Gonzalo Caballero insta á Xunta a "traballar" para que a suba dos fondos de cohesión repercuta en Galicia porque Feijóo está "desaparecido" na UE

Gonzalo Caballero insta á Xunta a "traballar" para que a suba dos fondos de cohesión repercuta en Galicia porque Feijóo está "desaparecido" na UE

Gonzalo Caballero insta á Xunta a “traballar” para que a suba dos fondos de cohesión repercuta en Galicia porque Feijóo está “desaparecido” na UE

O secretario xeral e o voceiro parlamentario do PSdeG reúnense coa comisaria de Política Rexional, Corina Cretu, para trasladarlle a importancia que estes fondos teñen para Galicia

 

Bruselas, 26 de xuño de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao presidente da Xunta a “traballar” para que o incremento do 5% nos fondos de cohesión que recibirá España no vindeiro período orzamentario “sexa tamén positivo para Galicia”.

 

Tras unha reunión de traballo coa comisaria de Política Rexional, Corina Cretu, o líder dos socialistas galegos constatou que a Xunta ten renunciado “a facer unha política europea que poida favorecer a Galicia” e que o propio Feijóo, “agás algunha visita puntual, está desaparecido” nas institucións comunitarias e “iso repercute negativamente nos intereses” do noso país.

 

“É importante que haxa unha axenda galega nas institucións europeas”, subliñou Gonzalo Caballero, consciente de que “nos xogamos moito” no ámbito comunitario e de que, actualmente, “hai un déficit” neste sentido porque “Feijóo é un descoñecido”.

 

Ao fío disto, o secretario xeral do PSdeG defendeu a importancia de ter “un presidente pendente dos problemas de Galicia”. “Mentres Feijóo está pensando se se vai a Madrid ou queda, ou se vai dentro de dous anos, Galicia necesita respostas e tamén se deciden aquí, en Bruxelas”, recalcou tralo encontro que mantivo, en compañía do voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, coa comisaria europea.

 

En canto á marxe de traballo que ten a Xunta para mellorar os fondos comunitarios que percibe Galicia, Gonzalo Caballero apuntou que non se están contemplando os criterios do envellecemento e a dispersión da poboación, que tamén poderían ser tidos en conta para o reparto dos fondos dentro de cada estado.

 

EXECUCIÓN DE FONDOS

 

Iso si, como apuntou Leiceaga, á hora de reclamar máis fondos é importante “presentar bos niveis de execución” dos obtidos, pois permite “reforzar a posición”.

 

Non obstante, a propia comisaria chamou a atención sobre o baixo índice de gasto de Galicia en aspectos como a innovación

 

VISITA A GALICIA

 

En paralelo a estas cuestións, o líder dos socialistas galegos indicou aos periodistas que Corina Cretu lle trasladou a súa “satisfacción” polo cambio de goberno en España e polo executivo confeccionado por Pedro Sánchez.

 

Así mesmo, tras unha xuntanza que transcorreu con “moita sintonía e fluidez”, Gonzalo Caballero avanzou que a comisaria europea ten previsto viaxar a Galicia na última parte do ano.

 

A continuación, o secretario xeral do PSdeG e o voceiro parlamentario realizaron unha visita á Fundación Galicia Europa antes de reunirse co director xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, Daniel Calleja, para abordar cuestións pendentes como o saneamento das rías ou o mapa forestal.

psdeg

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar