Gallego: "O Plan Director da Rede Natura permite facer calquera cousa en calquera sitio"

Gallego: "O Plan Director da Rede Natura permite facer calquera cousa en calquera sitio"

Gallego: "O Plan Director da Rede Natura permite facer calquera cousa en calquera sitio"

A secretaria de Medio Ambiente do PSdeG, Carmen Gallego, denunciou a “ambigüidade e discrecionalidade” do Plan Director da Rede Natura do Goberno de Feijóo, que non só reduce as zonas de protección, senón que “permite facer calquera cousa en calquera sitio”.

Gallego afirmou que o Plan parece feito “porque así o obriga a UE pero non para a protección de espazos e hábitats”. A socialista sinalou que mantivo unha xuntanza con agrupacións conservacionistas e ecoloxistas “na que constatamos que o Plan é coxo nas prohibicións e incumpre os obxectivos de participación, educación, comunicación e concienciación que debe incluír”.

“O Plan Director da Rede Natura sirve para todo e para nada”, sinalou Gallego, á vez que apuntou que, no que respecta á parte normativa do mesmo, elaborada pola Consellería de Medio Rural “contempla que se pode facer practicamente de todo nos espazos protexidos”.

Criticou así a reducción das zonas de protección de cinco que incluía o plan do anterior Goberno socialista, a tres, cunha área de conservación, outra de uso xeral e outra de protección, pero “con escasos usos prohibidos en todas elas”.

Gallego apuntou que entre os poucos usos prohibidos atopase a instalación de parques eólicos, mentres outro tipo de industrias, incluída a acuicultura, si terán cabida, neste caso na Rede Natura costeira. Unha zona que, resaltou a socialista, “só ten un dous por cento sen hábitats prioritarios e de especial interese comunitario, o que supón que practicamente non hai espazo para facer nada fora do que son estas zonas, co cal as áreas industriais permitidas van acabar cos hábitats e especies existentes na zona”.

Sinalou que “isto vai contra da directiva de hábitats da UE” e lamentou que o Goberno galego elabore por tanto un documento “que nin protexe o territorio, nin a Rede Natura, nin as especies, nin conserva nada”.

“Isto é unha mostra máis da política do Goberno de Feijóo en canto á conservación de espazos naturais, consistente na reducción de orzamentos para a Conservación da Natureza –en máis de dez millóns de euros nos últimos dous anos- a diminución de orzamentos para parques naturais, a supresión de programas para mellorar a Rede Natura como Parques para Vivir e Emprego Natura, ou o peche das Aulas de Conservación da Natureza.

Gallego tamén denunciou a falsidade dos datos económicos aportados na memoria do plan, xa que na memoria dispoñible en internet contémplase un investimento de 26,3 millóns de euros anuais entre 2011 e 2016, o documento entregado ás agrupacións ecoloxistas fala de cinco millóns ao ano.

A socialistas lembrou ademais que a Consellería está a incumprir o procedemento administrativo, porque o Plan Director está agora mesmo na fase de alegacións, pero non conta coa Avaliación Ambiental Estratéxica nin pasou pola exposición pública de seis meses preceptiva nestes casos. “A única explicación é que a Xunta considere que este plan é unha continuación do feito polo anterior goberno, e que cualificaron no seu día de “mapiña”. Non sei se ese “mapiña” é o que lles serve agora para seguir o procedemento”, ironizou.

Gallego anunciou a presentación de suxestións e alegacións ao Plan, ademais de iniciativas tanto no Parlamento galego como no Parlamento Europeo “porque entendemos que vai contra a Directiva Hábitat”.

Lumes
Por outra parte, Gallego lamentou que o presidente da Xunta estea a demostrar que “non está a altura das circunstancias” no que respecta aos lumes “amosando un comportamento frívolo e irresponsable”.

A socialista criticou que o Goberno galego “ven desmontando dende o primeiro día a reforma estrutural da xestión do monte feita na anterior lexislatura” como evidencia a falla de políticas de prevención e a eliminación das axudas aos concellos para a limpeza dos perímetros. A isto engadiu que a día de hoxe o dispositivo contra incendios siga sen estar a pleno rendemento.

“Feijóo decidiu ser ` Feijóo I el austero´ na prevención e extinción de incendios, e botarlle a culpa a todos do que pasa no monte galego, eludindo a súa responsabilidade”, proclamou. “Mentres, os que estamos a loitar contra o lume somos os cidadáns, os brigadistas, e os medios do Goberno Central, pero non a Xunta”, remachou.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar