Gonzalo Caballero esixe "responsabilidades" á Xunta ante o avance da couza da pataca e reclama "indemnizacións suficientes" para os produtores

Gonzalo Caballero esixe "responsabilidades" á Xunta ante o avance da couza da pataca e reclama "indemnizacións suficientes" para os produtores

Gonzalo Caballero esixe “responsabilidades” á Xunta ante o avance da couza da pataca e reclama “indemnizacións suficientes” para os produtores

 

O secretario xeral do PSdeG reúnese cos alcaldes socialistas da bisbarra e denuncia o “abandono” da Costa da Morte

 

Muxía, 5 de abril de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu “responsabilidades” á Xunta dende Muxía, o último concello no que se ten detectado a couza da pataca e ao que se desprazou para coñecer de primeira man os problemas dos produtores.

 

Tras visitar unha pequena explotación e manter unha xuntanza cos veciños en compañía do alcalde, Félix Porto, o líder dos socialistas galegos subliñou que a Xunta ten que “asumir responsabilidades” e “estar en primeira liña” atendendo as necesidades dos afectados.

 

“Feijóo e a conselleira están agochados, pero non poden esquecerse da Costa da Morte”, recalcou, sen deixar de cuestionar que o goberno galego estea “ausente, escapado” no que é “un problema de país”. “Os socialistas estamos fondamente preocupados”, manifestou.

 

Partidario de “ser cauto”, no que puxo o foco Gonzalo Caballero é na necesidade de que a Xunta “tome medidas” para evitar que sexan os produtores quen “paguen” o custe desta praga. Así, reclamou “indemnizacións suficientes” e que non só sexan para un ano, senón que compensen aos produtores durante o tempo que duren as restricións de cultivo.

 

“Os produtores necesitan apoio para manter a súa calidade de vida e que as súas posibilidades económicas non teñan unha merma significativa”, incidiu o secretario xeral, consciente de que a praga da pataca é “unha navallada” para a economía en moitas zonas de Galicia.

 

“INFORMACIÓN”

 

Así as cousas, Gonzalo Caballero instou á Xunta a centrar “toda a atención” nesta problemática, que xa está presente en varios puntos da xeografía galega.

 

Por iso, xunto coas medidas de apoio económico, demandou tamén ao goberno galego que dea “máis información” aos veciños das zonas afectadas e que dote de medios aos concellos.

 

“ABANDONO” DA COSTA DA MORTE

 

Ademais, o secretario xeral do PSdeG mantivo unha reunión cos alcaldes socialistas de Fisterra, Dumbría, Corcubión, Muxía e Camariñas, así como cos secretarios xerais dos distintos municipios da bisbarra, para abordar a realidade económica e social da zona.

 

Ante a “marxinación e o abandono” por parte da Xunta que denunciaron os cargos socialistas, Gonzalo Caballero reprobou que o goberno galego “se esquece das necesidades” dos concellos da Costa da Morte. Só así se explica a redución de servizos e que non se teñan atendido “importantes demandas” en materia de sanidade, de transporte e de infraestruturas.

 

“A Xunta carece dunha política de medio rural efectiva”, criticou o líder dos socialistas galegos, quen avanzou iniciativas para reclamar á Xunta que “se lembre de que a Costa da Morte existe” nun escenario no que practicamente todos os concellos da zona “están perdendo poboación e dinamismo económico”.

psdeg

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar