Gallego: O Plan de Residuos “está tan cheo de bonitas palabras como falto de cumprimento da normativa comunitaria

Gallego: O Plan de Residuos “está tan cheo de bonitas palabras como falto de cumprimento da normativa comunitaria

Gallego: O Plan de Residuos “está tan cheo de bonitas palabras como falto de cumprimento da normativa comunitaria

A secretaria de Medio Ambiente do PSdeG, Carmen Gallego, afirmou que o Plan de Residuos aprobado polo Goberno galego “está tan cheo de bonitas palabras como falto de cumprimento da normativa comunitaria, e é tan falso como o propio Núñez Feijóo”.

Así resumiu Gallego un plan “que supón a consagración do modelo Sogama implantado polo PP a principios dos 90” e que “xa se revelou ante a cidadanía como un modelo fracasado e insostible medioambientalmente”.

Explicou que “cando o Goberno galego fala no Plan de Residuos, con palabras bonitas, de complexos ambientais no sur de Galicia, en realidade está a dicir que van construír unha segunda Sogama”.

Advertiu que esta “segunda Sogama” non só repetirá o fracaso da primeira, senón que incluirá unha incineradora e un vertedoiro “precisamente as dúas últimas opcións a escoller dentro da xerarquía da normativa comunitaria, que prioriza a reducción, reutilización e reciclaxe”.

A socialista sinalou que este Plan “non soluciona os problemas de xestión dos residuos en Galicia, porque a saturación de Sogama é evidente hoxe, mentres que o Goberno galego fala de poñerlle solución entre o 2017 e o 2020”. Deste xeito “Feijóo non só non resolve este problema, senón que o deixa en herdanza para o Goberno que resulte das próximas eleccións autonómicas”.

Por todo elo, esixiu á Xunta “que aclare dunha vez por todas cal será a localidade do sur de Galicia na que se ubicará esta nova incineradora” a fin de “non ocultar por máis tempo aos cidadáns unha decisión desta envergadura”.

Gallego reclamou ademais á Xunta “que explique si esta incineradora se construirá con cargo ao plan industrial dalgunha das empresas gañadoras do concurso eólico, sen mediar un procedemento público legal e regrado”.
A responsable socialista de Medio Ambiente lembrou que o PSdeG presentou xa diversas emendas a este Plan de Residuos “das que aínda non obtivemos resposta”.

Temporais
Por outra parte, Gallego lamentou que o Goberno galego perdese unha vez máis a oportunidade de poñerse ao lado dos cidadáns afectados polas últimas chuvias, xa que no Consello da Xunta non se presentou nin unha avaliación obxectiva dos danos producidos –só un inventario dos ocasionados nas estradas e no dominio público hidráulico, que non inclúe os de particulares e empresas- nin se aprobou unha orde de axudas para os damnificados.

“Non esperaba menos de Feijóo”, ironizou Gallego, “xa que hoxe volveu a demostrar, como xa fixo no Flora, Xynthia, Becky, e outros temporais pasados, que cada vez que ten oportunidade de axudar aos cidadáns en dificultades opta por escaquearse e non asumir responsabilidades, botándolle a culpa aos demais”.

Gallego afirmou que “o inventario presentado hoxe non é unha avaliación obxectiva dos danos, porque non inclúe os dos particulares”. “Non é máis que un novo tento de escaqueo por parte da Xunta”, sentenciou Gallego, quen apuntou que “mentres o inventario da Xunta cifra os danos en toda Galicia en 1,5 millóns –ao non incluír aos particulares- só no concello de Pontevedra a cuantificación realizada vai máis alá dos tres millóns”.

“Feijóo o Goberno galego non teñen límites no seu cinismo político”, lamentou, xa que “non contentos con deixar tirados aos galegos e galegas afectados, aseguran que non hai constancia de solicitudes de axudas dos particulares por danos nas súas vivendas”. Preguntouse “onde esperan que presenten as solicitudes se non habilitan unha orde de axudas ou unha oficina de atención aos cidadáns onde se informe de cómo presentar as reclamacións”.

Lembrou neste punto que o Grupo Socialista presentou unha PNL na que instaba á Xunta a habilitar oficinas comarcais de atención aos cidadáns para axudarlles a tramitar as súas reclamacións, proposta que ao Goberno galego “parece non interesarlle”.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar