Gonzalo Caballero anuncia emendas aos orzamentos "do matrimonio PP-Cs" para dar a Galicia "un trato equitativo"

Gonzalo Caballero anuncia emendas aos orzamentos "do matrimonio PP-Cs" para dar a Galicia "un trato equitativo"

Gonzalo Caballero anuncia emendas aos orzamentos “do matrimonio PP-Cs” para dar a Galicia “un trato equitativo”

 

O secretario xeral do PSdeG lamenta que “teña máis peso” no PP de Rajoy e de Feijóo “a idea de Ciudadanos de non investir en Galicia” que “os propios intereses dos galegos e das galegas”

 

Santiago, 6 de abril de 2018. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, anunciou este venres emendas aos orzamentos do Estado para Galicia por valor duns 600 millóns de euros, ao obxecto de que a comunidade reciba “un trato equitativo” e de que as súas inversións suban, polo menos, “o mesmo” que no resto do territorio. As emendas dos socialistas galegos tentarán recuperar o nivel dos orzamentos para Galicia executados no último ano do goberno socialista, que superou os 1.500 millóns de euros fronte aos 936 millóns que plantexa Rajoy para Galicia no ano 2018.

 

Así o dixo en rolda de prensa, acompañado pola coordinadora dos socialistas galegos no Congreso, Pilar Cancela, e polo voceiro en materia de orzamentos, Guillermo Meijón, e manifestou a súa “perplexidade” por que os fondos que o goberno de Rajoy destina a Galicia aumentan pouco máis dun 1% cando a media se sitúa no 17%.

 

“Queremos niveis de inversión análogos”, reclamou Gonzalo Caballero, sen obviar que Galicia xa padece pensións e salarios por baixo da media estatal. “Non podemos resignarnos a unha suba do 1,2%”, sentenciou, crítico cos “primeiros grandes orzamentos do matrimonio PP-Cs”.

 

A fin de conseguir “o mesmo nivel” de incremento de inversión que no resto das comunidades, o líder dos socialistas galegos puxo o foco en que as súas emendas reclamarán “o que Galicia merece e o que é xusto” e que terán por obxectivo dar solución “aos problemas e necesidades” desta terra.

 

EMENDAS

 

Deste xeito, incluiranse emendas orzamentarias que posibiliten financiar un plan de reindustrialización, visto que o propio Consello Económico e Social “suspende a Feijóo” nesta materia; para un plan de revitalización da demografía, especialmente nas provincias de Lugo e Ourense; para accións de prevención dos incendios e en materia forestal; e para saneamento das rías. Así mesmo, presentarase unha emenda destinada a un plan de conservación e mellora de estradas de Galicia.

 

En relación ás inversións en infraestruturas, as emendas do PSdeG incorporarán demandas referidas ao desenvolvemento do corredor noroeste de mercadorías, ao impulso e posta en funcionamento de estacións intermodais das cidades galegas e ás inversións necesarias para permitir a entrada do AVE en Galicia, especificamente impulsando o tramo Taboadela-Ourense.

 

Algúns exemplos significativos que forman parte do paquete de emendas dos socialistas galegos aos orzamentos do Estado inclúen inversións para a conexión ferroviaria da Coruña con Punta Langosteira e a rexeneración da ría do Burgo; para o Plan Ferrol, con fondos para o saneamento da ría e o dique e a mellora da liña ferroviaria da cidade.

 

Tamén se demandan fondos para inversións na cidade de Compostela, como a EDAR do Souto, que os socialistas galegos incorporan nun paquete de inversións denominado Plan Xacobeo 2021. Xunto a reclamación da inversión do AVE na provincia de Ourense, as emendas orzamentarias instan a dedicar fondos para as autovías A-76 e A-56, así como fondos para poñer en funcionamento o Museo Arqueolóxico de Ourense.

 

No caso da provincia de Pontevedra, xunto á necesidade de fondos para o trazado ferroviario sur do eixo atlántico, os socialistas incorporan tamén unha emenda necesaria para desenvolver a tramo de AVE de entrada a Vigo por Cerdedo, así como fondos para a biblioteca do Estado en Vigo. Outra emenda terá por finalidade a inversión na A-57 e circunvalación de Pontevedra.

 

Non se esqueceu o secretario xeral do PSdeG da recente promesa de Rajoy da autovía Vigo-Porriño, que non figura no proxecto de orzamentos porque o goberno alega que irá “por vía extrapresupostaria”. “Non podemos darlle credibilidade, porque suspende en todos os seus compromisos con Galicia e nin sequera executa o orzamentado”, polo que reclamou que a vía de financiamento da alternativa á autovía Vigo-Porriño figure nos orzamentos do Estado.

 

Para a provincia de Lugo, as emendas socialistas, entre outras, incorporan a necesidade de orzamentar fondos para o AVE e a estación, así como para as autovías A-54, A-56 e A-74.

 

Ademais, nos próximos días, reunirase a Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG para concretar a totalidade do paquete de emendas que os deputados socialistas galegos presentarán no Congreso.

 

FEIJÓO TEN QUE DICIR “NON”

 

Tras detallar estas demandas, nas que estivo traballando xunto cos representantes galegos nas Cortes, Gonzalo Caballero evidenciou que “a Galicia vaille mal co PP”, pois os socialistas investían “moito máis” na comunidade aínda durante a crise.

 

É por iso que chamou a dar “un non contundente”, comezando polo propio Feijóo, a unhas contas que “relegan e minusvaloran a Galicia”. Nese senso, recomendoulle ao presidente da Xunta aproveitar a convención do PP desta fin de semana para preguntarlle a Rajoy “por que Galicia recibe un incremento significativamente menor que o resto”.

 

Para concluír, o secretario xeral do PSdeG lamentou que Feijóo e Rajoy “poñan os intereses de Ciudadanos”, coa súa “idea de non investir en Galicia”, por riba “dos propios intereses dos galegos”.

psdeg

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar