Gallego insta á Xunta a actuar de inmediato na lagoa da Frouxeira e solucionar os problemas polas inundacións

Gallego insta á Xunta a actuar de inmediato na lagoa da Frouxeira e solucionar os problemas polas inundacións

Gallego insta á Xunta a actuar de inmediato na lagoa da Frouxeira e solucionar os problemas polas inundacións

A secretaria de Medio Ambiente do PSdeG e portavoz desta área do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Carmen Gallego, instou hoxe á Xunta a actuar “de inmediato” na Lagoa da Frouxeira, en Valdoviño, a fin de solucionar canto antes os problemas de inundacións que sofre esta zona.

Gallego lembra que xa na pasada semana trasladou ao Goberno galego a preocupación dos veciños ante a enchenta que estaba a sofrir a lagoa e que deixou varias vivendas sen acceso.

Así, aproveitando a celebración do Pleno do Parlamento, a responsable de Medio Ambiente trasladou tanto ao director xeral de Conservación da Natureza como ao conselleiro de Medio Rural, a preocupación por esta situación, e pediulle unha solución “urxente” para as familias afectadas.

“A pesar da nosa insistencia, a Xunta non tomou medidas, e hoxe vemos que os problemas foron a máis e temos ás familias afectadas pechadas no concello para reclamar solucións”, apuntou.

Gallego recoñeceu que “o problema que sofre a lagoa non é de fácil solución” pero afondou na necesidade de “adoptar medidas que eviten situacións como a que se ven de producir esta fin de semana, na que varias familias quedaron sen acceso ás súas vivendas debido ás inundacións”.

Lembrou que un dos acordos acadados no Parlamento galego nesta materia instaba á Xunta á elaboración dun estudo da situación da lagoa, encamiñado tanto á conservación deste espazo natural como a buscar solucións aos problemas derivados polas actuacións de desaugamento.

“Dous anos despois de acadar este acordo, o problema segue existindo” apuntou a socialista, á vez que instou ao Goberno galego a adoptar medidas urxentes para dar saída aos problemas de enchentas que se producen nesta zona.

Gallego pediu á Consellería de Medio Rural “que canto antes tome medidas, visite a zona e fale cos afectados” e propúxolle “a máxima colaboración dos socialistas galegos na búsqueda de solucións”.

A responsable de Medio Ambiente do PSdeG, xunto á deputada desta zona, Beatriz Sestayo, presentarán diversas iniciativas no Parlamento de Galicia a fin de que a Consellería de Medio Rural explique os pasos dados para acadar unha solución a este problema e as actuacións que ten previsto acometer.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar