Gonzalo Caballero insta a Feijóo a levar "os intereses de Galicia" á negociación dos fondos comunitarios no canto de centrarse na súa "axenda de promoción dentro do PP"

Gonzalo Caballero insta a Feijóo a levar "os intereses de Galicia" á negociación dos fondos comunitarios no canto de centrarse na súa "axenda de promoción dentro do PP"

Gonzalo Caballero insta a Feijóo a levar “os intereses de Galicia” á negociación dos fondos comunitarios no canto de centrarse na súa “axenda de promoción dentro do PP”

O secretario xeral do PSdeG denuncia que a Xunta “esqueceu” as xestións no ámbito comunitario pese a que están “en xogo” cuestións “fundamentais” para “a Galicia da próxima década”

 

Santiago, 20 de abril de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou este venres na inauguración das xornadas ‘Perspectivas financeiras no período comunitario 2021-2027. Retos e oportunidades para España e Galicia’, onde chamou a atención sobre o moito que está “en xogo” na programación plurianual de fondos da UE.

 

Así é que esixiu a Feijóo que sitúe como “prioridade” as necesidades de Galicia e plantexe nas institucións europeas “unha axenda” que incorpore os nosos intereses á mesa de negociación. “Ten que entender”, proseguiu Gonzalo Caballero, que os orzamentos comunitarios “afectan de forma moi relevante” a rexións como Galicia, que sofre un importante devalo demográfico e ten importantes diferencias de renda.

 

“Instamos a Feijóo a que, máis alá da súa axenda de promoción dentro do PP, atenda os problemas do país”, reclamou o líder dos socialistas galegos, co convencemento de que o novo reparto dos orzamentos “vai ser fundamental para a Galicia da próxima década”. “Necesitamos fondos para converxer coas rexións máis avanzadas”, recalcou, para lamentar que a Xunta teña “esquecido” facer xestións nesta liña.

 

De feito, reprobou que o goberno galego só estea “centrado na xestión dos recortes”  e en “presentar a Feijóo coma un bo xestor” pese a ter “disparado” a débeda pública, e a que carece tanto de “proxecto para Galicia” como de estratexia para mellorar o reparto da PAC ou as inversións comunitarias nesta comunidade.

 

A modo de exemplo, Gonzalo Caballero aludiu a exclusión de Galicia do corredor atlántico de mercadorías ou ao feito de que se descubriu que, pese aos anuncios de Feijóo, a Xunta nin presentou candidatura para obter a sede do laboratorio europeo de bivalvos.

 

“DAR PESO A GALICIA”

 

Fronte a isto, o secretario xeral do PSdeG defendeu a necesidade de “marcar unha folla de ruta distinta” e “dar peso a Galicia” tanto na política española coma na europea. Os socialistas, asegurou, levarán ás distintas institucións esa perspectiva que a Xunta non está asumindo.

 

E se Gonzalo Caballero sinalou que xunto a cuestións como o reparto dos fondos da PAC, “hai que incorporar” á negociación en Europa “novas prioridades” como a loita contra o devalo demográfico, o eurodeputado socialista José Blanco puxo tamén o foco en “desafíos” como o cambio climático.

psdeg

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar