Gonzalo Caballero critica que o "parche" que anuncia Rajoy para as pensións amosa o seu "cinismo"

Gonzalo Caballero critica que o "parche" que anuncia Rajoy para as pensións amosa o seu "cinismo"

Gonzalo Caballero critica que o “parche” que anuncia Rajoy para as pensións amosa o seu “cinismo”

 -O secretario xeral do PSdeG lamenta que o gasto social só suba un 1,1% nos Orzamentos Xerais do Estado pese a que a economía mellora nun 2,7%

 

-O líder dos socialistas galegos denuncia que Rajoy deixou sen executar 2.000 millóns de euros para infraestruturas en Galicia nos últimos catro anos coa calada de Feijóo

 

Santiago, 28 de marzo de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou este mércores en rolda de prensa o “parche” anunciado polo goberno de Mariano Rajoy e o seu “socio estrutural” que é Ciudadanos para mellorar as pensións, toda vez que pon en evidencia o seu  “cinismo” e a “falsidade” do seu discurso político.

 

“Amosa que hai capacidade, se se quere, de apostar polo sistema público de pensións”, subliñou o líder dos socialistas galegos, tras recordar que a dereita sostiña que “non era posible” a revalorización conforme ao IPC que reclaman centos de milleiros de pensionistas nas rúas.

 

Esta “rectificación”, con todo, é “insuficiente” para Gonzalo Caballero, quen fixo fincapé na necesidade de “volver ao Pacto de Toledo” para garantir que, polo menos, as pensións suban cada ano na mesma medida que os prezos. De non ser así, adiantou, nada impedirá que en seguintes orzamentos se consolida a suba do 0,25%.

 

Así mesmo, tras manter unha xuntanza cos deputados nas Cortes Pilar Cancela e Guillermo Meijón e co voceiro no Parlamento galego, Xoaquín Fernández Leiceaga, o dirixente do PSdeG cuestionou “a suba parcial” da base reguladora das pensións de viuvez do 52 ao 54%, posto que a lei aprobada durante a etapa de goberno José Luis Rodríguez Zapatero impón que neste exercicio tería que estar situada no 59%.

 

SEN “SENSIBILIDADE SOCIAL”

 

En paralelo a estes “incumprimentos” co sistema público de pensións, Gonzalo Caballero avaliou que os datos feitos públicos en relación aos Orzamentos Xerais do Estado permiten concluír tamén que o anteproxecto de contas públicas “carece de sensibilidade social”.

 

E é que, como recalcou o secretario xeral, o gasto social nestas contas só sube un 1,1% a pesar de que a economía se atopa en taxas do 2,7% e dos niveis de desigualdade “sen precedentes” que padece o país. Non hai, reprobou, “un compromiso para que o crecemento económico chegue ao conxunto das familias”.

 

“INCUMPRIMENTOS” CON GALICIA

 

Adicionalmente, a falta de coñecer os orzamentos territorializados, o que recordou o líder dos socialistas galegos é “o legado de incumprimentos” con Galicia do goberno que encabeza Mariano Rajoy, coa calada de Feijóo.

 

Neste senso, aportou o dato de que, nos últimos catro anos, deixou sen investir 2.000 millóns de euros que estaban orzamentados para infraestruturas nesta comunidade. “Xa orzamenta menos do que Galicia merece, e moito menos que os gobernos socialistas, e, o que é máis grave, non executa”, denunciou Gonzalo Caballero.

 

Por tanto, xa ten “unha débeda” con Galicia deses 2.000 millóns de euros que “non gastou aquí, e que levou para outro sitio”, e que confirma que os orzamentos da dereita teñen sido “un fraude para Galicia”.

psdeg

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar