O Goberno galego patrocina a precariedade na sanidade pública con 378 millóns de euros anuais

O Goberno galego patrocina a precariedade na sanidade pública con 378 millóns de euros anuais

O Goberno galego patrocina a precariedade na sanidade pública con 378 millóns de euros anuais

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, censurou hoxe a situación laboral “nefasta” na sanidade pública pola xestión dun goberno que “patrocina a precariedade” con 387 millóns de euros anuais. Así o dixo no debate dunha interpelación ao conselleiro de Sanidade na que denunciou “condicións leoninas” no traballo da sanidade e reclamou manter a OPE nos próximos anos.

O responsable socialista sinalou que “xeran dúbidas sobre a súa defensa da eficiencia do sistema” levando a precariedade a empregos estruturais da sanidade. Explicou que un de cada cinco postos de traballo da sanidade son cubertos con persoal eventual, xa que dunha plantilla de 35.000 empregados, os sindicatos cifran os eventuais en torno aos 7.000.

Torrado criticou as condicións nas que ten que traballar este persoal, acumulando 270 contratos en 5 anos, dous nun mesmo día, avisos ás 8 da mañá para entrar a traballar a esa mesma hora, obrigados a resolver a súa vida persoal “en minutos”. Sinalou que están inhabilitados de dispoñer de tempo persoal “porque teñen que estar dispoñibles” baixo o risco de perder o seu posto nas listas de contratación.

Acusou á Consellería de impoñer un tratamento laboral que “bordea a explotación” para un servizo que “necesita estabilidade e unhas condicións laborais mínimas” para evitar os riscos xerados polo estrés e o queime laboral. Neste sentido, lembrou que actualmente o 80 por cento da enfermería está estresada e o 50 por cento reflicte queime laboral.

Sinalou que o nivel de emprego actual resulta “insuficiente” e afecta á calidade do servizo, como demostran as listas de espera, que “semellan unha carreira para ver quen ten a cita máis lonxe, con esperas de un ano ou ano e medio”. Torrado amosou as citas concedidas para a especialidade de Dixestivo en Vigo “para setembro de 2018”, ou a de Rehabilitación en Valdeorras “tamén para setembro... pero de 2019”.

Manter a OPE

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista reclamoulle á Consellería que utilice as partidas que destina a persoal precario para repetir a Oferta Pública de Emprego nos próximos anos e recuperar os niveis de calidade e atención da sanidade pública. Advertiu que “o persoal estable traballa mellor, é máis rendible e eficaz e contribúe mellor á política de saúde”.

Torrado saudou a convocatoria da OPE para este ano coa que, dixo, o conselleiro “fixo un Puigdemont” porque “vai e non vai, primeiro a anunciaron, despois dixeron que non podía ser ata que non se aprobaran os Orzamentos, despois que tiñamos que apoialos para finalmente convocala”. Sinalou que “non se poden facer convocatorias de OPE interruptus como fan vostedes”.

O parlamentario socialista saudou sen embargo que o goberno galego decidira dar luz verde a esta convocatoria a raíz dunha iniciativa socialista debatida en marzo e emprazounos a apoiar a moción que seguirá no próximo Pleno á interpelación presentada hoxe.

jacobo

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar