Gonzalo Caballero reclama un novo modelo de financiamento baseado na igualdade, a solidariedade e a equidade

Gonzalo Caballero reclama un novo modelo de financiamento baseado na igualdade, a solidariedade e a equidade

Gonzalo Caballero reclama un novo modelo de financiamento baseado na igualdade, a solidariedade e a equidade

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, urxiu hoxe a abrir a reforma do modelo de financiamento, adiado dende 2014 polo PP, cun acordo que garanta a igualdade, a solidariedade e a equidade. Así o dixo na súa intervención nunha xornada sobre Financiamento autonómico organizada polo Grupo Socialista, conxuntamente coa Escola de Formación Ceferino Díaz, e que tivo lugar hoxe no Parlamento de Galicia.

O líder dos socialistas galegos presentou un decálogo de cuestións fundamentais para os socialistas galegos no debate do novo modelo de financiamento, partindo da “garantía duns servizos públicos semellantes para tódalas persoas independentemente de onde vivan”. Sinalou que “nos xogamos a sanidade, a educación e os servizos públicos” de Galicia e chamou a desenvolver unha “axenda intensa contra a exclusión social” e as desigualdades provocadas pola crise económica.

Caballero ratificou unha proposta de financiamento que serva para defender o Estado do Benestar “equitativo e potente” nun territorio no que as comunidades autónomas son garantes dunha educación adecuada e unha sanidade de calidade para toda a cidadanía. Sinalou que Galicia “está, ten que estar e debe seguir estando no réxime común” das comunidades autónomas.

Este debe garantir, explicou, o tratamento equitativo dunha cidadanía que require duns servizos que son máis caros para a administración polas características propias de dispersión poboacional, envellecemento e a orografía. Sinalou que Galicia “non pode perder financiamento fronte ao modelo actual”, e apelou á solidariedade que debe primar nun modelo baseado no consenso multilateral entre tódolos actores.

Criticou o retraso provocado polo PP á hora de afrontar “en tempo e forma” un debate que ven sendo adiado dende 2014 e que agora coincide no tempo coa cuestión catalá. Alertou dos “intentos de confundir” e de mesturar o financiamento con esta situación cando debe contar cunha “folla de ruta política propia”.

Chamou a “potenciar uns fondos coherentes para a provisión de servizos sociais públicos” que permitan simplificar e dotar de maior transparencia a un modelo de fondos complementarios empregados como “parches” aplicados polo goberno central que só contribúen a incrementar a complexidade e reducir a transparencia do sistema.

Emilio Pérez Touriño

O ex presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, interveu na xornada de hoxe na que criticou a “tibieza” dos responsables do goberno á hora de afrontar a reforma do modelo de financiamento que garanta a igualdade plena, cohesión e igualdade respectando a diversidade.

Reclamoulle ao presidente da Xunta que afronte o debate cunha voz “potente, clara e decidida” independentemente de que pertenza ao mesmo partido que Rajoy, xa que “España o necesita e Galicia o demanda”. Sinalou que Galicia precisa dunha “reorientación profunda” das políticas do goberno para afrontar a “derruba demográfica que non se resolve con políticas natalistas senón con emprego e conciliación”.

Apuntou á “situación obxectiva” de Galicia que, nunha situación económica internacional favorable, que permite saír da crise, mantén problemas de fondo relacionados co escaso desenvolvemento industrial ou a descohesión social.

Pérez Touriño lembrou que España afronta o debate da reforma do financiamento territorial partindo dun modelo “de éxito” que “permitiu o desenvolvemento do modelo político de autogoberno propio de Galicia. Sen embargo, afronta o problema da asimetría que “rompe coa solidariedade” e resulta “corrosiva económica e socialmente e contraria á cohesión”, sinaladamente en referencia ao cupo vasco, que deriva nos “intentos de réplica” dende Cataluña.

Reclamou polo tanto “moito coidado” á hora de acordar un novo modelo que pode resultar “prexudicial” para comunidades autónomas como Galicia que, polo contrario, precisan de recalcular a ponderación do impacto do envellecemento e a dispersión nos mecanismos de financiamento. Lembrou que Galicia está entre as 25 rexións máis envellecidas de Europa, cunha poboación maior que demanda un gasto 3,46 veces superior á media.

Ademais, explicou, a ponderación actual do impacto da dispersión poboacional triplica o baremo establecido no modelo de financiamento, que é dun 0,6 cando debera ser do 1,8. Pérez Touriño interveu nunha xornada na que, ademais de Caballero, tamén participaron o portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, e o ex director xeral de Coordinación Financeira coas CCAA e profesor titular de Economía Aplicada da Universidade de Alcalá, Alain Cuenca García.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar