Gonzalo Caballero reclama á Xunta "impulsar" os posgraos na universidade pública e "potenciar" as bolsas

Gonzalo Caballero reclama á Xunta "impulsar" os posgraos na universidade pública e "potenciar" as bolsas

Gonzalo Caballero reclama á Xunta “impulsar” os posgraos na universidade pública e “potenciar” as bolsas

O secretario xeral do PSdeG reuniuse hoxe co reitor da Universidade da Coruña e esixiu ao PP que “reaccione e tome medidas” ante o dano á institución que está causando Cifuentes

 

O líder socialista instou a Feijóo e ao ministro de Fomento, de visita de “propaganda” hoxe en Galicia, a “explicar” por que os orzamentos do Estado “se esquecen das necesidades de Galicia”

 

A Coruña, 18 de abril de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reuniuse este mércores co reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, dentro da rolda de contactos que está mantendo cos distintos axentes económicos e sociais da comunidade, e que se estenderá ás outras dúas universidades galegas unha vez rematen as súas eleccións internas.

 

Para o líder dos socialistas galegos, a universidade pública “ten que ser unha prioridade”, de xeito que apostou por facela “puxante”, por darlle “calidade e proximidade” ao estudantado, polo recoñecemento do seu persoal e pola súa “internacionalización”.

 

“Temos que proxectar a nosa universidade no mundo: que veñan referentes doutras universidades a colaborar e que se incorporen alumnos de distintos países”, defendeu.

 

Tamén puxo o foco Gonzalo Caballero no “déficit nos estudios de posgrao” que existe actualmente, e chamou á Xunta a “impulsar os posgraos, os mestrados e os doutoramentos de calidade”. Por iso, requiriu que se “potencien” as axudas e as bolsas, a fin de avanzar na “igualdade de oportunidades”.

 

“DANO Á UNIVERSIDADE PÚBLICA”

 

Finalmente, na liña de “apoio e respaldo á universidade pública” que caracteriza aos socialistas, o secretario xeral do PSdeG lamentou o “dano” que está causando á imaxe desta institución o que está a acontecer coa presidenta da Comunidade de Madrid. “Está restando credibilidade ao sistema universitario público”, advertiu, e chamou ao PP a “reaccionar e tomar medidas”.

 

Xunto co “dano á imaxe da universidade pública” que están causando tanto Cristina Cifuentes como o propio PP, Gonzalo Caballero sinalou este caso como “unha mostra do que supón a falta de exemplaridade dos cargos públicos”.

 

CRÍTICA AOS ORZAMENTOS ESTATAIS

 

Ademais, coincidindo coa visita do ministro de Fomento a Galicia, Gonzalo Caballero instou aos populares a deixar “a propaganda política” e “correxir uns orzamentos que se esquecen das necesidades de Galicia e dos galegos e as galegas”.

 

Para iso, recordou o líder do PSdeG, os socialistas galegos elaboraron 300 emendas encamiñadas a “lograr un nivel de inversión que nos poña, cando menos, ao mesmo nivel que en 2011”, cando se destinaban a Galicia 1.500 millóns de euros.

 

De non asumir este plantexamento, remarcou o secretario xeral, o PP terá que “explicar” por que os presupostos estatais “deixan a Galicia cun nivel de gasto moito menor que en calquera ano de goberno dos socialistas”.

 

Sobre todo, como dixo, á vista de que nos últimos catro anos o goberno de Rajoy orzamentou 2.000 millóns de euros que non chegaron a executarse.

 

psdeg

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar