Gonzalo Caballero ironiza coa "atención" que presta agora Feijóo ás inversións do Estado en Galicia despois de "esquecerse dos 2.000 millóns de euros" que Rajoy non executou

Gonzalo Caballero ironiza coa "atención" que presta agora Feijóo ás inversións do Estado en Galicia despois de "esquecerse dos 2.000 millóns de euros" que Rajoy non executou

Gonzalo Caballero ironiza coa “atención” que presta agora Feijóo ás inversións do Estado en Galicia despois de “esquecerse dos 2.000 millóns de euros” que Rajoy non executou

O secretario xeral asegura que os socialistas “somos a mellor garantía” para a chegada do AVE a Galicia “en tempo e forma”, porque o goberno de Pedro Sánchez “está comprometido con Galicia”

 

Ourense, 2 de xullo de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, ironizou hoxe co nivel de “atención” que está poñendo agora Feijóo nas inversións do Estado en Galicia, despois de que durante anos “se esquecese dos 2.000 millóns de euros” que Mariano Rajoy orzamentou, pero non gastou, nas infraestruturas galegas.

 

“Coa complicidade e o silencio absoluto de Feijóo, Rajoy esqueceuse dos intereses dos galegos”, remarcou Gonzalo Caballero dende Ourense, para esixir ao presidente da Xunta que “poña atención” nos problemas do país tras “semanas centrado no seu partido” e no seu futuro político.

 

En canto á chegada do AVE, o líder dos socialistas galegos reivindicou que “somos a mellor garantía” para asegurar que terá lugar “en tempo e forma”. “Temos un goberno comprometido con Galicia”, asegurou, ao tempo que criticou “o xogo de datas, cifras e prazos ao que nos ten acostumados o PP”.

 

“RESPONSABILIDADES” POLO CASO DA VALEDORA

 

En paralelo, Gonzalo Caballero reclamou que “se asuman responsabilidades” pola sentenza do TSXG que “pon en cuestión a xustiza e a igualdade de oportunidades” dentro da institución do Valedor do Pobo.

 

De feito, avanzou que o Grupo Parlamentario Socialista xa tomou todas as medidas necesarias para que a valedora “renda contas” ante a Cámara e “asuma responsabilidades”, vista a “enorme gravidade” da súa interferencia no nomeamento da irmá do voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy Fraga.

 

Ademais, o líder dos socialistas galegos defendeu que Feijóo “ten que tomar medidas” para amosar o seu compromiso “coa honradez e coa limpeza” nos distintos procedementos.

 

É a vía iniciada por Pedro Sánchez a nivel do Estado, que, como dixo o secretario xeral do PSdeG,  “abriu un novo tempo na política española” fronte a “unha dereita que non quería asimilar unha sentenza tan grave” como a do caso Gürtel. Trátase, recalcou, de defender a “exemplaridade” para “reconciliar á sociedade coa política”.

 

Neste contexto, Gonzalo Caballero deixou claro que os socialistas galegos manterán “toda a atención” sobre o caso da valedora do Pobo, que ten, incidiu, que “asumir responsabilidades” polas súas decisións en torno a ese nomeamento.

 

AXENDA INTERNACIONAL “ERRADA”

 

De paso, aproveitou para cuestionar a axenda internacional de Feijóo, que se reunirá co presidente de Portugal, o conservador Marcelo Rebelo de Sousa, mentres Pedro Sánchez mantén un encontro co primeiro ministro, o socialista António Costa.

 

Gonzalo Caballero comparou esta situación coa visita “pagada con cartos públicos” de Feijóo ao seu “gran amigo” Enrique Peña Nieto, expresidente mexicano, dous meses antes das eleccións que acaban de dar o goberno, con máis do 50% dos votos, á esquerda liderada por López Obrador. “Errou no tiro”, constatou o líder socialista.

 

O 75% DA CIDADANÍA DE OURENSE QUERE “CAMBIO”

 

O secretario xeral do PSdeG tamén estivo este luns en Ourense co novo subdelegado do goberno na provincia, Emilio González Afonso, a quen aproveitou para saudar momentos antes de iniciar un percorrido polas rúas do centro da cidade e de atender aos medios de comunicación.

 

O fixo en compañía dos secretarios provincial e local do PSOE, Rafael Rodríguez Villarino e José Ramón Fernández Morgade, respectivamente; así como dos voceiros na Deputación e no Concello de Ourense, Francisco Fraga e José Ángel Vázquez Barquero.

 

Antes de presidir a segunda xuntanza da Comisión Executiva Nacional Galega que se celebra fóra da sede do PSdeG en Santiago, o secretario xeral constatou que “fai falta un cambio” tanto no concello coma na deputación de Ourense.

 

E é que, segundo dixo, “as políticas do PP son sinónimo de fracaso, de falla de avance e de falla de compromiso”. “Ábrese un novo ciclo con Pedro Sánchez e temos que traballar para conseguir que a insatisfacción da cidadanía co PP supoña un cambio de ciclo nas vindeiras eleccións municipais”, subliñou, antes de revelar unha enquisa que indica que “o 75% dos e das ourensáns piden un cambio no goberno local”.

 

psdeg

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar