou as instalacións do Instituto de Ensino Secundario para reivindicar a mellora do ensino público. Sinalou que a situación económica de Galicia desprazou ás xeracións mozas a núcleos asequibles que requiren importantes investimentos para garantir a calidade do ensino.

A portavoz dos socialistas no concello de Salceda, Verónica Tourón, reivindicoulle á Xunta que garanta uns investimentos mínimos en sanidade e educación para un concello que hoxe carece de ensino posobrigatorio e mesmo de transporte público cos concellos limítrofes que poidan utilizar os máis novos.

Plisan

A continuación visitou as obras da Plataforma Loxística Salvaterra – As Neves –Plisan-, o gran centro loxístico do sur de Pontevedra paralizado dende a chegada de Feijóo á Xunta de Galicia ata o punto de que hai 3 millóns de metros cadrados de chan industrial que en lugar de cultivar empresas atópanse hoxe anegados por unha lagoa de ata 17 metros de profundidade.

Criticou que o que debera ser un dos focos do desenvolvemento industrial do sur de Galicia, incluso con fondos comunitarios comprometidos, hoxe ten “pouco máis que unha rotonda, terreos e un vial” de acceso.

A portavoz socialista no concello de Salvaterra, Rocío Bernárdez, reclamou o desbloqueo desta infraestrutura “de vital importancia para o sur da provincia”, e esixiulle a Xunta, Autoridade Portuaria e Porto de Vigo que resolvan o bloqueo das expropiacións e “se comprometan a rematar o investimento” paralizado polo PP.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar