Gonzalo Caballero ve que "o ciclo de Feijóo está tocando o seu fin" e chama a tecer "unha alianza coa Galicia que quere cambio"

Gonzalo Caballero ve que "o ciclo de Feijóo está tocando o seu fin" e chama a tecer "unha alianza coa Galicia que quere cambio"

Gonzalo Caballero ve que “o ciclo de Feijóo está tocando o seu fin” e chama a tecer “unha alianza coa Galicia que quere cambio”

O secretario xeral advirte a Feijóo de que a “ilegalidade” no Valedor do Pobo pon “en xogo a súa credibilidade na loita contra a corrupción”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, comezou a súa intervención ante o Comité Nacional cunhas palabras de recordo para os compañeiros que perderon a vida nos últimos meses, entre eles quen fora secretario xeral, Xosé Luís Rodríguez Pardo; quen foi líder da UXT durante 25 anos, Suso Mosquera; e o exdeputado e ex delegado do Goberno en Galicia Miguel Cortizo.

Tras un emotivo aplauso do Comité Nacional, Gonzalo Caballero iniciou a súa análise da situación política cun respaldo ao “paso adiante” dado por Pedro Sánchez para “dicir que a esquerda quere gobernar e que ten capacidade de goberno”. “Recuperamos o protagonismo político cunha nova maioría de cambio”, valorou, antes de recalcar que “o ciclo de Feijóo en Galicia tamén está tocando o seu fin”.

En canto ao goberno, como destacou o líder dos socialistas galegos, Pedro Sánchez ten amosado “o PSOE que millóns de cidadáns estaban esperando”. Entre elas, enumerou a supresión do copago farmacéutico, o programa contra a pobreza infantil, a recuperación do carácter universal da sanidade, a aposta polo diálogo social para mellorar os salarios e a acollida aos migrantes do buque Aquarius.

“Somos a esquerda e o demostramos nas nosas accións, que reconcilian á política coa sociedade, dando avances para a maioría”, proclamou Gonzalo Caballero, quen avogou por aproveitar o “impulso” da nova situación política para manter o partido “forte” de cara ás próximas citas electorais.

Máxime, recalcou, nun escenario no que o resto de partidos están “desnortados” e “sen folla de ruta”. Falou así de como “pinchou a burbulla laranxa”, como el tiña advertido, e da “falla de liderado” que está amosando un PP que aínda “ten que asumir as responsabilidades derivadas das sentencias por corrupción”.

FEIJÓO “TEN QUE TOMAR NOTA”

Neste punto, o secretario xeral do PSdeG reparou en que Feijóo “ten que tomar nota” de que foi a ausencia de asunción de responsabilidades o que rematou coa carreira política de Rajoy.

Coa súa “complicidade” co nomeamento “ilegal” da irmá dun alto cargo do PPdeG para a oficina do Valedor do Pobo, advertiu, está “en xogo a súa credibilidade na loita contra a corrupción”. “Que asuma a responsabilidade e deixe esa escapada a ningures. Os tribunais falaron”, sentenciou Gonzalo Caballero.

“NOVO CICLO”

Tampouco se esqueceu o máximo dirixente do PSOE en Galicia da “falla de credibilidade” que amosa Feijóo cando fala de “compromiso con Galicia” e o convirte “nun laio” tras semanas “amagando” con marchar a Madrid.

É por iso que chamou a aproveitar a oportunidade dun PP “feble” e dun PSOE en auxe para tecer “unha alianza coa Galicia que quere cambio, que sabe que o cambio é necesario” coa vista posta nas vindeiras municipais.

“Temos a prioridade social que non ten o PP e a capacidade de xestión que non teñen outras forzas”, enfatizou Gonzalo Caballero, antes de recalcar “o compromiso municipal” do PSdeG e de comprometer que traballará para poñer “a mellor candidatura en cada concello”.

O “cambio que necesita Galicia”, engadiu o líder socialista, comeza cun “traballo intenso” nas vindeiras municipais que permita chegar “co partido reforzado” á cita das xerais e as autonómicas.

“É o momento da ilusión, do compromiso e do fortalecemento do mellor PSdeG entre todos”, arengou Gonzalo Caballero, antes de chamar a todos os compañeiros a “non deixar nin un só minuto de amosar a nosa capacidade de traballo”.

psdeg

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar