Gonzalo Caballero demanda "un gran pacto" para revitalizar a demografía visto o "fracaso" de Feijóo

Gonzalo Caballero demanda "un gran pacto" para revitalizar a demografía visto o "fracaso" de Feijóo

Gonzalo Caballero demanda “un gran pacto” para revitalizar a demografía visto o “fracaso” de Feijóo

 

O secretario xeral do PSdeG chama a “redimensionar” a política económica, apoiar ao medio rural e apostar por servizos públicos que “acompañen” ás familias

 

Ourense, 11 de maio  de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, inaugurou este venres en Ourense unhas xornadas centradas no reto demográfico, coa que os socialistas pretendemos situar a perda de poboación que sofre Galicia “no centro” da axenda política.

 

Neste senso, na súa intervención, o líder do PSdeG demandou “un gran pacto social e político” para revitalizar a demografía, visto o “fracaso” da xestión da dereita neste eido tras tantos anos á fronte da Xunta.

 

En paralelo, Gonzalo Caballero defendeu a necesidade de “redimensionar” a política económica galega, pois actualmente non existe. “Nin hai conselleiro, nin capacidade, nin política”, enfatizou, para esixir impulso para a industria, o I+D+i, os sectores produtivos e as medidas de xeración de emprego.

 

Xunto a “unha nova política económica”, o secretario xeral dos socialistas galegos urxiu actuacións de apoio ao medio rural, enfocadas a que os cidadáns poidan desenvolver a súa vida nos municipios do interior.

 

Do mesmo xeito, esixiu unha aposta polos servizos públicos, que as administracións públicas “acompañen” ás familias que decidan ter fillos, máxime nun contexto de baixos salarios e de empregos precarios. “Hai marxe para tomar medidas”, recalcou o líder socialista.

 

“GALICIA VAI MAL”

 

Gonzalo Caballero xustificou as súas medidas no feito de que a Xunta “carece de orientación” e está deixando “un panorama peor”, o dunha Galicia “máis cativa e con menos pulo económico”.

 

“Galicia vai mal”, advertiu, tras apuntar o “aviso” que supón que a comunidade teña perdido 100.000 habitantes nos últimos oito anos. “Temos un problema demográfico grave”, recalcou.

 

OUTRAS INTERVENCIÓNS

 

Pola súa banda, o eurodeputado socialista José Blanco tamén puxo o foco na perda de poboación e deixou claro que a loita contra o devalo demográfico “non vive de palabras, senón de feitos”.

 

E, tras afear ao PP a súa falta de “compromiso” con esta cuestión, a presidenta da Delegación Socialista Española na Eurocámara, Iratxe García, incidiu en que as medidas de “austeridade” decididas no marco europeo e “aderezadas cos recortes da dereita” en España e Galicia “empeoraron” a situación.

 

Neste contexto, a europarlamentaria socialista reflexionou sobre as novas perspectivas financeiras da UE e a importancia dos orzamentos comunitarios -e da PAC- de cara a enfrontar o reto demográfico no conxunto da Unión Europea.

 

A continuación, o secretario provincial do PSOE en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, chamou a que estas xornadas sirvan como “punto de partida” para elaborar propostas de cara a unha cidadanía “que está esperando por nós”, os socialistas.

 

Sobre todo, como verbalizou a secretaria de Política Social do PSdeG, Marina Ortega, dada a importancia de poñer en marcha “políticas responsables, innovadoras e adaptadas aos nosos tempos” para frear unha caída de poboación que se está revelando como “inevitable”.

psdeg

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar