Gómez Besteiro sinala que a suba do canon de Sogama responde a unha “decisión política” provocada pola “falla de peso de Feijóo”

Gómez Besteiro sinala que a suba do canon de Sogama responde a unha “decisión política” provocada pola “falla de peso de Feijóo”

Gómez Besteiro sinala que a suba do canon de Sogama responde a unha “decisión política” provocada pola “falla de peso de Feijóo”

O líder dos socialistas galegos advirte que o incremento do imposto no 34 por cento “non ten precedentes” e “obriga aos cidadáns a pagar por un sistema que non funciona”

Sinala que “non é razoable que Feijóo cargue sobre a economía das familias a súa incapacidade para garantir unha nova lexislación eléctrica

Os socialistas presentarán no próximo Pleno unha proposición de Lei de reforma da Lei de Residuos de Galicia cun novo modelo que suprima o aumento do canon

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, dixo hoxe que a suba do canon de Sogama nun 34 por cento é unha “decisión política” deliberada de Feijóo que evidencia a súa “falla de peso político” na reforma eléctrica. Así o dixo na inauguración dunha Xornada Parlamentaria organizada polo Grupo Socialista sobre a Política de Xestión de Residuos en Galicia.

O responsable socialista acusou ao presidente da Xunta de decretar “unha suba de impostos sen precedentes” ao incrementar a taxa do lixo unha terceira parte do seu custe a partir do 1 de marzo, o que constitúe, explicou, “un síntoma de que o sistema está quebrando”. Advertiu que “non é razoable” que Feijóo cargue sobre a economía das familias a súa incapacidade para garantir unha nova lexislación eléctrica.

Gómez Besteiro criticou a falla de peso do presidente da Xunta para previr a reforma que eliminou as primas ás enerxías renovables e incrementou o canon do lixo cando as familias “o están a pasar moi mal porque un gran número delas non poden pagar os servizos básicos”.

Esixiulle ao presidente da Xunta que recupere o “necesario consenso no mundo municipal” para coordinar a xestión de residuos, fronte a unha suba do canon que ten provocado a contestación de alcaldes galegos de tódalas formacións políticas.

Proposta

Gómez Besteiro instou aos socialistas galegos a ofrecer un proxecto alternativo a un modelo “que está quebrado economicamente e non é viable medioambientalmente”, cunha iniciativa “diferente ao que hoxe fai o PP”. Advertiu que os conservadores defenden “incinerar moito e reciclar pouco”, nunha liña “exactamente ao revés do que marcan as directrices comunitarias”.

Sinalou que a xornada de hoxe analizará “modelos alternativos viables, que tomen Galicia como referencia” e marquen “un punto de inflexión no debate” para desenvolver un modelo “viable económica e medioambientalmente”.

Lembrou que a suba do canon “non é irreversible”, así como as políticas conservadoras na UE. Neste sentido, en alusión ás próximas eleccións europeas, dixo que os socialistas ofrecen “unha mensaxe de ilusión” e de unidade de 26 partidos en outros tantos estados “unidos cun único proxecto e un único candidato”.

Conclusións

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, deu conta das conclusións da xornada, nas que explicou que os socialistas galegos presentarán un modelo alternativo á xestión de residuos do goberno galego xa dende o próximo Pleno do Parlamento. O PSdeG presentará nesta sesión unha proposición de reforma da Lei de Residuos de Galicia co obxectivo de paralizar a suba do canon decretada por Feijóo.

O responsable socialista explicou que esta proposta dará comezo a unha serie de iniciativas en materia medioambietnal que o PSdeG levará á Cámara autonómica coas conclusións da xornada de hoxe. Os socialistas reclaman así a través dunha reforma lexislativa un novo Plan de Residuos “sostible, que incremente a recuperación e a compostaxe, coa colaboración dos concellos”.

Méndez Romeu sinalou que a política de xestión de residuos debe eludir “as servidumes derivadas da participación no accionariado de Gas Natural Fenosa en Sogama”, lembrando que actualmente a enerxética conta co 50 por cento das accións da entidade galega. Esta é a razón, abundou, de que o modelo enerxético do goberno central redunde nunha suba “escandalosa” do canon de xestión de residuos.

Advertiu que o Plan de Residuos actual, aprobado por Feijóo, “incide nas políticas mais censuradas en Europa, como son a incineración masiva e o soterramento en vertedoiro, descartando a reciclaxe”. Lembrou que Galicia recicla só o 5 por cento dos residuos, sete veces menos que a media da UE, e incinera sete veces mais.

Xornada

A xornada contou coa intervención de Antolín Sánchez Presedo, eurodeputado galego do Grupo da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas no Parlamento Europeo, quen falou sobre a política europea de xestión de residuos. A continuación tivo lugar unha Mesa Redonda moderada pola portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán.

Nesta participaron o alcalde de Brión e presidente da Mancomunidade da Serra do Barbanza, José Luis García, o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González Prieto, o alcalde de Piñor, Francisco José Fraga Civeira, e o senador socialista Miguel Fidalgo, portavoz de Medio Ambiente no Senado.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar