Gonzalo Caballero aposta por "abrir as portas da universidade a estudantes doutros países" como vía para combater o devalo demográfico

Gonzalo Caballero aposta por "abrir as portas da universidade a estudantes doutros países" como vía para combater o devalo demográfico

Gonzalo Caballero aposta por “abrir as portas da universidade a estudantes doutros países” como vía para combater o devalo demográfico

O secretario xeral amosa ao reitor da USC o “compromiso dos socialistas coa educación pública” e avoga por unha universidade “de calidade” que poida “liderar o futuro”

 

Santiago, 20 de xullo de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo este venres unha xuntanza co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, dentro da rolda de contactos que está mantendo cos distintos representantes institucionais e que xa o levou a reunirse tamén cos máximos representantes das universidades da Coruña e Vigo, Julio Abalde e Manuel Reigosa, respectivamente.

 

Ao termo do encontro, no que tamén participou o voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, Gonzalo Caballero sinalou aos xornalistas “a preocupación e o interese dos socialistas galegos pola universidade pública”, que ten que ser “unha oportunidade de futuro para unha sociedade que quere prosperar, que quere maior igualdade e maior benestar para o seu país”.

 

É por iso que o líder dos socialistas galegos reclamou á Xunta “un esforzo” económico que permita ás universidades incorporar “novos docentes e investigadores”, consciente do nivel de avellentamento do persoal universitario. Trátase, como dixo, de apoiar dende o goberno autonómico que se poida dar “un avance na renovación xeracional”, que suporía tamén contar con “novas correntes de pensamento e de análise”.

 

Tamén falou Gonzalo Caballero da necesidade de “abrir as portas a estudantes doutros países”, tanto polo que atinxe ás posibilidades de captar “os mellores talentos do ámbito internacional” como pola importancia de combater o “importante problema demográfico que ten Galicia”. Así é que avogou pola “internacionalización do alumnado” e por buscar “fórmulas para que atopen un país no que vivir”.

 

Outro punto no que puxo a súa atención o máximo dirixente do PSdeG é nos mestrados que oferta a universidade pública. De feito, recordou que o Grupo Parlamentario Socialista xa demandou na Cámara galega implementar “unha oferta máis potente, para que os graduados atopen mestrados acordes ás súas prioridades e necesidades formativas”.

 

“LIDERAR O FUTURO”

 

Dito isto, Gonzalo Caballero reivindicou “o compromiso dos socialistas coa educación pública e cunha universidade pública de calidade, que sexa motor de cambio e represente a Galicia máis dinámica e vangardista para liderar o futuro”.

 

E, despois de que o reitor da USC agradecese a xuntanza para abordar “os problemas actuais da universidade e as actuacións a abordar”, o líder dos socialistas galegos reafirmou a aposta por “unha universidade pública que poida chegar a todos os cidadáns en igualdade”.

 

Nese principio enmarcou “os avances importantes” protagonizados polo goberno de Pedro Sánchez, que xa anunciou unha subida na contía das becas para os estudantes con menor poder adquisitivo. “Que ninguén quede sen estudiar por razóns económicas é un compromiso dos socialistas, tamén en Galicia”, concluíu Gonzalo Caballero.

 

psdeg

Artigos relacionados

Deixar a resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.

Pechar