Gómez Besteiro reclama “máis presión e anticipación” ao goberno da Xunta para defender o naval galego

Gómez Besteiro reclama “máis presión e anticipación” ao goberno da Xunta para defender o naval galego

Gómez Besteiro reclama “máis presión e anticipación” ao goberno da Xunta para defender o naval galego

Critica a “política de feitos consumados” coa fuga de contratos fóra do territorio e sinala que a incertidume sobre os floteis deriva de que “hoxe non está materializado nin dito o que se vai facer”

Sinala o desacordo do PSdeG coa reforma laboral do Goberno e destaca que “hoxe non é suficiente con ter maioría absoluta, hai que consensuar as posicións polo ben da sociedade e do país”

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, reclamoulle hoxe “máis presión e anticipación” a Xunta e goberno central para defender o naval galego. Así o dixo logo dunha xuntanza co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, José Manuel Fernández Alvariño, na que o socialista avogou polo apoio “aos traballadores” e compartiu con Alvariño a necesidade de que “as empresas funcionen ben para combater a destrución e non creación de emprego” que sofre Galicia, que “ten futuro da man dos traballadores e das empresas”. Isto a pesar de que hai cuestións nas que o PSdeG non está de acordo, “como a reforma laboral do Goberno”. Neste senso, Gómez Besteiro trasladou a “necesidade de chegar a consensos, que é a mesma idea que lle trasladamos ao presidente da Xunta”, porque “hoxe non é suficiente con ter maioría absoluta, hai que consensuar as posicións polo ben da sociedade e do país”.

No referente ao naval e os contratos con Pemex, tras as declaracións do ministro Soria, Gómez Besteiro afirmou que “ultimamente estamos asistindo a moitos deslices e erros por parte de membros do goberno”, e lembrou que “a semana pasada tiñamos un erro de interpretación coas bolsas Erasmus”, e hoxe outro ministro tivo que rectificar. “Confío en que se faga así, porque hai unha incertidume que cada vez pesa máis sobre esta cuestión tras 18 meses oíndo falar dela, e é comprensible que os galegos teñan incertidume”, dixo. “Hoxe non está materializado nin dito o que se vai facer, polo que comprendo a incertidume, e confío porque non quero nin imaxinar que pasaría se despois de ter comprometidas esas inversións e de tantos meses dicindo que se van facer aquí os floteis, non se fan”, abundou.

O socialista apelou ademais á “responsabilidade do goberno para preocuparse polo futuro de estaleiros privados e públicos”, e referiuse tamén á adxudicación de gaseiros fóra do territorio de empresas como Gas Natural Fenosa. “Apelo á responsabilidade social de empresas que teñen unha forte implantación en España e Galicia para a produción e distribución de enerxía en relación cos gaseiros”, dixo o líder dos socialistas galegos, que pide “responsabilidade do goberno” e explicacións sobre “se houbo unha oferta competitiva, e se non a houbo por que non o foi”, porque “o goberno ten que dicir se a xestión é adecuada ou non”. ”Se houbo unha oferta competitiva, as empresas deben explicar a opción de saírse fora, que non é moi de recibo”.

“Hai que estar moi presente nese mercado, os gobernos de España e de Galicia teñen que facer mais presión, non se pode vir cunha política de feitos consumados e hai que anticiparse a esas situacións”, esixiu Besteiro.

Venda “precipitada” de NGB

O socialista lembrou as liñas argumentais do PSdeG no Debate do Estado da Autonomía e as propostas presentadas na reunión co presidente da Xunta “dirixidas ao fomento e creación de emprego vencellado ás empresas” e a posición con respecto ao sistema financeiro galego, na que defenden que continúe “a boa senda na xestión” de NGB e ven “precipitada a saída e venda” do banco. Gómez Besteiro insistiu en que “se esta se produce, a decisión do Goberno a través do FROB ten que ser moi clara e transparente, porque non se pode mover en conceptos xurídicos indeterminados, ten que ser transparente e coa fin de que se dea crédito”.

“Estamos confirmando que os cartos en poder dos bancos en vez de servir para dar crédito ás Pemes son utilizados para comprar débeda pública e non chegan a quen o necesita, que son os emprendedores e empresas”, afirmou Besteiro, que aposta por un banco “con raíces galegas, cun proxecto que pense por e para Galicia e que aposte por dar crédito en Galicia”.

Gómez Besteiro trasladou tamén outros asuntos tratados na reunión, como o da reindustrialización e a aposta por un pacto pola enerxía, porque “a electricidade pesa máis nos custos e condiciona a reindustrialización” de Galicia. O socialista puxo sobre a mesa tamén temas como a ocupación do territorio ou a industria agroalimentaria, que debe “dar o salto a pechar ciclos, producir, transformar e comercializar”, un salto “que é posible para Galicia sempre e cando creamos en Galicia”, dixo.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar