O secretario xeral denuncia dende a Feira do Moble da Estrada o “déficit de xestión da Xunta” e a falta de atención aos sectores produtivos
A Estrada, 23 de setembro de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe ao presidente da Xunta que deixe “as especulacións sobre o seu futuro político” porque “Galicia existe” e os seus problemas “seguen sen resolverse”.
A modo de exemplo, durante unha visita á Feira do Moble da Estrada, o líder dos socialistas galegos denunciou “o déficit de xestión da Xunta” que se evidencia na falta de atención a sectores produtivos como o da madeira.
“Non hai política económica nin industrial”, remarcou Gonzalo Caballero, quen esixiu un plan para “dinamizar” o sector do moble e sinalou que o proxecto da Cidade do Moble da Estrada segue “no caixón de espera” e “esquecido” polo goberno galego. Do mesmo xeito, recordou a “necesidade urxente” de máis solo industrial neste municipio pontevedrés e a reclamación da autovía ata Santiago.
Neste contexto, o máximo dirixente do PSdeG criticou tamén os recortes de Feijóo no eido social, sinaladamente na sanidade pública, cunha referencia ao home falecido no mes de agosto no PAC da Estrada sen ter recibido atención médica.
Por tanto, Gonzalo Caballero incidiu en que Feijóo ten que deixar a un lado “a súa estratexia de promoción persoal” e frear os “recortes” que está poñendo en marcha e que teñen “efectos terribles” sobre todo “na Galicia interior e no medio rural”.
“Que se poña a traballar, porque a Galicia real está chea de demandas e de problemas que necesitan ser atendidos polos gobernantes”, concluíu o secretario xeral do PSdeG, en compañía de membros da executiva como Daniel Chenlo, a voceira socialista na Estrada, Belén Louzao, e deputados como Julio Torrado.