Gonzalo Caballero reclama unha "axenda de prioridade social"

Gonzalo Caballero reclama unha "axenda de prioridade social"

Gonzalo Caballero reclama unha “axenda de prioridade social”

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, esixiulle hoxe ao goberno galego que “marque a axenda de prioridade social” para “atender ás necesidades das persoas con discapacidade ou diversidade”. Así o dixo na clausura dunha xornada de traballo celebrada hoxe no Parlamento de Galicia organizada conxuntamente entre o Grupo Socialista e o Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia –Cermi-.

O líder dos socialistas galegos puntualizou que a igualdade de oportunidades “vai no ADN dos socialistas galegos”, que hoxe organizaron este encontro para “recoller as inquedanzas dos colectivos afectados” para “marcarlle a axenda social para o ano 2018 ao goberno conservador da Xunta de Galicia”.

Sinalou que, no marco dunha recuperación macroeconómica, o goberno galego “debera implicarse de forma máis efectiva” para garantir “os presupostos e partidas dirixidas a desenvolver a lei de inclusión de Galicia”. Os avances lexislativos na materia teñen sido “insuficientes”, advertiu, pero a pesares diso “faltan partidas orzamentarias que permitan desenvolver o contido lexislativo” vixente.

Reivindicou a “igualdade de oportunidades” como eixo das propostas políticas dos socialistas galegos, e reclamoulle ao goberno galego que garanta a incorporación laboral da cidadanía con discapacidade, e que atenda ás súas necesidades específicas de atención sanitaria, educación, accesibilidade ou transporte.

Os socialistas galegos, explicou, recolleron o compromiso de traballar coas organizacións representadas na xornada de hoxe co horizonte de “darlle inclusión social aos en torno a 100.000 galegos e galegas con discapacidade ou diversidade funcional e coa necesidade de atención específica.

Xornada

Gonzalo Caballero interveu xunto co presidente do Cermi Galicia, Iker Sertucha, no peche dunha xornada que era inaugurada polo portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen reclamara unhas políticas públicas por parte do goberno galego “máis afinadas e útiles para aproximar as necesidades reais da nosa sociedade”.

A continuación tiña lugar a primeira Mesa de debate, moderada pola portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, na que interviñeron o presidente da ONCE Galicia, Carlos Fernández, o presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia –FAXPG-, Iker Sertucha, o vicepresidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade –Cogami-, Ramón Sestayo, e o presidente de Fademga Plena Inclusión, Eladio Fernández.

A continuación, a segunda mesa de debate, moderada pola secretaria de Políticas Sociais do PSdeG, Marina Ortega, contaba coa intervención do presidente da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia –FEAFES Galicia-, Ramón Girón, e o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto.

Tamén interviñeron a presidenta da Federación Autismo Galicia e presidenta da Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista –Aspanaes-, María José Álvarez, o presidente da Federación Galega de Dano Cerebral –Fegadace-, Luciano Fernández, o presidente da Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias –Fagal-, Juan Carlos Rodríguez e o presidente da Federación de Asociacións de Atención ás Persoas con Parálise Cerebral e Afíns –Aspace Galicia-, Eulogio López.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar