Gobernos que crean nas políticas públicas

Gobernos que crean nas políticas públicas

Gobernos que crean nas políticas públicas

A portavoz do Grupo Socialista, Patricia Vilán, reivindicou hoxe “gobernos que crean nas políticas públicas e que traballen por que a vida dos cidadáns sexa mellor”. Así o dixo na sesión de control ao presidente, na que levou as consecuencias da redución de dereitos públicos e dos recortes de servizos aplicados por Feijóo.

“Eses gobernos non están nas bancadas do PP, están neste lado da Cámara”, puntualizou logo de criticar que o presidente da Xunta “non cre nos servizos sociais nin cre nos servizos públicos”, e que o único que pode ofrecer sexa que o 93 por cento dos novos contratos de traballo sexan precarios. “iso non é dereito ao traballo, é dereito a un contrato lixo, que é o que vostedes saben crear”.

A responsable socialista reduciu a “puro papel” os supostos dereitos dos que “presume” o presidente da Xunta que permanece “na súa Alicia – Galicia no país das marabillas” e “non é quén de mirarlle aos ollos” aos mariñeiros do cerco acampados fronte a San Caetano ou aos doentes falecidos agardando polos fármacos da hepatite C bloqueados polo Sergas.

Vilán lamentou que “non se pode devolver o esforzo de moitos cidadáns de Galicia, non lles van devolver o traballo que perderon, os comercios que tiveron que pechar, os impostos que aumentaron, as vivendas das que os botaron, as listas de espera, as películas que non puideron ver pola suba dos impostos, os medicamentos que pagaron e repagaron ou as taxas por ir a xuízo”.

Dereitos cidadáns

Antes diso, a portavoz socialista presentoulle ao presidente da Xunta catro casos concretos das consecuencias dos recortes aplicados polo goberno galego, comezando por unha persoa con dereito á dependencia que o solicitou en outubro de 2008, tivo que presentar unha queixa ao Valedor en 2013 e acabou morrendo en 2014 sen ter recibido ningunha axuda, e que é só unha das 16.000 persoas que agardan en Galicia polo dereito á Dependencia.

Presentou tamén o caso da muller falecida agardando polos fármacos da hepatite C, xunto con outros sete casos que levaron a dous altos cargos do Sergas diante da xustiza, ou o do neno do colexio de Coirós, en Pontevedra, construído en 1969 e que aínda non tivo “ningunha obra relevante” para a súa mellora”.

Os rapaces daquel colexio, dixo, xogan nun arreeiro infestado de pulgas, teñen que comer nun barracón de obra acondicionado en 2009, protexerse das correntes de aire do interior e dunha calefacción que non funciona.

Sinalou tamén o caso dos mariñeiros de cerco que estiveron acampados fronte a San Caetano durante 90 días porque o presidente da Xunta, que “presume de maiorías, non lle valeu para responder ás peticións de mellora dos dereitos de cota para o cerco galego”, unha flota que si que é maioritaria no Estado.

Concluíu que todos estes casos “tampouco teñen a posibilidade de acudir á xustiza para reclamar os seus dereitos vulnerados” porque o PP limitou o dereito á xustiza gratuíta, retirándollela a quen perciba un salario de 915 euros mensuais “porque superarían o máximo de 12.780 euros anuais”.

Reclamoulle ao presidente da Xunta que responda “qué lles diría, que paguen ao avogado e ao procurador do seu peto ou que desboten a posibilidade de defender os seus dereitos diante dos tribunais de xustiza?”.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar