Gonzalo Caballero pide en Bruxelas "un gran pacto" para "revitalizar" a demografía nas rexións europeas máis envellecidas

Gonzalo Caballero pide en Bruxelas "un gran pacto" para "revitalizar" a demografía nas rexións europeas máis envellecidas

Gonzalo Caballero pide en Bruxelas “un gran pacto” para “revitalizar” a demografía nas rexións europeas máis envellecidas

 

O secretario xeral mantén un encontro co presidente do Comité das Rexións, quen destacou “o papel importante” de Pedro Sánchez na socialdemocracia europea pola súa “vocación europeísta”

 

Bruxelas, 27 de xuño de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, concluíu este mércores a súa axenda europea cunha xuntanza co presidente do Comité das Rexións, Karl-Heinz Lambertz, a quen trasladou “a necesidade de configurar un gran pacto social pola demografía” que permita “revitalizar” a natalidade e combater o envellecemento e o despoboamento de certas rexións.

 

Trátase, segundo explicou o líder dos socialistas galegos aos xornalistas ao termo do encontro, de selar “unha grande alianza” para que dende a Unión Europea, “con políticas transversais”, se traballe pola “revitalización daquelas rexións europeas nas que a demografía supón un problema”.

 

Ao respecto, Gonzalo Caballero valorou que o presidente do Comité das Rexións “é consciente da importancia da cuestión demográfica”, que ten na súa folla de traballo, como el mesmo indicou ao dirixente socialista durante unha reunión na que tamén estiveron presentes o voceiro do PSdeG no Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, e o eurodeputado José Blanco.

 

Outro aspecto que abordaron nunha xuntanza que o secretario xeral do PSdeG definiu como “frutífera” foi o cambio de goberno en España. E é que, co seu “europeísmo de esquerdas” e coa súa visión dunha Europa “cun compoñente máis social”, Pedro Sánchez é visto como un líder chamado a xogar “un papel importante no futuro da UE” e dentro da socialdemocracia europea fronte a “un euroescepticismo crecente”.

 

“A elección de Pedro Sánchez foi recibida como unha posibilidade de cambio e de recuperación da axenda do europeísmo socialdemócrata, de tanta importancia para a construción da Unión Europea e da Europa das rexións”, remarcou Gonzalo Caballero tras un encontro que se prolongou por espazo de case unha hora.

 

PAPEL DAS REXIÓNS

 

Así mesmo, amosou a Karl-Heinz Lambertz a vocación dos socialistas galegos de “contribuír a esa configuración da Europa das rexións” e, non en van, avogou por “reforzar” o papel do propio Comité das Rexións para que os territorios teñan “máis poder decisorio”.

 

Ao fío disto, lamentou que o presidente da Xunta non teña “un papel máis activo, máis presente” como membro que é do Comité, pois a súa axenda amosa “pouco peso”.

 

“Galicia é unha rexión de referencia pola súa especificidade cultural, identitaria e lingüística, e isto ten que ser posto en valor no Comité das Rexións cun papel máis activo de liderado e de propostas”, reclamou o líder do PSdeG, antes de facer fincapé en que Galicia “ten que estar máis presente” no ámbito comunitario.

 

É por iso que criticou que Feijóo estea “ausente” nos órganos nos que se deciden “cuestións fundamentais para Galicia”.

psdeg

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar