Gallego: "A proposta de ampliación da Rede Natura é insuficiente e non garante nin a conectividade nin o diálogo"

Gallego: "A proposta de ampliación da Rede Natura é insuficiente e non garante nin a conectividade nin o diálogo"

Gallego: "A proposta de ampliación da Rede Natura é insuficiente e non garante nin a conectividade nin o diálogo"

A secretaria de Medio Ambiente do PSdeG e portavoz desta área no Parlamento de Galicia, Carmen Gallego, presentou hoxe as alegacións do PSdeG á proposta de ampliación da Rede Natura da Xunta, despois de consensualas con alcaldes e alcaldesas socialistas e manter xuntanzas con colectivos ambientais.

Gallego considerou a proposta do Goberno galego “insuficiente e pouco coherente” e destacou que “non garante nin a conectividade nin o diálogo aberto con todos os axentes afectados, porque non está clara a afectación sobre o territorio”.

Apuntou ademais que este documento “chega demasiado tarde” xa que o Goberno galego está incumprindo os prazos dados pola Comisión Europea en 2004 para ampliar os lugares de interese comunitario (LICs). Un retraso que considerou ademais “inxustificado” dado que o anterior Goberno socialista “deixou feito e consultado co Consello Galego de Medio Ambiente unha proposta de ampliación que cubría sobradamente os requirimentos da UE”.

“Este retraso non pode ser unha escusa para acurtar os tempos de consulta e diálogo público”, sinalou Gallego, polo que os socialistas solicitaron a ampliación do período de consulta cando menos un mes mais. Despois de que hoxe mesmo o Goberno galego decidise ampliar este prazo, Gallego valorou “a rapidez coa que a Xunta atendeu ao noso requerimento”.

Pediu ademais maior concreción no documento“ xa que “non é rigoroso nin exacto para a consulta dos concellos ou organizacións agrarias e ambientais” dado que a cartografía que se presenta “non vai ao detalle, o que dificulta aos concellos saber como lle afecta esta proposta ao seu planeamento urbanístico”.

Por elo, os socialistas galegos esixen unha cartografía máis detallada, e a apertura dun período de negociación entre a Xunta, os concellos e outras organizacións, para coñecer o verdadeiro alcance das propostas.

As alegacións inclúen tamén a solicitude de revisión da superficie protexida dos concellos, tras constatar erros de carácter técnico na medición da superficie xa incluída na Rede Natura, ou a inclusión de novos concellos que en realidade xa tiñan unha parte do seu territorio en Rede Natura.
O PSdeG solicita ademais que se axuste a porcentaxe de municipios cuxo territorio protexido rolda o 40 por cento, como o caso da Fonsagrada, que ten o 39,7 por cento, dado que “suporía vantaxes para o seu planeamento urbanístico e compensacións”.

Gallego reclamou ao Goberno galego que cumpra coas recomendacións da directiva comunitaria no que respecta á coherencia e conectividade, xa que “non é útil ir protexendo anaquiños de territorio inconexos entre si, senón que hai que buscar a conectividade e crear corredores ecolóxicos”.

Pediu ademais a inclusión na proposta de todos os territorios nos que existan hábitats e especies protexidas, e “mais e mellor información sobre as consecuencias que ten a protección de espazos naturais”.

Investimentos en espazos protexidos

“Declarar un espazo protexido ten que significar oportunidades para o territorio que se declara como tal”, engadiu, polo que criticou a ausencia dunha memoria económica e demandou investimentos para as zonas protexidas.

Neste senso, lembrou que os fondos FEADER destinados a Galicia -en torno aos 850 millóns de euros de 2009 a 2015- contemplan que cando menos un 12 por cento desa contía ten que estar dedicado aos espazos protexidos, mediante axudas a particulares, institucións e concellos.

“Ata o de agora isto non se cumpriu, non se fixo ningún investimento, polo que esiximos á Xunta que reflicta neste documento o compromiso dun orzamento anual para estes territorios, con obxectivos cuantificables, tendo en conta as hectáreas protexidas e o número de habitantes”.

Lembrou ademais que a proposta de ampliación da Xunta é insuficiente, dado que contempla pasar do 12 por cento actual ao 15 por cento, mentres que a do anterior Goberno socialista elevaba a protección do territorio ao 18 por cento.

32641281A

Artigos relacionados

Deixar a resposta

Pechar