Gonzalo Caballero inicia unha axenda europea para "levar aos órganos de decisión os problemas de Galicia", mentres Feijóo está "noutras cuestións"

Gonzalo Caballero inicia unha axenda europea para "levar aos órganos de decisión os problemas de Galicia", mentres Feijóo está "noutras cuestións"

Gonzalo Caballero inicia unha axenda europea para “levar aos órganos de decisión os problemas de Galicia”, mentres Feijóo está “noutras cuestións”

 

O secretario xeral do PSdeG obtén do ministro de Fomento o seu “compromiso de que se manterán as inversións” previstas para Galicia

 

Madrid, 25 de xuño. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, iniciou este luns co comisario de Agricultura, Phil Hogan, unha axenda europea que proseguirá mañá en Bruxelas coa comisaria de Política Rexional, Corina Cretu, entre outros responsables comunitarios, e que ten por obxecto “levar aos órganos de dirección da UE os problemas de Galicia”.

 

“Galicia ten que estar presente, e detectamos que Feijóo e o PP están centrados noutras cuestións”, explicou o líder dos socialistas galegos ante os xornalistas, tras sinalar que “boa parte do futuro de Galicia” se vai xogar no vindeiro exercicio orzamentario da UE.

 

É o que ocorre, como dixo Gonzalo Caballero, coa reforma da PAC para o período 2021-2027. Deste asunto falou co comisario europeo de Agricultura, para pedirlle que estes fondos estean “ben dotados” e permitan “seguir modernizando e revitalizando” os sectores agrario e gandeiro e as rendas que obteñen os seus produtores.

 

Tamén puxo sobre a mesa o secretario xeral do PSdeG o “desequilibrio” no reparto dos beneficios entre os produtores e as grandes empresas, nunha comunidade na que dependen directamente do sector primario uns 70.000 empregos e na que a gandería e a agricultura xogan “un papel fundamental para o desenvolvemento” do rural.

 

En paralelo, nunha reunión na que tamén estiveron presentes o voceiro do PSdeG no Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, e a eurodeputada socialista Clara Aguilera, Gonzalo Caballero trasladou ao comisario de Agricultura a súa preocupación ante unha posible “renacionalización da PAC”, que permitiría que os países puidesen “primar” algún sector e deixar outros “con máis dificultades”.

 

“DIÁLOGO POSITIVO”

 

Ao termo do encontro, Gonzalo Caballero valorou a oportunidade de tratar co comisario europeo “os problemas de Galicia” dentro dun “diálogo fluído e positivo”, no que algúns aspectos obtiveron “unha boa recepción”.

 

“O PSdeG”, garantiu, manterá “toda a atención” sobre a reforma da PAC, porque “é fundamental” para o noso rural. Nesta liña enmarcou a xornada de traballo celebrada o pasado venres en Lugo e o “contacto continuo” co sector, a través, fundamentalmente, de Unións Agrarias.

 

“COMPROMISO” DE FOMENTO

 

Antes da reunión co comisario de Agricultura, o líder dos socialistas galegos mantivo “unha primeira toma de contacto directo” co ministro de Fomento, José Luis Ábalos, de quen obtivo “o compromiso de que se manterán todas as inversións orzamentadas e de traballar arreo para que entren en funcionamento” as infraestruturas previstas para Galicia.

 

Primeiro, como detallou, porase en marcha un chequeo do estado das obras en marcha que permita coñecer “cal é a herdanza que deixa o PP” tras “numerosos anuncios e autobombo de Rajoy e Feijóo”. A partires de aí, explicou Gonzalo Caballero, todo seguirá “o ritmo previsto”, pois “non houbo nin hai baleiro de poder”.

 

Ademais, en canto ás peaxes da AP-9, o secretario xeral do PSdeG recordou que a autoestrada sigue en mans dunha empresa privada debido á decisión de Feijóo de “prolongar a concesión ata 2048”. “Tres décadas nas que estaría mellor en mans públicas, para poder traballar nas peaxes e o estado da vía con maior eficiencia”, sentenciou Gonzalo Caballero.

 

AXENDA EUROPEA

 

A axenda europea do secretario xeral do PSdeG proseguirá mañá, martes, en Bruxelas, cun encontro coa comisaria de Política Rexional, Corina Cretu; unha visita á Fundación Galicia Europa e unha xuntanza co director xeral de Medio Ambiente, Daniel Calleja.

 

Xa o mércores, Gonzalo Caballero entrevistarase co presidente do Comité das Rexións, Karl-Heinz Lambertz.

psdeg

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar