Gómez Besteiro defende o diálogo social fronte ao "ataque feroz contra os traballadores" por parte do PP

Gómez Besteiro defende o diálogo social fronte ao "ataque feroz contra os traballadores" por parte do PP

Gómez Besteiro defende o diálogo social fronte ao "ataque feroz contra os traballadores" por parte do PP

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, apostou hoxe polo diálogo social como “o xeito mais democrático e participativo de facer política”. Así o dixo na constitución da Federación de Servizos para a Mobilidade e o Consumo da UGT Galicia, á que tamén asistiron a secretaria de Organización do PSdeG, Pilar Cancela, e o alcalde de Lugo, Xosé López Orozco.

Gómez Besteiro defendeu o diálogo social como medio de lexitimar a acción de goberno e de fortalecer o país para facelo “harmónico, equilibrado, puxante, moderno, ambicioso, sólido, representativo e resultado da simbiose coas súas xentes”. En contra, dixo, dunha dereita “famenta de destrución de dereitos e liberdades” que “atacou aos sindicatos por garantir a xustiza e a protección da clase traballadora”.

O PP, sinalou, establece un “ataque feroz e sen precedentes aos traballadores e traballadoras” e un modelo de relacións laborais “inxusto, desigual, de precariedade e no que traballar non garante vivir con dignidade ou non pasar fame”, que obriga aos pensionistas a soster aos seus fillos e netos e que ten á emigración como un auténtico “cancro social”.

Dixo que este goberno facilita o despido, minora as competencias da inspección de traballo, precariza as condicións laborais, fomenta a contratación temporal, reduce salarios, elimina os controis garantistas dos EREs, promove a desigualdade laboral das mulleres, privatiza o servizo público de emprego, minora os orzamentos de seguridade e saúde laboral e mesmo obriga a tributar polas indemnizacións por despido.

O resultado é que “non hai un só sector estratéxico da nosa economía que presente un balance positivo ou con expectativas de futuro, de xeración de riqueza, de fortalecemento e valor engadido”. Cada un dos datos que ofrecen os gobernos de Feijóo e Rajoy, subliñou, é “peor que o anterior” ata levar á sociedade galega e estatal a unha “situación absolutamente dramática”.

Defensa da clase traballadora

Gómez Besteiro defendeu un goberno “serio, responsable e rigoroso” que defenda á clase traballadora para garantir un “futuro xusto e igualitario para todos e todas” e apostou por reforzar ás organizacións sindicais como “principio vertebrador imprescindible da sociedade democrática e do propio Estado de dereito”.

A recuperación, dixo, debe pasar por mellorar os dereitos e a capacidade económica dos traballadores e traballadoras e aplicar unha reforma fiscal “xusta e progresiva” fronte a un goberno do PP que considera as indemnizacións por despido como “un premio”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar