Gómez Besteiro presenta o documento para a reforma electoral e impulsar a rexeneración democrática de Galicia

Gómez Besteiro presenta o documento para a reforma electoral e impulsar a rexeneración democrática de Galicia

Gómez Besteiro presenta o documento para a reforma electoral e impulsar a rexeneración democrática de Galicia

O líder dos socialistas galegos propón que o número de deputados sexa modificado por maioría cualificada e a rebaixa do límite de votos para acceder ao Parlamento de 5 ao 3 por cento

O Documento inclúe unha ambiciosa batería de propostas como a creación dunha Iniciativa Lexislativa local que reforce aos concellos, acordar un código de bo e transparencia contra a corrupción e incluír aos familiares directos no rexistro de intereses

Propoñen reducir os gastos do Parlamento mantendo o número de escanos

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, presentou no Grupo Parlamentario Socialista o “Documento para a rexeneración democrática e a mellora da representación e participación política en Galicia”. O líder dos socialistas galegos e o portavoz parlamentario, José Luis Méndez Romeu, explicaron o contido desta proposta que foi remitida hoxe ao presidente da Xunta e aos demais portavoces.

O secretario xeral do PSdeG-PSOE chamou ao consenso sobre unha proposta dirixida a “facer unha mellor democracia en Galicia dentro das nosas posibilidades” a través dunha reforma electoral e o impulso de medidas para a rexeneración democrática de Galicia. Esta proposta foi presentada hoxe como engadido ao debate sobre a reforma do Parlamento e como contribución á proposta anterior de creación dunha Comisión de Estudo sobre a mesma.

O documento contempla en primeiro lugar unha serie de modificacións na Lei Electoral para mellorar a representación política, que inclúe a necesidade de maioría cualificada de tres quintas partes do Parlamento para modificar o número de deputados e a súa distribución. Tamén propón a redución do mínimo de votos válidos emitidos para obter representación parlamentaria, pasando do 5 ao 3 por cento.

Gómez Besteiro propuxo a creación de listas electorais con alternancia de xéneros –as coñecidas como listas cremalleira-, así como a regulación estrita dos debates electorais nos medios de comunicación. Tamén contempla limitar as papeletas electorais aos colexios no día de voto, eliminando os envíos postais masivos.

Chamou a ampliar a inelexibilidade ás persoas con cargos de designación en institucións ou consellos de administración públicos, ou ampliar os supostos de incompatibilidades a senadores e membros das corporacións provinciais. Tamén propuxo incluír a situación patrimonial dos parlamentarios e das súas familias no Rexistro de Intereses, “axustándose á normativa vixente en materia de protección de datos persoais”.

Instou ademais a que o Parlamento impulse un código ético de bo goberno e transparencia contra a corrupción, segundo as recomendacións dos organismos internacionais. Propón conter o gasto electoral reducindo a duración da campaña electoral a entre 10 e 15 días, fronte aos entre 15 e 21 que dura actualmente, así como a revisión do custe e eficacia dos envíos postais de publicidade electoral.

Iniciativa lexislativa

Os socialistas galegos plantexan ademais unha serie de cambios na normativa que abrangue á Iniciativa Lexislativa Popular, rebaixando o número de sinaturas necesarias de 15.000 a 10.000, garantindo a participación dun membro da Comisión Promotora durante toda a tramitación parlamentaria das iniciativas.

Ademais, propuxo a creación dunha Iniciativa Lexislativa Local que poida ser presentada a través dos concellos galegos cando representen a un mínimo do dez por cento do total ou cando sexan a lo menos dez concellos con 30.000 electores.

Regulamento do Parlamento

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, explicou algunha das propostas de reforma do Regulamento do Parlamento, incluíndo a redución dos gastos da Cámara reducindo os salarios dos deputados e deputadas e incrementando as cotizacións fiscais ata a totalidade dos ingresos. Estas propostas, explicou, supoñen un maior aforro que as medidas propostas polo PP de reducir de reducir o número de deputados

Tamén propuxo reducir o período inhábil –as coñecidas como “vacacións parlamentarias”- que actualmente é de 90 días ao ano ata 40 días. Os socialistas galegos propoñen rebaixar o número mínimo de deputados e deputadas para propor unha Comisión de Investigación, que deberá constituírse cano obteña o voto favorable dunha terceira parte da Cámara.

Ademais, os conselleiros deberán comparecer no caso de non ser facilitada a documentación solicitada polos grupos parlamentarios, e os plenos deben incluír as comparecencias solicitadas pola oposición.

Propoñen que as entidades representativas da cidadanía poidan facer preguntas directas á Xunta a través da Comisión de Peticións, ademais de sancionar economicamente aos membros da Cámara que incumpran as súas obrigas de asistencia ás sesións parlamentarias. Reclamou ademais a regulamentación do debate do Estado da Autonomía e a redución dos prazos de tramitación de iniciativas.

Participación cidadá

A proposta socialista incorpora ademais unha serie de iniciativas para mellorar a participación cidadá na Cámara autonómica, como crear un rexistro de participación da cidadanía á que se lle remitirá información sobre materias específicas, ou facendo pública a orde do día do Consello da Xunta. Tamén propón a celebración de consulta sobre o grao de satisfacción da cidadanía sobre as políticas públicas e a calidade dos servizos.

Ler o Documento para a Rexeneración Democrática e a Mellora da Representación e Participación Política en Galicia

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar