Gonzalo Caballero sinala que a moción de censura é "unha fiestra de oportunidade para o futuro"

Gonzalo Caballero sinala que a moción de censura é "unha fiestra de oportunidade para o futuro"

Gonzalo Caballero sinala que a moción de censura é “unha fiestra de oportunidade para o futuro”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou este mércores, nunha visita ao municipio de Ames, que millóns de persoas en toda España ven a moción de censura impulsada polo Partido Socialista como “unha fiestra de oportunidade para o futuro”.

Despois de sinalar que esta moción foi presentada por “responsabilidade” e por “dignidade”, Gonzalo Caballero xustificou esta iniciativa nunha sentencia, a da trama Gürtel, que é “moi dura e contundente co PP” e que condena a “varias ducias de mandatarios” que sentaron con Rajoy no consello de ministros e na dirección do PP.

Cando “millóns de cidadáns progresistas” están “fartos do nivel de corrupción”, o líder dos socialistas galegos situou a prioridade “no cambio político” para abrir “unha nova etapa” de “rexeneración, transparencia e exemplaridade”. É por iso que manifestou o seu apoio a Pedro Sánchez para a moción de censura que comezará a debaterse mañá.

Coa vista posta no Congreso dos Deputados, Gonzalo Caballero subliñou que os grupos deberán votar atendendo “ao clamor de millóns de persoas que piden retirar ao PP da Gürtel do goberno”. “Teñen que optar –proseguiu- entre corrupción e exemplaridade, entre manter o núcleo de poder da dereita ou dar ao país posibilidades de progreso”.

Así mesmo, presentou ao Partido Socialista como “a esquerda sen ningún tipo de complexo”, pois “cando gobernamos o país foi a mellor”. “Podemos afrontar o goberno con garantías para a cidadanía e garantir a aposta polo Estado de Benestar”, asegurou.

REXENERACIÓN E LIMPEZA

En paralelo, o secretario xeral do PSdeG replicou a quen o cuestionan que a moción de censura é “unha fórmula constitucional lexítima” e que a cidadanía, cando aínda non se cumpriron dous anos de ter votado por segunda vez nunhas eleccións xerais, non está pedindo agora ser chamada novamente ás urnas.

“O que pide é rexeneración política e un proxecto para a maioría cun nivel de limpeza ética que non pode estar representado polo PP”, finalizou Gonzalo Caballero.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar