Gonzalo Caballero: "Galicia non merece un Goberno sen capacidade de prevención nin loita contra os incendios"

Gonzalo Caballero: "Galicia non merece un Goberno sen capacidade de prevención nin loita contra os incendios"

Gonzalo Caballero: “Galicia non merece un Goberno sen capacidade de prevención nin loita contra os incendios”

O secretario xeral electo do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, sinalou hoxe que “Galicia non se merece un goberno que non teña capacidade efectiva na prevención nin na loita contra os incendios”. Así o dixo durante unha visita a Formosas, no Concello de Carballeda de Avia –Ourense-, acompañado polo alcalde, Luis Milia e representantes da comarca, antes de desprazarse, pola tarde, a Pontecaldelas –Pontevedra-.

O responsable socialista subliñou que “Galicia non pode estar agardando á choiva cunha lacra coma esta” e situou na “máxima urxencia” que os gobernos central e autonómico poñan en marcha “axudas económicas para que os veciños que teñen perdidos seus bens poidan recuperar a súa vida con normalidade”. Reivindicou “un gran pacto social” para loitar contra o lume e recuperar a masa forestal”.

Lamentou o “abandono” que sufriron os veciños e o propio alcalde, que “estivo á fronte do operativo, traballando a pé de rúa cos seus veciños nunha situación crítica. Eles tiveron, dixo, que paliar a ausencia dun goberno que non exerceu o seu traballo para loitar contra o lume e na defensa das vivendas e da masa forestal, e que neste caso cobrouse a vida dunha persoa.

Criticou así que “nin sequera a Deputación Provincial tense posto en contacto co Concello”, o que “fala dun fracaso na política forestal e de prevención contra o lume en Galicia”.

Alcalde

O alcalde da localidade, Luis Milia, reivindicou a declaración do Concello como “zona catastrófica” logo de constatar que o lume afectou ao 77 por cento do seu territorio, co que “ardeunos non somentes o monte, que é o noso medio de vida e fonte de riqueza, senón que ademais danáronse os distintos pobos”.

Advertiu que o Concello ten os “servizos básicos afectados”, por unhas lapas que danaron gravemente tamén o alumbrado ou a auga, ocasionando “danos altamente cuantiosos”.

Apuntou a urxencia de recuperar ademais o entorno medioambiental do Concello, que contaba con diversas rutas naturais que supuxeran o investimento de 1,3 millóns do goberno central e 1 millón da Xunta, que “tiña atractivo e xeraba riqueza, e agora é unha tristeza velo”.

Parlamento de Galicia

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, propuxo hoxe aproveitar o debate parlamentario dos Orzamentos da Xunta para 2018 para “poñer en marcha políticas alternativas” contra os incendios forestais. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces que fixou o calendario de debate parlamentario dos Orzamentos da Xunta.

O portavoz socialista propuxo aproveitar a próxima semana, antes do inicio do debate en Comisión das contas da Xunta, para celebrar un encontro monográfico que permita acordar unhas novas liñas de actuación contra a lacra e “conseguir que, en circunstancias semellantes, as consecuencias sexan diferentes”.

Explicou que “non se trata tanto de incrementar as partidas para extinción, ás que lle dedicamos 170 millóns de euros, como de reforzar a prevención, a ordenación de montes, silvicultura, ou a limpeza dos perímetros das aldeas e das infraestruturas viarias”.

Impotencia

Fernández Leiceaga lamentou que o discurso do Goberno galego estea baseado no “recoñecemento da impotencia”, xa que “se é certo que tódolos medios están sendo utilizados, e a pesares de todo arden máis de 30.000 hectáreas e hai 4 mortos, que é o que debe de cambiar para que isto non suceda”. Criticou que “o que temos claro é que estamos nas mans da meteoroloxía, en lugar de nas mans de Feijóo ou da Xunta de Galicia”.

Tamén criticou que as mensaxes do presidente galego se centren en sinalar a “incendiarios terroristas”, deixando caer a existencia de “organizacións ou tramas, xa que do contrario non ten sentido” falar de terrorismo incendiario.

Puntualizou que “a acción dos que provocan lumes debe investigarse, pero cumpre non descargar a responsabilidade sobre a existencia de incendiarios, cando o que hai que facer é prever e combater o lume”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar