Gallego esixe á Xunta un Plan de Seca ante os problemas de abastecemento

Gallego esixe á Xunta un Plan de Seca ante os problemas de abastecemento

Gallego esixe á Xunta un Plan de Seca ante os problemas de abastecemento

A secretaria de Medio Ambiente do PSdeG e portavoz desta área no Grupo Parlamentario dos socialistas de Galicia, Carmen Gallego, reclamou á Xunta a elaboración dun Plan de Seca a fin de establecer medidas de actuación ante o descenso de ocupación dos encoros e os problemas de abastecemento que están xa a sufrir algunhas localidades do sur de Galicia.

Gallego sinalou que a ocupación media dos encoros é do 62,89 por cento, mentres que o pasado ano nas mesmas datas era do 79,95 por cento. Unha situación que é ademais especialmente preocupante en zonas como Baiona, que ten na actualidade a ocupación máis baixa de todos os encoros de Galicia, un 25,1 por cento, e que xa está a sufrir problemas de abastecemento.

Así mesmo, advertiu que ante a escaseza de choivas, poden producirse problemas de abastecemento de auga noutras zonas do sur de Galicia, como Ourense, onde a ocupación actual do encoro é tamén moi baixa, de 25,2 por cento; Vilagarcía, que conta cun 41,9 por cento de auga encorada; e O Salnés, cun 67,3 por cento de ocupación.

Gallego lamentou que o Goberno galego “non teña feito os deberes” e que non elaborase un Plan de Seca para situacións como a que se está a producir este ano. Lembrou que os socialistas galegos xa o solicitaron no seu día e que presentaron emendas á Lei de Augas para que incluíse a regulación das situacións de secas extraordinarias e as actuacións a acometer ante as mesmas.

“Consideramos que a Lei de Augas era un instrumento axeitado para regular estas actuacións e así llo fixemos saber ao Goberno galego, que rexeitou as nosas emendas e que aprobou esta normativa sen incluír ningunha previsión de actuación para os casos de seca”, denunciou a socialista.

Gallego apuntou ademais que o Plan de Abastecemento de Auga vixente reduciu nos últimos dous anos o 50 por cento do orzamento dedicado a infraestruturas hidráulicas, mentres que o Plan Hidrolóxico Bacía Galicia Costa, tampouco recolle as medidas paliativas e preventivas que debe contemplar un Plan de Seca, e limítase a relatar como debe ser un plan deste tipo.

Neste punto, lembrou que a normativa comunitaria establece que o Plan de Seca debe incluír medidas paliativas e preventivas, establecer como e cando actuar, como anticiparse a futuras secas ou como establecer medidas de mitigación e atribuír as responsabilidades de coordinación.

“A día de hoxe o Goberno galego non ten elaborado nada disto, e agora atopámonos ante un ano hidrolóxico moi seco, cun 20 por cento menos de auga encorada e cunhas previsións que apuntan a que as choivas que poidan producirse non van solventar esta situación”, alertou Gallego.

Por elo, ademais de esixir a elaboración deste plan, anunciou que os socialistas galegos pedirán a comparecencia urxente neste mes de xullo do conselleiro de Medio Ambiente a fin de que explique por que non pon en marcha un Plan de Seca e cales serán as actuacións previstas polo Goberno galego ante os problemas de abastecemento á poboación que se poden producir este verán.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar